Cangas de Foz celebra o día 18 unha nova edición da súa recuperada feira de gando

Esta cita festiva, que xunta gando bovino, ovino, caprino e a amantes dos cabalos de toda Galicia e Asturias, foi recuperada fai sete anos por un grupo de mozos do lugar e reparte 3.000 euros en premios

feira de gando de Cangas 20182

A parroquia de Cangas, no concello de Foz, celebra o vindeiro 18 de agosto a súa feira de gando anual, unha cita recuperada hai sete anos e xa consolidada no calendario do verán da comarca da Mariña. A feira, que implica a todo o movimento asociativo da parroquia, medra e gaña participantes ano a ano e xunta a gandeiros e afeccionados chegados de toda Galicia e de Asturias.

Organizada polo Concello en colaboración coa asociación de veciños San Pedro, a Agrupación deportiva e cultural Os Castros, a Comunidade de montes veciñais en man común Real, Rañadoiro e Agudo e a asociación Cabaleiros de Cangas, un grupo de mozos da parroquia afeccionados ao mundo ecuestre que decidiron no 2013 organizar unha cita vinculada ao mundo rural e agrogandeiro cos cabalos como protagonistas nunha parroquia que conta cunha importante comunidade de montes.

Trátase dunha feira recuperada, celebrada a principios e a mediados do século XX e que despois se foi perdendo. Levaba décadas sen celebrarse até que hai 7 anos a xente moza do lugar decidiu volver facela. Un deles é Eladio Basanta, que mantén unha explotación de vacas e cabalos na parroquia.

A Feira de Gando de Cangas ten lugar agora na área recreativa dos Castros, no centro do pobo, a carón do centro social e da entrada á igrexa. Pero tradicionalmente a feira tiña lugar no século pasado no lugar de A Gralleira, onde estaba a casa do mestre e onde mesmo había báscula para pesar os animais.

Distinto tipo de gando

foto feira cangas en foz 2A cita festiva segue mantendo a mesma esencia que antes. Pola mañán ten lugar a feira tradicional de gando, que reúne a partir das dez da mañá a animais de todo tipo, desde ovino e caprino a vacuno ou cabalar. Máis de 200 animais enchen o recinto. Para fomentar a participación, repártense distintos premios ao maior número de cabezas de gando vacún e cabalar e ao mellor exemplar de cada especie. Tamén hai premios para os animais peculiares, así como tanto para o cabaleiro e a amazona máis novos como para os de máis idade.

Pero a feira compleméntanse con outras actividades que conforman un auténtico día de romaría arredor dela. No recinto feiral instálase unha carpa para degustar polbo e churrasco, a partir das dúas da tarde hai sesión vermú con discoteca móbil e durante a toda a mañán os asistentes poden participar en paseos gratuitos en cabalo polo recinto para nenos e maiores.

A cita constitúe unha alternativa moi interesante en plena tempada de verán nun concello tan turístico coma Foz para todos aqueles aos que lles gustan os cabalos e o gando. Ademais da feira e de actividades como exposición de maquinaria ou de artesanía, congregan a moito público os concursos de andadura e as carreiras que se fan pola tarde no campo de fútbol de Cangas.

3.000 euros en premios

feira de gando de Cangas 20181Os concursos de andadura comezan as catro e media da tarde con catro modalidades diferentes: andadura serrada de cabalos de menos de 1,5 metros de altura, andadura serrrada de cabalos de máis de 1,5 metros de altura e andadura chapeada de menos e de máis de 1,5 metros de altura.

Tamén se celebran carreiras de trote e carreiras de burros e os premios, tanto en metálico para os tres primeiros clasificados en todas as categorías como en forma de trofeo para o cuarto, suman uns 3.000 euros, unha contía económica moi importante que anima a asistencia de xinetes chegados de toda Galicia e mesmo de Asturias, con máis de 100 animais participantes nas distintas probas.

Aposta por visibilizar o medio rural

O Concello de Foz impulsa esta cita en colaboración coas distintas asociacións da parroquia: a asociación ecuestre Cabaleiros de Cangas, a asociación deportiva e cultural Os Castros, a asociación de Veciños San Pedro e a comunidade de montes veciñais en man común Real, Rañadoiro e Agudo.

A recuperación desta celebración tivo como obxectivo a visibilización da actividade agrogandeira que aínda se mantén nesta e noutras parroquias do municipio. En Cangas quedan aínda media ducia de veciños con gando e a comunidade de montes, que na actualidade conta cunha superficie de 500 hectáreas adicada a explotación forestal mediante un contrato de aluger con Ence, ten intención de pechar unha parte do monte para introducir gando.

A crecente afección que fai uns anos se volveu dar polo mundo ecuestre na comarca da Mariña, con novas xeracións de mozos e mozas interesados nos cabalos, xa non unicamente como actividade gandeira, senón tamén como simple hobbie, fixo agromar celebracións coma esta de Cangas ou como a Feira da Espiñeira, no mesmo concello de Foz, que se unen a outras citas existentes en distintos concellos, moitas delas de carácter histórico, como As San Lucas e as Quendas en Mondoñedo, as feiras de Lago de San Bartolo en Xove, a Feira de San Marcos en Trabada, a da Augaxosa en Riotorto ou a Feira do Trece en Alfoz.

cartel 2019.cdr

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información