¿Cales son os mellores sistemas de plantación de viñedo en terreos con pendente?

Resumo do relatorio de Jorge Bernardo Lacerda de Queiroz, profesor do Campus Agrario da Universidade de Porto dentro do  I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal.

Publicidade
¿Cales son os mellores sistemas de plantación de viñedo en terreos con pendente?

Paisaxe vitícola tradicional do Douro: á esquerda socalcos pre-filoxéricos e á dereita socalcos post-filoxéricos

A viticultura galega, ao igual que a do Norte de Portugal, é fundamentalmente en pendente, en zonas de ladeiras, unha ubicación que mellora as características organolépticas dos viños e favorece un bo estado sanitario da uva.

Neste sentido, o profesor do Campus Agrario da Universidade do Porto, Jorge Bernardo Lacerda de Queiroz, explicou no I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal, organizado pola Evega e celebrado o pasado 2017 na cidade de Ourense, como traballan no país veciño na viticultura en pendente e en forte pendente.

En concreto, Jorge Bernardo Lacerda de Queiroz explicou as investigacións que levan realizado dende hai moitos anos en Portugal sobre cales son os mellores sistemas de plantación e de condución do viñedo na Regiao do Douro, unha rexión vinícola da que saen viños de sona internacional como o Porto ou o Douro.

Neste sentido, e como punto de partida, salientou que das 45.000 hectáreas de viñedo desta rexión vinícola, soamente o 3,4% están en terreos con menos do 15% de pendente. A maior parte, o 40,3%, teñen unha encosta de entre o 15 e o 30%; outro 37,2% dos viñedos están en terreos con entre o 30 e o 45% de pendente e un 19% das viñas localízanse en parcelas con máis do 45% de desnivel.

“Tal e como di o proverbio latino ´Baco ama as ladeiras´, pero iso supón maiores custos de produción á hora de plantar o viñedo, maior dificultade ou mesmo imposibilidade de mecanizar os traballos, e tamén unha maior penosidade do traballo manual. Todo elo, co reto de evitar a erosión”, explica o profesor.

Sistemas de plantación do viñedo:

1) Socalcos para o viñedo prefiloxéricos:

Terraço pre-filoxera

Terraço pre-filoxera

No pasado, ata os anos 1860 os socalcos do viñedo na rexión dos viños do Douro eran sostidos por muros de pedra seca. Creouse desta maneira unha paisaxe espectacular que foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco. O traballo nas vinãs con estes socalcos é moi duro, con máis de 1.800 horas de traballo requiridas por hectárea.

O máximo de videiras por hectárea con este sistema de socalcos estreitos é dunhas 3.500. Hoxe en día aínda se conservan 1.736 hectáreas destes “terraços prefiloxéricos”, o que supón o 4% da superficie da rexión do Douro.

2) Socalcos post-filoxéricos:

Terrazo post-filoxera

Terrazo post-filoxera

Foron construídos entre os anos 1860, cando chegou a praga da Philoxera ao Norte de Portugal, e os anos 1930. A diferencia dos anteriores, os “terraços” están soportados por muros de pedra e permiten ter unha área de cultivo moito máis ancha, e por tanto con varias liñas de videiras, a diferencia do anterior sistema, que normalmente só permitía o cultivo dunha liña de vides. A densidade de plantación, e por tanto os rendementos, tamén son maiores, cunha 6.000 plantas por hectárea.

Asi, os muros son poligonais e normalmente de gran altura, conformando unha paisaxe vitícola que se considera a día de hoxe a tradicional desta rexión. De feito, ocupan 22.750 hectáreas, o 50% da superficie de viñedo da rexión. A penosidade do traballo manual segue sendo elevada, de máis de 1.000 horas por hectárea, pero supuxo un avance con respecto ao anterior sistema de plantación.

3) Socalcos modernos: “Patamares largos”

Patamares largos

Patamares largos

Os socalcos modernos ou “patamares largos” foron construídos no Douro a partir dos anos 1970. Como o seu nome indica, son máis anchos, con entre 3,6 e 4 metros, e o talude de soporte é en terra, sen muro de pedra.

Permiten o cultivo de dúas liñas de videiras e son usados en pendentes con entre o 25 e o 40%. Permiten unha densidade de vides de arredor de 3.500 plantas por hectárea e son o segundo sistema de plantación máis utilizado na rexión do Douro: unhas 7.500 hectáreas de viñedo, que representan o 17% da superficie total.

Os problemas que presentan os “patamares largos” sona grande altura dos taludes, o que provoca nalgúns casos inestabilidade e erosión. Ademais, o control das herbas adventicias soamente se pode realizar apenas con herbicidas residuais.

4) Socalcos modernos: “Patamares estreitos”

Patamares estreitos

Patamares estreitos

Teñen unha anchura de entre 2,2 e 2,5 metros e tamén se constrúen en talude de terra, permitindo só unha liña de videiras. Conducen a alturas de talude máis baixas, reducindo o risco de inestabilidade e permiten o control das malas herbas de forma mecánica, e consecuentemente, un mantemento do solo sen herbicidas.

Neste momento, a entidade reguladora Alto Douro Vinhateiro “Património Mundial da Humanidade” obriga a empregar estes sistemas de instalación do viñedo en terreos con pendentes de entre o 30 e o 40%. A diferencia dos anteriores sistemas, a densidade de videiras tamén é menor: unhas 2.500 por hectárea. Por tanto, a baixa densidade de plantación e de potencial de rendemento constitúe a súa principal desvantaxe.

5) Viñas modernas: “Viñas ao alto”

Viñas ao alto

Viñas ao alto

Este sistema empezouse a empregar a partir dos anos 1980 en zonas con pendentes de ate o 30 -ou40%. A principal vantaxe é que permite unha maior densidade de plantación: entre 4000 e 4500 plantas por hectárea, maior índice de mecanización, así como máis baixos custos de produción. Hoxe en día este sistema ocupa unhas 2.500 ha, o 6% da superficie de viñedos da rexión.

Recomendacións de sistemas de implantación do viñedo segundo a pendente na Rexión dos Viños do Douro:

VITICULTURA_PENDENTE_RECOMENDACIONS_SISTEMAS_IMPLANTACION

Sistemas de condución:

En canto aos sistemas de condución, realizouse entre os anos 2007 e 2011 un estudo con dúas castes: a Touriga Franca, que representa o 22% das videiras do Douro, e a Touriga Nacional, unha caste nobre portuguesa, ambas con porta-enxerto 110 R.

Comparáronse dous sistemas de conducións: o tradicional en espaldeira ou monoplano vertical ascendente (VSP) cun de dobre plano (ARPALYS 2/3 CQ1) no que se mantén unha parte da vide en vertical, e outra inclinada 45 graos cara a parte inferior e en caída do socalco.

Os resultados amosaron que o sistema de dobre plano ou “Arpalys 2/2 CQ1 permitiu obter un rendemento un 56,8% superior ao tradicional ou VSP.

En canto á influencia nos parámetros de calidade, os parámetros medios do período amosan que o co sistema de dobre plano a acidez é lixeiramente menor, ao igual que o peso do bago, mentres que o grao alcohólico apenas se ve afectado.

VITICULTURA_PENDENTE_CALIDADES_SISTEMAS_CONDUCCION

Conclusións:

Os patamares ou socalcos estreitos, construídos con talude de terra e co apoio de tecnoloxía de raios láser, xunto ao sistema de condución ARPALYS 2/3 CQ1 demostraron ser unha boa solución para viñas implantadas en ladeiras con pendentes superiores ao 25-30%.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información