Campaña para divulgar os beneficios do Mel de Galicia nas aulas escolares

Campaña para divulgar os beneficios do Mel de Galicia nas aulas escolares

¿Que é o mel? Con este interrogante aparentemente sinxelo dá comezo unha campaña de sensibilización destinada aos máis cativos que xa viu á luz aló polo ano 2007: “O doce Mundo do Mel de Galicia”.

Con esta iniciativa, o CRIXP Mel de Galicia procura achegar aos escolares de toda a xeografía galega o fascinante mundo da apicultura e os tesouros ocultos do chamado Ouro Doce.

O vindeiro mércores, 16 de maio, serán os alumnos do ciclo de Educación Primaria dos centros educativos de Teo e Caldas de Reis os que terán a oportunidade de participar nunha actividade que se divide en dúas partes diferenciadas. Por unha banda, dará comezo cunha charla formativa apoiada por elementos visuais na que Beatriz Ríos Cebreiros, técnica do Consello Regulador, explicará polo miúdo que é o mel, que elementos son necesarios para extraelo, cales son as diferenzas entre os tres tipos de individuos que habitan as colmeas e como son os panais onde as abellas o gardan con celo. De facto, incluso poderán distinguir as distintas partes da colmea observando unha real.

Do mesmo xeito, aproximaranse á figura do apicultor/a e do envasador/a, así coma ás ferramentas precisas coas que traballa. En definitiva, todo o ciclo de vida do “Ouro Doce”, dende as flores ata o bote de Mel de Galicia que consumen.

Máis de 30.000 escolares xa participaron nesta campaña

A degustación dunha mostra de mel protagonizará a segunda parte desta xornada, consistente nunha pequena cata comentada onde se lles explicará os tres pasos das tradicionais probas: vista, olfato e gusto. Ademais, cada escolar poderá levar a casa un bote de degustación de mel; iso si, explicándolles o que significa a contraetiqueta de Mel de Galicia, que é tradición, bo facer, orixe e calidade garantidas e diferenciadas.

“O doce Mundo do Mel de Galicia” e o seu Consello Regulador están gratamente sorprendidos pola boa acollida que está a ter esta actividade entre os escolares galegos, posto que hai lista de espera. Nos últimos 11 anos xa son máis de 30.000 nenos e aproximadamente 3000 docentes os que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man, sorprenderse e deleitarse con este manxar natural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información