Acruga desenvolve en Indonesia cruces de Rubia Galega con gando autóctono

Agruga arrinca a súa incursión en Indonesia desenvolvendo cruces industriais de Rubia Galega con gando autóctono en tres explotacións do país. Tras a firma do acordo e o envío de máis de 2.100 doses de seme, actualmente o proceso está en fase de sincronización e axuste dos animais

Acruga desenvolve en Indonesia cruces de Rubia Galega con gando autóctono

María Traba, veterinaria de Acruga, nunha gandería de Seranj (Indonesia)

Hai apenas uns días a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) culminaba un proceso iniciado fai uns tres anos co que lograr a incursión da raza en Indonesia. Este logro fíxose patente grazas ao acordo a tres bandas de Acruga-Ecnatín-Indogal, co que desenvolver a citada raza a nivel internacional. Estas dúas últimas empresas, especializadas en comercialización con Indonesia, serán as encargadas de realizar a importación das doses seminais, e por tanto de levar adiante a comercialización de seme de Rubia Galega no país do sueste asiático.

O obxectivo deste acordo, que tamén inclúe a comercialización e desenvolvemento da raza en México e Italia, ten en Indonesia un claro referente, xa que actualmente iniciouse o proceso de cruzamento industrial en tres explotacións piloto de Indonesia con gando Bos Indicus (con raza Nelore e Brahamah). Para Indonesia, un país con máis de 255 millóns de habitantes, o obxectivo deste proxecto piloto é mellorar os rendementos cárnicos e producir carne de maior calidade, á vez que se dá resposta á gran demanda emerxente de carne de tenreira para abastecer ao seu mercado interno.

Despois de tres anos de contactos e de preacordos, hai uns días a veterinaria de Acruga, María Traba, viaxou a Indonesia. O principal labor de Traba durante a súa estancia na illa de Xava foi o de realizar a selección e asesoramento nas tres explotacións piloto elixidas, situadas nas rexións de Cianjur, Cipelang e Seranj, para determinar os lotes de gando cos que facer o axuste cos distintos touros.

Actualmente estase realizando o proceso de sincronización e acoplamento dos animais

Enviáronse desde Lugo 2.145 dose seminais pertencentes a Xeitoso AG, Avispado AG e Pastor IV AG, tres touros con diferentes características para adaptarse aos distintos animais de Nelores e Brahamah das tres granxas piloto. Unha vez seleccionados os animais e enviado o seme a Indonesia, actualmente estase iniciando o proceso de sincronización e axuste dos animais.

Durante a súa estancia neste país do Sueste Asiático, Traba explicou a varios expertos e veterinarios de Indonesia as características e excelencias da raza Rubia Galega, así como os resultados dos estudos e procesos de cruzamento industrial realizados noutros países, entre outros Brasil, onde, precisamente, realizouse o cruzamento con gando de raza Nelore.

“Se a experiencia piloto sae ben, Indonesia adquirirá máis doses seminais de Rubia Galega”

Segundo explicou a veterinaria de Acruga, “quedaron moi sorprendidos dos datos obtidos coa Rubia Galega fronte a outras razas de carne, xa que se lograron moi bos resultados referidos a precocidade, lonxevidade, rendemento cárnico e calidade da carne”, precisamente os parámetros que desexan optimizar.

Por este motivo, desde a asociación que preside César Dorado apuntan que “se todo vai ben, e as primeiras actuacións nestas tres granxas pilotos logran os bos resultados que esperamos, a intención dos veterinarios de Indonesia é adquirir máis dose de seme de Rubia Galega para abastecer ao resto de explotacións do país”.

Coa firma deste acordo e a incursión definitiva da raza Rubia Galega en Indonesia, continúanse os éxitos de expansión iniciados en Brasil, no 2000, e en anos posteriores noutros países como Polonia, Portugal, México e Italia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información