Campaña do Sindicato Labrego para poñer o rural galego sobre a mesa

Desenvolverase con actividades en diversas comarcas rurais e rematará cunha manifestación, o 17 de marzo, consistente en rodear a Xunta de Galicia

Campaña do Sindicato Labrego para poñer o rural galego sobre a mesa

De esquerda a dereita Santi Rodríguez Cid, Isabel Vilalba Seivane e Sonia Vidal Lamas. Foto: SLG

O Sindicato Labrego Galego ofreceu hoxe, 26 de febreiro, unha rolda de prensa que supón o inicio dunha campaña de accións que, baixo o lema “O rural galego sobre a mesa, pretende chamar a atención sobre a necesidade de poñer en marcha políticas dende todas as administracións dirixidas a dignificar a profesión labrega e a vida no campo. Na rolda de prensa participaron a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane; e, por parte da Mocidade Labrega, Sonia Vidal Lamas e Santi Rodríguez Cid.

Esta campaña realizarase por toda a xeografía galega, nas comarcas rurais, e rematará o 17 de marzo cunha manifestación en Compostela consistente en rodear a Xunta de Galicia. Entre outras demandas, darase a coñecer un decálogo de medidas urxentes para o sector que xa se fixo público a finais de xaneiro: bit.ly/decálogoSLG

Con lema “O rural galego sobre a mesa”, o SLG pretende chamar a atención sobre o feito de que, “sen medio rural e sen agricultura non hai alimentación, polo que deber ser unha prioridade por parte das institucións públicas apoialo e defendelo, e de aí outro lema da campaña: “Se a aldea non planta, a cidade non xanta”. “Pero tamén queremos denunciar o feito de que o rural galego está fóra de todas as mesas de negociación onde se deciden as políticas que nos afectan, sexa na Consellaría de Medio Rural, sexa no Ministerio de Agricultura, sexa en Bruxelas”, subliñou a secretaria xeral do SLG.

Neste senso, Isabel Vilalba denunciou anomalías como que, “en plena negociación da Política Agraria Común (PAC), a Consellaría de Medio Rural non teña convocado ás organizacións agrarias, nin en mesas de traballo nin no Consello Agrario Galego, para debater e acordar que modificacións se deben facer para defender mellor os intereses do noso agro”.

Respecto das políticas que se están a desenvolver hoxe en día para o rural, Isabel Vilalba criticou que, “por unha banda, o Ministerio de Agricultura diga que apoia as demandas labregas pero, pola outra, estea a asinar tratados comerciais como o de Mercosur, que permitirá a entrada de cantidades inxentes de carne de vacún na Unión Europea, un sector que xa está a acusar baixos prezos crónicos e que é excedentario”, prexudicando as arredor de 20.000 ganderías galegas de vacún de carne.

Vilalba tamén incidiu en políticas moi necesarias que poderían ser un revulsivo para o medio rural e para a agricultura, como a compra pública de alimentos labregos para fornecer hospitais, comedores escolares, etc; “ou accións valentes de mobilidade de terras e protección do solo agrario que enfronten un dos problemas máis graves do noso agro: sermos unha das zonas de Europa con menor superficie agraria útil, cun 21% que dista moito do 40% da media comunitaria”.

Pola súa banda, Sonia Vidal Lamas subliñou “a necesidade de apoiar activamente a incorporación de xente nova á actividade agraria se queremos reverter o proceso imparable de desertización do noso rural”. “O certo é que as políticas actuais fan da incorporación á actividade agraria unha auténtica carreira de obstáculos: dificultade de acceso a base territorial, axudas escasas que mesmo minguan pola fiscalidade abusiva, burocracia abafante, investimentos enormes e baixos ingresos que fan pouco atractiva a profesión, etc”,criticou. Unha das discriminacións máis palpables da xente nova, segundo a representante da Mocidade Labrega Galega “é o reparto de axudas da PAC, que se basea nuns dereitos históricos en base á terra que exclúen sectores enteiros e, en especial, aos mozos e ás mozas que se inician na profesión”.

Pola súa banda, Santi Rodríguez Cid, horticultor ecolóxico de Cartelle (Ourense), falou dunha campaña informativa que o SLG xa leva tempo desenvolvendo de cara a reforzar a relación entre a cidadanía e os labregos e labregas. Nestes actos, Santi Rodríguez constatou que “unha parte importante das persoas que participan descoñecen de onde veñen os produtos dos que se alimentan ou como se cultivan”. Dende este punto de vista, Cid subliñou que “as políticas das últimas décadas supuxeron o desmantelamento de moitos puntos de encontro entre o campo e as vilas, como feiras e mercados locais, que cómpre volver recuperar”. A este respecto, defendeu que “a Consellaría de Medio Rural debería investir menos en grandes campañas publicitarias, e máis en potenciar o consumo de produtos locais ou apoiar os mercados de proximidade”.

Con posterioridade á rolda de prensa, Isabel Vilalba, Sonia Vidal e Santi Rodríguez mantiveron senllas entrevistas no Parlamento de Galicia con Mini Rivas, do BNG; e Davide Rodríguez, de En Marea. Estes encontros forman parte da campaña hoxe presentada e, con eles, pretendese trasladar as demandas do Sindicato Labrego Galego a todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información