Santo Tomé, no Valadouro, celebra a súa tradicional rapa das bestas a primeira fin de semana de agosto

Esta celebración, que pecha o calendario nos curros da comarca da Mariña, inclúe feira de gando, competicións ecuestres e xogos populares. Os ataques do lobo ao gando poñen en perigo a continuidade da celebración

Santo Tomé, no Valadouro, celebra a súa tradicional rapa das bestas a primeira fin de semana de agosto

Aloitador no curro de Santo Tomé

O día 5 de agosto o curro de Santo Tomé, no Valadouro, reunirá aos cabalos da comunidade de montes de Xestaca e Grandavella, pertencente ás parroquias de Santo Tomé e Recaré, que organiza un ano máis a súa tradicional Rapa das Bestas, a última das que se celebran na comarca da Mariña. Trátase dunha cita na que ademais da marcaxe e corte das crins dos cabalos haberá tempo para os xogos populares, as competicións equinas e a feira de gando.

A festa comeza o domingo ás primeiras horas da mañá, coa baixada dos cabalos ao curro de Santo Tomé. Ás 11 horas os animais, arredor dun cento, xa estarán no recinto para comezar coa imaxe máis vistosa do día, a marcaxe das poldras nacidas no último ano e o corte das crins de toda a cabana. Para última hora da mañá está programada a pelexa dos garañóns e durante toda a xornada haberá feira de gando cabalar e vacún, na que os veciños aproveitan para vender algúns animais.

A programación continúa con sesión vermú e xantar campestre e, pola tarde, con propostas como tiro á corda e arrolamento de rolos. Os que desexen participar nestes xogos terán que apuntarse entre as 12 e as 16 horas. Haberá premios en metálico de 50 euros para os gañadores e gañadoras nas categorías masculina e feminina.

Tamén pola tarde celebraranse carreiras de cabalos, tanto nas categorías de cabalos do país como de cabalos cruzados, competicións para as que haberá premios de 90, 60 e 30 euros máis trofeo para o 1º, 2º e 3º  clasificados, respectivamente.  A popular carreira de burros recoñecerá cun premio de 50 euros ao gañador e un trofeo para o segundo. Os participantes do tiro á corda e do arrolamento de rolos optarán a dous premios de 50 euros na categoría de adultos.

Durante a festa sortearanse 300 euros no curro até que apareza o número premiado. O fin de festa chegará coa entrega dos premios aos gañadores nos múltiples concursos da xornada.

O lobo pon en serio perigo a continuidade desta celebración

A de Santo Tomé é unha rapa histórica que se ven celebrando de xeito ininterrompido desde tempo inmemorial. De feito, a carón do curro novo construído en madeira e ubicado no lugar coñecido como a Rega do Moleiro, que é onde se celebra a rapa desde hai 30 anos, existe un dolmen moi ben conservado e moi preto está o Prado das Chantas, un recinto ritual megalítico, o que evidencia a relación ancestral do home e o cabalo nos montes do Valadouro.

Con anterioridade á rapa celebrábase no curro vello, un recinto de pedra ubicado 500 metros máis abaixo do actual, no lugar coñecido como Sabucedo, que comparte nome coa rapa celebrada na provincia de Pontevedra, unha das máis coñecidas de Galicia. As fotos que se conservan de mediados do século pasado dan testemuña de que o número de cabalos foi a menos por diversos factores, pero un dos que na actualidade máis preocupa aos membros da comunidade de montes é o lobo.

“É un problema moi serio. Estes últimos anos afectou moito pero este foi dos que máis. Non puidemos facer venda de poldros porque case non deixou ningún”, explica Pedro Blanco Palmeiro, un dos mozos da parroquia que coma Christian Pérez Vázquez é un dos aloitadores habituais. Calculan que no último ano o lobo puido matar medio cento de animais e ven perigar mesmo a celebración: “Os cabalos teñen unha vida longa, pero se nos segue matando as crías non temos capacidade para repoboar e este ano só nos deixou dúas poldras e macho ningún”, quéixase.

A rapa de Santo Tomé en imaxes:

Garañóns pelexando no curro

Unha das reservas de cabalos de Pura Raza Galega

O Cabalo de Pura Raza Galega mantén unha poboación estable, con certas oscilacións, rondando entre os 1.200 e os 1.450 exemplares, a maior parte deles, femias. A Serra do Xistral, que comparten concellos como O Valadouro, Abadín ou Ourol, é unha das zonas de Galicia onde se mantén a presenza de cabalo galego grazas ao traballo, na maioría dos casos, das comunidades de montes.

A de Xestaca e Grandavella ten censados unha ducia de cabalos de pura raza galega. O resto son cabalos de monte autóctonos mesturados con outras razas. A comunidade manexa unhas 200 hectáreas de monte, das que 40 están a pradeira e o resto son pasto arbustivo. Na actualidade só seis veciños teñen cabalos e vacas de carne no monte. En total suman uns 90 cabalos, dos que 60 son nais, e 170 cabezas de gando vacún, que tamén serán baixadas o día 5 de agosto, coincidindo coa rapa.

Os cabalos pasan todo o ano pacendo libres no monte e só se collen para desparasitar e para facer o censo anual. A rapa serve para identificar as poldras nacidas no último ano e para separar os poldros, que son vendidos. Ás nais e aos garañóns córtanselles as crins e desparasítanse para que engorden.

Aínda que o obxectivo segue sendo o de aplicar aos animais os coidados que precisan, a celebración está a coller cada vez máis un carácter cultural e etnográfico. “Nos últimos anos está a aumentar moito a afluencia de xente, veñen moitos curiosos e cada vez máis turistas e tamén hai grupos de afeccionados ao mundo ecuestre que veñen a cabalo de toda a comarca, de lugares como Abadín, Alfoz, Burela, Xove ou Cervo”, explica Pedro.

A de Xestaca e Grandavella é unha das 5 comunidades de montes que hai no concello do Valadouro (ademais da de Santo Tomé e Recaré están as de O Cadramón, Frexulfe, Alaxe e Vilacampa). Entre todas manexan unha superficie dunhas 5.000 hectáreas de monte comunal.

cartaz_rapa_valadouro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información