“A campaña de planta ornamental está perdida, temos xa millóns de euros en perdas”

As exportacións cara países coma Francia están aliviando minimamente a situación dos viveiros galegos de planta ornamental. A paralización das vendas provocou que teñan que tirar boa parte da produción e compromete a próxima tempada

Publicidade
“A campaña de planta ornamental está perdida, temos xa millóns de euros en perdas”

As plantas en flor acumúlanse aínda nos viveiros do Baixo Miño.

As restricións de actividade pola pandemia do coronavirus pillou ós viveiros de planta ornamental na campaña alta de produción. O peche e as limitacións para a venda provocaron que, pese a poder continuar coa actividade ó pertencer ó sector primario, non puideran vender os seus produtos.

Máis dun mes despois, dan a campaña por perdida e miran xa con preocupación cara a próxima tempada. “O sector do viveirismo traballa cuns prazos moi longos e agora debiamos estar xa preparando a planta do outono e a do próximo ano, cando aínda temos a desta campaña nos nosos viveiros”, explica Santiago Ramos, técnico da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor).

O sector viveirista de Galicia estima que sufrirá perdas de 18 millóns de euros na actual campaña de primavera

As exportacións cara a países coma Francia convertéronse nunha pequena vía de saída da produción para algúns dos produtores galegos, pero que non conseguen absorber toda a planta coa que contaban os viveiros. Ademais, os gastos mantéñense case como se estivesen a pleno rendemento, mentres as vendas se limitaron ó mínimo. “A estas alturas da tempada e coa planta sen vender a xente está desesperada e dan a campaña por perdida”, concreta Ramos. Así, o sector viveirista de Galicia estima que sufrirá perdas de 18 millóns de euros na actual campaña de primavera.

As exportacións, unha válvula de comercialización

“A situación mellorou minimamente coas exportacións, que están sendo un pequeno alivio ó ser unha válvula de comercialización da nosa produción”, indica Emilo Estévez, vicepresidente da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam) e xerente de Coplant, unha comercializadora ornamental na zona sur de Galicia. No seu caso, están exportando arredor dun 20% da produción que deberan, sobre todo cara a Francia.

Viveiros do Baixo Miño están exportando a Francia un 20% da produción que deberan

Pese a que o país galo está a ser un dos principais destinos para a planta ornamental galega, o volume de exportacións está moi por debaixo do habitual e os trámites burocráticos están a dificultar moito a comercialización, como indican dende o sector. Mentres, as vendas ó resto de Europa están case completamente paralizadas. “Agora mesmo podemos estar destinando á exportación un 2% da nosa produción”, detallan dende Asvinor. Pese a que as restricións para a venda de flor e planta ornamental noutros países europeos están a ser menores, a crise do coronavirus fixo que estean optando por adquirir planta de proximidade, no canto de importala dende España.

No limbo do sector agrario

A planta ornamental é un subsector dentro das producións agrarias, pero non foi considerada dende un primeiro momento como ben esencial e a súa comercialización limitouse ó máximo. Así, mentres nos viveiros puideron seguir coa actividade, a comercialización cancelouse mesmo naqueles puntos que seguían abertos por ter outros produtos como fitosanitarios, abonos, plantón de horta ou pensos para animais.

“Estamos sendo un dos máis prexudicados nesta crise, posto que non podemos vender, pero seguimos tendo case o 98% dos gastos que tiñamos cando estamos a pleno rendemento”, indica Ramos. A maioría dos viveiros continúan con boa parte do persoal que teñen habitualmente e só se acolleron a ERTES a comezos do sistema de alarma para aqueles traballadores contratados especificamente para as tarefas de expedición da planta. “A xente que normamente está nos viveiros tiñamos que seguir con ela para o mantemento da planta”, explican dende Asvinor.

Pese a que aplicaron ERTES para o persoal contratado para a expedición da planta, a maioría dos viveiros continuaron con boa parte dos traballadores

O mesmo aconteceu durante as semanas de máxima paralización, onde a actividade continuou nos viveiros posto que as tarefas de mantemento precisaban do persoal especializado para a atención das plantas. “As plantas tivemos que seguir supervisándoas, axustando a rega e a fertilización xa que non se poden descoidar 15 días”, apuntan os produtores.

Os viveiros atópanse neste momento aínda coa maior parte da súa produción sen vender, o que está condicionando tamén a produción das próximas campañas. “Temos o espazo dos nosos viveiros ocupado, cando xa deberamos estar plantando as próximas plantas”, indican.

Azaleas-Baixo-Minho-

Volver enmacetar as plantas que quedaron sen vender supón uns costes elevados sen garantías de que poidan conseguir vendelas despois noutros tamaños.

Moita desta planta terán que destruíla, posto que os costes de transplante e abonado superan ó que poidan obter, ademais de ser máis complicada a súa comercialización. “Non só é reenmacetar a planta senón conseguir vendela despois con ese tamaño”, explica Ramos.

Os viveiristas valoran estas opcións para salvar a planta pero temen incrementar os gastos e non conseguir sacar esa produción. É o caso, por exemplo, dun viveirista que adoita comercializar unhas 20.000 hortensias en macetas de 3 litros, mentres que en maceta de 5 litros apenas vende unhas 20 na tempada. “Aínda que reenmacetemos, sabemos que non hai mercado para elas”, valora.

Adiar as celebracións

A cancelación das celebracións polo Día do Pai, a Semana Santa e agora o Día da Nai fai que moita da planta e flor pensada para estes actos se teña que desbotar. No Baixo Miño, especializados en planta arbórea, adoitan comercializar unha importante cantidade de hortensias para o Día da Nai, que este ano xa dan por perdidas. “A hortensia é unha das plantas que máis saída ten para esa data nos nosos viveiros e chegamos a comercializar uns 5.000 exemplares”, concretan dende Coplant.

planta-ornamental-Baixo-Minho-coronavirus_-

Unha vez terminada a floración, os viveiros teñen moitas dificultades para comercializar estas plantas.

Precisamente para tentar paliar a falta de festexos destas datas sinaladas, hai propostas para cambiar estas celebracións e adialas coa intención de poder salvar as vendas, aínda que tampouco estas medidas convencen moito ós produtores, xa que ven difícil contar con planta para outras datas. “A xente cando merca unha planta quere vela florecer, non adoita mercala para agardar un ano a que floreza, por iso unha vez que cumpriu o ciclo é moi difícil que a merquen noutra data”, reflexionan os produtores.

Ademais, os viveiros afrontan agora unha das épocas máis difíciles para manter a planta nas instalacións, posto que co incremento das temperaturas, boa parte das especies rematan os ciclos.

Neste momento, os produtores, ó igual que noutros sectores, tamén valoraron as vendas por internet como unha maneira de comercializar a súa produción. Porén, as propias características do produto dificulta e encarece moito o coste, co que os viveiros desbotaron polo momento esta canle. “Ó ser un produto perecedoiro e delicado os costes para o envío triplicaban o prezo das plantas”, indican dende o sector.

Medidas para paliar as perdas

Os esforzos dos viveiristas céntranse en conseguir que se poida comercializar a súa planta e flor naqueles espazos que continúan abertos e que permiten establecer medidas de seguridade, tanto para os clientes como para os comerciantes. “Outros países como Holanda ou Alemaña están permitindo ter os centros de xardinería abertos e poder adquirir planta, o que para nós sería un xeito de darlle saída”, indican dende o sector. De feito, moitos destes puntos de venta están agora mesmo funcionando ó comercializar outros produtos relacionados co sector agrogandeiro.

Outra das medidas que urxen ó Ministerio de Agricultura son as pautas para destruír a planta, de tal xeito que logo poidan optar a recibir axudas compensatorias por estas perdas. “Estamos aguantando ata ter as instrucións porque estamos xa case ó final da campaña e precisamos comezar cos traballos das próximas”, indican.

Un dos maiores temores para estes produtores é que poidan quedar excluídos das axudas compensatorias que se propoñan nos próximos meses para o sector primario. “Nos viveiros non estamos funcionando coma o resto dos produtores agrarios, polo que pedimos que despois tamén nos teñan en conta”, piden dende Acubam. O colectivo tamén valora impulsar medidas de promoción para a venda directa da planta galega, para o que tamén solicita o apoio da Administración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información