Cambios nas axudas da Xunta para a reconversión de viñedo

Publicidade
Cambios nas axudas da Xunta para a reconversión de viñedo

Reunión de Belén do Campo cos consellos reguladores

A Consellería do Medio Rural vén de pactar co sector vitivinícola o borrador da orde de axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e a súa convocatoria para este ano 2018. Foi a través dun encontro entre a directora xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e os portavoces das cinco denominacións de orixe do viño que hai en Galicia. Neste encontro acordáronse por unanimidade modificacións as condicións destas subvencións.

Así, por primeira vez, en Galicia iguálase a participación financeira dos plans individuais á dos colectivos, demanda promovida dende a Xunta ante o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama), sen prexuízo de que os plans colectivos, entre outros criterios, sexan prioritarios no procedemento de selección das solicitudes.

 Valorarase ter seguro de uva e concentrar a superficie nunha única parcela

Ademais, coma novidade este ano, valorarase a contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación, así como a concentración de superficie vitícola nunha única parcela. Así mesmo, seguirán tendo prioridade aqueles mozos que se inicien na actividade vitícola cunha atención preferente ás mulleres labregas, titulares ou cotitulares dunha explotación vitícola.

As actuacións que se financiarán con cargo a estas axudas son: a reimplantación de viñas, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión das viñas. Unha vez acordados os requisitos, a orde continúa a súa tramitación de cara á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Poderán beneficiarse destas axudas os viticultores, sexan persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación, con viñas destinadas á produción de uva para vinificación. Non obstante, non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural.

Volverase a subvencionar a man de obra propia

Neste contexto, a directora de Gandaría adiantou que o seu departamento xa está a piques de rematar a análise dos custos reais e a súa metodoloxía de revisión das operacións subvencionables, de acordo co compromiso adquirido co sector vitivinícola galego. A intención é buscar a súa actualización e poder subvencionar de novo a man de obra propia cunha mellora considerable desta axudas de cara a vindeira convocatoria do ano 2019.

Esta orde de axudas forma parte do programa nacional de apoio ao sector vitivinícola español, 2019-2023 e, a través deste acordo cos consellos reguladores, o que se fai é adaptar as condicións ás características específicas da comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información