A campaña de seme 2018 de Xenética Fontao informa sobre os xenotipos A2A2 e BB

Aos criterios de selección tradicionais, como a mellora na produción e lonxevidade, súmanse agora dous factores de calidade do leite que poderían ser valorados nun futuro polas industrias lácteas

A campaña de seme 2018 de Xenética Fontao informa sobre os xenotipos A2A2 e BB

Clun, o touro xenómico número 1 de España.

As Africores, en colaboración con Xenética Fontao, están a traballar na campaña de seme 2018. Durante este mes, os gandeiros en control leiteiro de Galicia están a facer as súas solicitudes de doses de seme. Os touros seleccionados para esta campaña, que se poden consultar neste listado, inclúen dous touros xenómicos elite, Clun e Donsimón, números 1 e 2 de España; tres touros probados, Armónico, Stop e Goldouro; 11 touros xenómicos e catro touros con seme sexado, entre os que destaca Bi-Battle. Desde Africor Coruña sinalan que a gran variabilidade xenética destes touros facilita o apareamento da gran maioría de xovencas en idade de cubrir.

Os touros da campaña veñen clasificados polos seus índices ICO e con indicación dos parámetros habituais de mellora (Kg. de leite, proteína e graxa, índices corporais e lonxevidade, etc.). Este ano, como novidade, tamén se informa sobre os touros que presentan xenotipo BB, que proporciona un leite cun maior rendemento queixeiro, e sobre os que teñen o xenotipo A2A2, que produce un leite máis dixestible.

As Africores lembran que se se quere facer unha mellora orientada a graxa e proteína do leite, debe facerse a selección, tanto dos touros como das vacas, polo seu valor xenético para quilos de graxa e proteína, e non pola porcentaxe. Os valores para porcentaxe de graxa e proteína non son propiamente valores xenéticos, polo que a mellora virá seleccionando por quilos e non pola porcentaxe.

No exemplo seguinte, o touro a seleccionar para que a súa descendencia produza máis graxa sería o touro B.

Touro A
– Kg Graxa, 46
– % Graxa, 0,04.

Touro B
– Kg. Graxa, 64.
– % Graxa, -0,02%.

Para facilitar as escollas de touro en función da súa mellora nas calidades do leite, Africor Lugo clasificou os touros que presentan o xenotipo A2A2 e os que presentan o xenotipo BB, así como os líderes por mellora en quilos de graxa e proteína.

Os índices tradicionais poden consultarse tamén na guía de apareamentos, que ofrece clasificacións en aspectos como índice de patas e pés (IPP), índice compacto de ubre (ICU), índice xeral de tipo (IXT), lonxevidade, reconto de células somáticas ou mellora en quilos de leite.

No listado completo de touros da campaña 2018 tamén se poden comprobar os touros dos que se agasallan doses por volume de compra, así como as características do touro (Torrel) do que se lle entregan doses ás ganderías con fillas de touros de Xenética Fontao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información