As campañas de saneamento gandeiro inspeccionaron 36.377 granxas galegas en 2017

As campañas de saneamento gandeiro inspeccionaron 36.377 granxas galegas en 2017

A Consellería do Medio Rural inspeccionou ao longo de 2017 ata 36.377 granxas, a maioría de gando bovino. Este traballo forma parte das campañas de saneamento que desenvolve a Xunta de Galicia para manter un bo estado sanitario das explotacións e do gando galego.

Por sectores, o que maior número de controis recibiu foi o de gando vacún con 30.561 granxas inspeccionadas e 825.818 reses. En todas elas se analizou a presenza de tuberculose e nun número similar tamén de brucelose, enfermidade da que Galicia foi declarada rexión oficialmente libre por parte da Comisión Europea o ano pasado. Nun número menor tamén se comprobou que segue sen existir presenza da leucose e perineumonía bovina na comunidade.

No que se refire ao gando ovino e cabrún controláronse 5.816 granxas e 73.484 reses, que en todos os casos deron tamén negativo en brucelose, uns resultados que se veñen mantendo durante anos. De feito, dende 2013 Galicia é tamén unha rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa.

Precisamente os bos resultados obtidos nos últimos anos nos programas nacionais de erradicación de enfermidades animais, permitiron a Galicia reducir considerablemente a presión inspectora sobre as granxas. No 2016 foron 38.220 explotacións cando en 2012 chegábanse a superar as 59.000.

Por provincias

Do total de granxas que se controlaron como parte das campañas de saneamento, a maioría están na provincia de Lugo (14.288), seguidas da Coruña (12.636). A continuación estarían Pontevedra (6.455) e Ourense (2.998).

Na actualidade, a Consellería do Medio Rural traballa para conseguir o status de rexión libre de tuberculose bovina. Na consecución deste obxectivo teñen unha responsabilidade importante os gandeiros, evitando a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas sanitariamente polas enfermidades que Galicia erradicou ou está a piques de erradicar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información