Desde este exercicio, os gandeiros en extensivo, tanto os de vacún de carne como os de ovino e caprún, atopáronse con que parte dos pastos que viñan aproveitando tradicionalmente quedaban excluídos das axudas da Política Agraria Común (PAC). O motivo, a presión que viña trasladándolle a Comisión Europea a España para que eliminase das subvencións os pastos con máis presenza de mato e árbores. Desde o sector da gandaría extensiva consideran ilóxica a medida e están a desenvolver unha campaña para tratar de correxir este problema de cara a vindeiras campañas.
A Plataforma por la Ganadería Extensiva y el Pastoralismo, na que participan 60 organizacións de todo o Estado, está a facer xestións a nivel da Comisión Europea e das distintas comunidades autónomas para tratar de revertir a situación.
“Os gandeiros que facían un control da biomasa en carballeiras ou en monte baixo están a ver que é un gasto inasumible” (Ovica)
En Galicia, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprún Ovica, integrada na Plataforma, solicitou unha reunión coa Consellería do Medio Rural para abordar o problema. “As comunidades autónomas teñen marxe na aplicación das directrices europeas e nalgunhas rexións, como Castela-León, xa tiveron as primeiras reunións cos axentes implicados para propiciar reformas na aplicación da PAC”, aseguran desde Ovica.
As reclamacións dos gandeiros céntranse en dous puntos básicos que permitan seguir usando os pastos leñosos:
– Eliminar a reclasificación no SIXPAC dos pastos arborados como superficies unicamente forestais, de xeito que poidan volver a ser elixibles para as axudas europeas. Este ano todas as superficies con máis de 100 árbores por hectárea clasificáronse como forestais, con independencia de que tivesen ou non un uso pastoril.
– Modificar o coeficiente de admisibilidade que penaliza calquera superficie de vexetación leñosa. Desde a Plataforma entenden que o criterio debe ser se a vexetación é aproveitada ou non polo gando.
Perda de superficies
Ovica advirte de que as restriccións impostas este ano para os pastos subvencionables desencadearán un abandono de superficies agrarias no curto prazo, “co aumento de riscos forestais que esta situación xerará”, advirte a asociación. “Os gandeiros que viñan realizando un control da biomasa dentro de carballeiras ou en zonas de monte baixo están a ver que son inasumibles os gastos de mantemento desas zonas co pastoreo e con desbroces selectivos pola falta de axudas públicas”, valoran en Ovica.
O problema xa fora advertido a pasada primavera polas organizacións agrarias, que animaran ós afectados a presentar reclamacións individuais para tratar de solucionar a perda de pastos subvencionables. De xeito paralelo, organizacións como o Sindicato Labrego ou Unións Agrarias tamén mantiveran contactos coa Administración para solicitarlle un cambio no tratamento dos pastos nas axudas da Política Agraria Común (PAC).