Campaña de ensilado de herba 2019: Boa en calidades e rendementos

As boas condicións meteorolóxicas dos meses pasados deixan unha campaña de ensilado con importante cantidade de herba e boa calidade. Os primeiros cortes realizáronse cedo e tamén a sementeira do millo está xa case rematada en toda Galicia

Campaña de ensilado de herba 2019:  Boa en calidades e rendementos

Traballos de ensilado na zona de San Sadurniño, A Coruña.

Na fase final do ensilado de herba, a campaña está a resultar satisfactoria nas distintas zonas gandeiras de Galicia e preséntase con mellores perspectivas ca do ano pasado. As boas condicións meteorolóxicas dos meses pasados permitiron facer un primeiro corte bastante cedo e que a maior parte dos gandeiros conseguiran realizar tanto o corte da herba como a recollida sen choivas.

O balance xeral deixa un ensilado cunha importante cantidade de herba e de boa calidade, aínda que haberá que agardar ás analíticas para ter uns resultados máis concluíntes. Os traballos do ensilado fixéronse nos prazos previstos e iso tamén facilitou que na maioría das ganderías xa teñan  o millo sementado.

Facemos un repaso da campaña nalgunhas das principais comarcas gandeiras de Galicia:

A Mariña:

Nas zonas do norte de Lugo están co segundo corte de herba, que contan ter rematado para mediados do mes de xuño. Os primeiros cortes realizáronnos en abril e en maio comezaron co segundo nas zonas máis altas.

“Estamos tendo unha campaña boa en producións e relativamente tranquila e ordenada”, comenta Santiago Sousa Lema, director da Área de Cultivos e Mecanización de Cooperativas Lácteas  Unidas (CLUN).

A campaña de ensilado deixou bos resultados tanto en calidades como en rendementos. “A maioría da herba puido collerse no seu punto e estanse tendo unhas calidades moi boas”, indica Sousa.

Nos primeiros cortes, coa mestura de raigráses e tréboles anuais que ensilan obtiveron entre un 16 e un 17% de proteína bruta, aínda que tiveron variacións atendendo ás distintas zonas.  As producións máis altas acadáronas nos silos de veza e avea, onde tiveron unha media dun 21% de proteína bruta.

Calidade-Clun-Ribadeo-

Datos das analíticas do silo de CLUN na Delegación de Ribadeo.

En canto ó rendemento, os primeiros cortes fixéronos bastante cedo e conseguiron entre unhas 10-12 toneladas por hectárea. Namentres, nos segundos cortes acadaron entre 12 e 18 toneladas por hectárea.

 

COLLEITADORAS-19-DATOS-RENDEMENTO-1-CORTE-

En canto ó millo, teñen xa case rematada a sementeira. De feito, contan co 90% do millo sementado e agardan que o resto quede plantado entre esta semana e a vindeira. “Este ano a campaña está a vir moi ben encaixada en datas, o que nos permitiu tamén facer a sementeira do millo con ciclos longos”, comenta Santiago Sousa.

Norte da Coruña:

Tamén na zona norte da Coruña a campaña de ensilado está a resultar favorable e a colleita da herba fíxose, polo xeral, con boas condicións. Así o comenta un gandeiro de San Sadurniño, David Arnoso, que rematou o ensilado a principios de maio. “A colleita foi boa en canto a cantidade e o presecado tamén foi bo”, afirma o gandeiro.

Nesta campaña fixo uns 217 rolos de silo de herba en 27,8 hectáreas. “Este ano veume facer os rolos de herba unha máquina combinada, que pica a herba con 25 coitelas, fai o rolo atándoo con 6 capas de film, e encinta con outras 5 capas de film”, explica o gandeiro.

Xallas e Barcala:

Na comarca de Xallas e Barcala (A Coruña), tanto a campaña de ensilado de herba como a sementeira do millo están adiantados. Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, apunta a que este ano se deron moi boas condicións para o ensilado e puideron realizar todo o proceso sen choivas, o que repercute directamente na calidade dos silos.

Nas fincas onde realizaron xa o segundo corte e que contan con raigrás conseguiron un 31% de materia seca e preto dun 20% de proteína bruta. Namentres, as zonas onde só realizaron un corte as calidades foron un pouco máis baixas, en torno a entre 15-16% de proteína bruta e un 29% de materia seca, en parte debido a que se retrasou o ensilado por outros motivos.

Agora están a realizar os terceiros cortes nalgunhas zonas e teñen xa rematada tamén a campaña de sementeira do millo, que se centrou sobre todo xa nos primeiros días de maio.

O Deza:

No Deza a campaña tamén está a ser bastante satisfactoria. “Polo xeral, todo o mundo está a ter boa colleita de herba”, apuntan dende a área de mecanización da cooperativa Cobideza.

Tamén puideron facer o primeiro corte cedo e houbo boa cantidade de herba e calidade nos ensilados. Aínda que nun principio contaban que o segundo corte tamén fose semellante, finalmente non está a acadar as expectativas. “Ó non chover a herba non medrou todo o que debía e non vai haber tanta calidade. O segundo corte pode que sexa abundante pero non tan bo”, indican dende Cobideza.

En canto á sementeira do millo está practicamente rematada aínda que na zona centro de Galicia cada vez plántase menos. “Aquí o millo vai a menos. Cada vez menos socios botan millo e seméntanse menos hectáreas”, concretan en Cobideza.

Lugo Centro:

Na zona centro de Lugo esta campaña tamén está a resultar mellor ca do ano pasado e aínda que con algunhas excepcións, os primeiros cortes de herba deixaron boa cantidade e boas calidades segundo comentan dende o servizo técnico da cooperativa AIRA.

“Houbo algunhas zonas do Páramo onde non se logrou moita cantidade de herba no primeiro corte, pero, polo xeral, foi abundante”, explica Silvia Cendán, técnica de Aira.

A sementeira do millo está tamén xa adiantada nesta zona e máis do 60% do millo está sementado.

Lugo Sur:

No sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada, a campaña de ensilado está case rematando. Pendentes das analíticas que avalíen a calidade, valoran a cantidade de herba que obtiveron nesta campaña cunha media arredor das 15-16 toneladas por hectárea.

No referido á calidade, dende o servizo técnico de Aira indican que pode haber disparidade entre os silos, xa que algúns foron máis atrasados ca outros e a herba xa estaba máis pasada.

En canto ó millo, boa parte da sementeira está xa feita e agardan que nos próximos días quede todo rematado.

Algunhas das imaxes da campaña de ensilado de herba e sementeira do millo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información