Granxa Sueiro: Un referente en España en benestar e coidado dos porcos

Esta granxa de Nudesa acaba de recibir o premio do MAPA Porc D’or por ir máis aló da lexislación en aspectos de benestar, sanidade e impacto ambiental. Coñecemos como traballan e os proxectos que os fan destacar

Granxa Sueiro: Un referente en España en benestar e coidado dos porcos

Parte do equipo de persoal que atende a granxa Sueiro que Nudesa ten en A Baíña (Agolada).

Granxa Sueiro é unha das 5 instalacións propias que a empresa Nutrimientos Deza S.A. (Nudesa) ten en Galicia. Hai uns meses esta granxa, adicada á cría de leitóns, foi a gañadora do Premio Especial MAPA dos Premios Porc D’or, polos proxectos que leva a cabo nas súas instalacións para mellorar as condicións e o coidado dos animais.

Mar Lara, veterinaria de Nudesa: “Buscamos estar na vangarda, preparados para os cambios que poidan vir nun futuro”

Este premio, que convoca o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta), recoñece aquelas empresas que procuran ir un paso máis alá das esixencias que marcan as normativas europeas. “Buscamos estar na vangarda, preparados para os cambios que poidan vir nun futuro”, apunta María del Mar Lara, veterinaria da empresa.

A vangarda nos últimos tempos ven, entre outros aspectos, coa mellora do benestar dos animais. Así, hai tempo xa que nesta granxa situada na Baíña, no municipio pontevedrés de Agolada, tanto ós leitóns como ás nais non se lles corta o rabo, nin os caninos e tampouco se castran. Unhas prácticas que fan extensibles ó resto das granxas da empresa.

Todas as nais teñen o rabo sen cortar ó igual que os leitóns, ós que tampouco se lle serran os caninos nin se castran.

Ós leitóns nons lles cortan o rabo, nin os caninos e tampocou os castran.

Esta granxa comezou a funcionar no 2001 con 1.500 porcas nai e no 2010 pasaron a contar con 2.300 nais, logo das modificacións para adaptarse á normativa de benestar animal. Destas instalacións saen ó ano arredor duns 60.000 leitóns,con xenética Duroc Landrace, para cebadeiros repartidos por toda Galicia. Os animais conviven en espazos abertos e diáfanos nos que contan, ademais, con sistemas de alimentación personalizados e con material manipulable para responder a un dos seus instintos máis básicos e primarios, o de fozar.

As condicións nas que se atopan estes animais fixeron que a granxa superara tamén a auditoría da ONG World Animal Protection, que vela polo benestar dos animais e que revisou distintas granxas de toda España.

A máis espazo, menos mordeduras de rabo

O obxectivo das investigacións que levan a cabo nesta granxa, e que logo fan extensible tanto ó resto das súas naves propias como ás integradas, é camiñar cara os avances que se poidan ir rexistrando nos vindeiros anos e comprobar que estratexias ofrecen mellores resultados. De feito, traballan xa coa vista posta na normativa sobre maternidade en liberdade.

Traballar con densidades de 0,40 metros cadrados e materiais manipulables permitiu que ningún animal tivese mordeduras

Nesta liña, un dos últimos traballos de investigación en benestar animal que mellores resultados lles deu céntrase nos materiais manipulables que proporcionarlle ós porcos. Esta é unha das estratexias máis impulsadas por Europa para reducir os brotes de caudofaxia; é dicir, que os porcos se mordan o rabo entre si, sen ter que recorrer ó raboteo sistemático de tódolos animais.

As probas realizadas na granxa da Baíña amosan que o espazo que teñan os animais é realmente condicionante para conseguir reducir as mordeduras, máis aló de aportarlle só material para que mordan. Traballar con densidades de 0,40 metros cadrados por leitón (cando a normativa estipula un mínimo de 0,20 metros cadrados) e materiais manipulables permitiu que ningún animal tivese mordeduras. Mentres que, cos mesmos materiais, se o espazo se reducía ata 0,30 metros cadrados incrementábanse as lesións máis dun 30%.

Granxa-Sueiro-Nudesa-Espazo-leitons__

Aumentaron o espazo para as nais e deixaron en liberdade os leitóns con zonas de calefacción para que non se arreden das nais.

Dende 2016 tódalas súas reprodutoras teñen o rabo sen cortar e os leitóns entretéñense con palla prensada, cadeas, madeiras, bloques de melaza a modo de grandes caramelos ou cordas móbiles, un dos elementos máis exitosos.

Máis aló de controlar os brotes de caudofaxia, dotar de maior espazo ós animais permitiulles tamén lograr mellores resultados na cría dos leitóns con camadas máis numerosas. Neste senso, optaron inicialmente por soltar as nais na maternidade, pero aumentaron os aplastamentos ata nun 30%. O que si teñen é os bacoriños soltos en grupos na maternidade. Lograron así camadas de 13 ranchos cando a media se situaba en 11,5 animais. Nesta mesma liña, agora están a probar xa a cría en espazos diferenciados nos que tanto a nai como os bacoriños poidan estar en liberdade.

O tándem porcino-vacuno, exemplo de economía circular

Outro dos retos fundamentais para as granxas de porcino está a ser reducir o impacto ambiental. Esta é outra das áreas nas que están invertendo esforzos. En Nudesa están a desenvolver plans para o aforro de consumo de auga e enerxía e tentar reducir as emisións de nitróxeno dos xurros nunha aposta pola economía circular. Dende hai anos, Nudesa estableceu unha sinerxía entre as granxas de porcino e as de vacún das zonas próximas, co emprego dos xurros para o abonado das pradeiras.

Ó mesmo tempo, tamén están a desenvolver estudos de I+D+I sobre fixadores de nitróxeno, co obxectivo de conseguir unha redución das emisións. “O noso afán é darlle máis calidade ós xurros”, apunta a veterinaria.

Granxa-Sueiro-Nudesa-Nais-soltas-cos-leitons-

Están a probar novos sistemas nos que as nais e os leitóns están case en libertade.

Melloras en sanidade de man da alimentación

A sanidade é outro dos piares sobre os que se traballa na granxa Sueiro cunha estratexia a tres bandas onde se integran a bioseguridade, a alimentación e a redución de antibióticos.

Bioseguridade

Nesta granxa, cunha superficie de 30 hectáreas, o control das medidas de bioseguridade está a ser clave para lograr bos resultados e o equipo de traballo, integrado por 13 traballadores, teno moi claro. Eles son os que máis esforzos dedican a esta cuestión no día a día con diferentes protocolos. Adoptaron medidas que van dende o cambio de calzado nas diferentes zonas, definir trazados específicos para que os profesionais acedan ós puntos de traballo, diferenciar as zonas por cores ata contar con instalacións que permitan un fácil lavado e hixienización sen estrés, entre outras.

A granxa conta cun dobre cerrado perimetral e dous acceso diferenciados para reducir o risco de contaminación.

A granxa conta cun dobre cerrado perimetral e dous acceso diferenciados para reducir o risco de contaminación.

Contan con protocolos para as visitas, os vehículos que acceden á instalación e a recepción de mercadorías. A granxa, que está integrada por dúas naves de xestación, unha de parideiras e dúas de destete, está rodeada dun dobre cerrado para garantir a eficiencia en bioseguridade e un arco de desinfección e seguridade.

Tamén aproveitan os dous accesos dos que dispoñen, de maneira que un dos acceso emprégase só para retirada de xurros, cadáveres ou desvelle e polo outro realízanse o resto de transportes como o penso, para evitar os riscos de contaminación.

Redución de antibióticos

No 2007 comezaron xa cun plan para reducir o emprego de antibióticos e, dende aquela, están a impulsar distintas medidas. Un dos aspectos nos que máis incidiron foi en extremar as rutinas de limpeza e hixiene con produtos especializados e espumantes que permitan reducir os riscos de infección.

Na actualidade tamén están a empregar na vacinación e tratamento dos animais pistolas intelixentes que rexistran o historial sanitario de cada animal co que tamén inciden nun maior control. A auga converteuse tamén nun aliado neste proxecto, e moitos dos tratamentos que reciben os porcos son xa na propia auga. Ademais, céntranse en ofrecer tratamentos personalizados para os animais que resultan enfermos co que tamén continúan a investigar que rutinas e tratamentos poden resultar máis favorables.

Melloras en alimentación

Na Baíña teñen claro que para reducir o emprego de antibióticos é fundamental coidar a alimentación dos animais. Así, a parte de reducir o aporte de antibióticos nos pensos tamén obtaron por adaptar as dietas para contar con animais máis fortes e procurar así atallar algúns dos problemas sanitarios máis recorrentes que se tratan con antibióticos como son as coxeiras. No 2010 comezaron un aporte especial de minerais nos pensos para fortalecer o esqueleto dos porcos.

Non é a única modificación na dieta que introduciron nos últimos anos, senón que tamén comezaron a aportar aditivos na dieta, como probióticos e prebióticos, para mellorar a sanidade intestinal dos leitóns, logo de realizar un estudo detallado.

Porcas-sen-raboteo-Granxa-Sueiro-Nudesa-Agolada-

Todas as nais teñen o rabo sen cortar.

Un dos últimos proxectos nos que están a traballar céntrase en poder ofrecer ós animais unha dieta cada vez máis axustada ás súas necesidades. Probaron xa con sistemas de microalimentación en xestacións, con moegas intelixentes nas que se fan diferentes combinacións para o animal. “O problema é que en Galicia a maioría das granxas son pequenas e resulta complicado que se poidan adaptar a unha variación tan detallada por animal, polo que se está traballando en engadir complementos de xeito puntual, sen ter que variar a fórmula xeral do penso da explotación”, concreta a especialista.

Con todo, o reto para Nudesa con estes proxectos que está a poñer en marcha e desenvolve nesta granxa punteira da Baíña é atopar o equilibrio entre a produtividade, a calidade e a sostibilidade.A granxa da Baíña, que logo de recibir a distinción de Porc D’or mudou o seu nome por Sueiro, nun homenaxe a un dos veterinarios implicados nos seus éxitos, José Manuel Sueiro, finado de forma repentina fai un ano, é a segunda granxa da firma de Silleda que conta con este distintivo por parte do instituto catalán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información