Compás de espera no concurso de acreedores de Artesanos Gallegos de la Carne

Unións Agrarias mantivo unha reunión con produtores afectados polas débedas. A organización agarda unha reactivación áxil da industria a través da entrada de novos inversores

Compás de espera no concurso de acreedores de Artesanos Gallegos de la Carne

Artesanos Gallegos de la Carne, en Castro de Rei.

O concurso de acreedores ó que se enfronta Artesanos Gallegos de la Carne (Castro de Rei, Lugo) mantén á industria cárnica nun compás de espera. Artesanos Gallegos, unha sala de despece participada maioritariamente pola firma Carcosa e, en menor medida pola cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, afronta desde este mes un concurso no que previsiblemente se sustanciará a entrada de novos inversores.

A industria acumula unha débeda de arredor de seis millóns de euros, segundo fontes do sector coñecedoras do proceso. Desa cantidade, hai unha parte importante que se lle adebeda ás propias cooperativas socias, pero tamén están afectados tratantes, gandeiros e outros proveedores, así coma traballadores.

Cos gandeiros non cooperativizados que teñen débedas procedentes de Artesanos Gallegos de la Carne, mantivo unha asemblea esta semana Unións Agrarias. A organización ten constancia de que hai alomenos unhas 120 explotacións que acumulan máis de medio millón de euros en impagos.

Valoracións de Unións Agrarias
O responsable de Gandería Extensiva de Unións, José Ramón González, agarda que no concurso de acreedores se plasme a entrada de novos inversores que se fagan cargo de toda a débeda. “Artesanos Gallegos é unha das principais industrias de vacún de carne de Galicia, polo que é importante para o sector gandeiro que se reactive canto antes e que se liquiden as débedas pendentes”,sinala.

“Non podemos deixar que caia esta industria e aí a Xunta ten que estar áxil para buscar os apoios correctos -demanda o responsable de Unións-, pero tamén temos que estar atentos a que inversores van entrar. Que se fixese coa sala outra das principais industrias cárnicas de Galicia non sería unha boa noticia, pois crearíase un monopolio de facto”, valora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información