Cales son as mellores razas de carne para cruce con Frisona?

O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, expón neste artigo os resultados de diversos estudos realizados co CIAM, Xenética Fontao ou a USC sobre o comportamento dos cruces de Rubia Galega, Limousin e Azul Belga con Frisona. Estes cruces cárnicos increméntanse en situacións de baixos prezos do leite e xa supoñen máis do 20% das inseminacións en vacas Holstein.

Cales son as mellores razas de carne para cruce con Frisona?

Becerros de recría de cruce na poxa de Silleda

O cruce industrial é unha práctica habitual nas explotacións de vacún de leite, consistente na utilización de touros de razas de carne en vacas frisoas, buscando crías cun maior rendemento cárnico e, polo tanto, un maior prezo no mercado.

Esta práctica de inseminar con touros de carne ven dada polos seguintes factores:

– Falta de tradición como criadores, ou falta de instalacións ou recursos forraxeiros ou de man de obra, que actúan de factores limitantes á hora de recriar.
-Baixos prezos do leite, que fan que o gandeiro busque ingresos alternativos pola venda dos xatos cruzados.
-Problemas sanitarios, como altas taxas de prevalencia de enfermidades como neospora ou paratuberculose, que fan que as femias afectadas non se adiquen á recría.
-Animais pouco rendibles dos que non interesa recriar.
-Falta de información sobre a fertilidade dos touros, sendo utilizados touros de razas de carne, supostamente máis fértiles, en vacas repetidoras.
-Utilización de seme sexado, que asegura o nacemento de femias e deixa dispoñibles máis vacas para inseminar con cruce.

A tendencia de uso do cruce ten variacións, principalmente debidas ao prezo do leite, sendo inversamente proporcional, de xeito que o cruce aumenta na medida que o prezo do leite diminúe.

No primeiro trimestre de 2016 a inseminación con cruce industrial en vacas frisonas subiu ata o 20,5%

Os datos amosan unha forte tendencia á alza do cruce, pasando do 15,9% das inseminacións no primeiro trimestre de 2015 ao 20,5% no mesmo período do 2016.

Respecto dos outros factores, de momento o uso do seme sexado non xustifica a tendencia á alza do cruce industrial, xa que só se está a empregar no 2% das inseminacións. E en canto aos problemas sanitarios, a labor das ADS fai que as prevalencias diminúan, polo que tampouco se observa que teñan unha influencia nesta tendencia.

Na serie histórica, podemos apreciar a evolución do uso do cruce industrial, que se solapa de forma inversa coa evolución do prezo do leite. De manterse esta tendencia, o incremento do uso de cruce conlevará desabastecementos de recría nos vindeiros anos, algo que xa sucedeu a finais de 2007 e durante o ano 2008, dun xeito máis marcado, con alzas de prezo no mercado de recría por falta de oferta, que elevaron o prezo das xovencas próximas ao parto por riba dos dous mil douscentos euros de media.

GRAFICA_EVOLUCION_CRUCE_INDUSTRIAL

As principais razas utilizadas no cruce industrial son a Limousin, Azul Belga e Rubia Galega, por esta orde. Tamén se recollen inseminacións con outras razas, como Blonde de Aquitania, Asturiano ou Angus, pero nun número moi reducido.

En diversos estudios realizados por Africor Lugo en colaboración con outras entidades, como o CIAM, Xenética Fontao ou a USC, tratáronse varios factores a ter en conta á hora de empregar as distintas razas de touros de carne en vacas frisoas, con diferencias estatisticamente significativas. Os resultados poden variar dependendo das poboacións de referencia ou do período de estudo, pero en todos os casos, as tendencias mantéñense.

“De manterse a tendencia, haberá desabastecemento de recría de Holstein nos vindeiros anos”

Entre os factores estudados, a facilidade de parto é o principal factor a considerar á hora de decantarse por unha ou outra raza, sendo, segundo as enquisas realizadas, o principal motivo á hora de elixir unha ou outra raza.

Facilidade de parto:
Nun estudo realizado no ano 2012 con 95.465 partos, a porcentaxe de partos fáciles, nos que a vaca non precisou de asistencia, parindo soa, foi do 80,1% para cruces de frisón con frisón, seguido do 77,4% para os cruces con Rubia galega, do 76,5% para os cruces con Limousín, sendo os touros Azul belga os de maior dificultade de parto, con tan so un 73,1% de partos fáciles.

Fertilidade:
En Control leiteiro establécese a fertilidade dos touros empregados en base á Taxa de Non Retorno (TNR), que representa a porcentaxe de vacas inseminadas que non volven saír en celo nos 56 días posteriores á inseminación, tendo en conta só as primeiras inseminacións para non sesgar a información en touros que se empregan maioritariamente en vacas repetidoras.

Os touros de raza Rubia Galega destacan por ser os máis fértiles cando se inseminan vacas frisonas, cunha TNR do 57,1%, seguido do Limousin co 55,1% e de Azul belga, co 49,0%. Aínda que estes son os valores medios para cada raza, hai que ter en conta que existe unha grande variabilidade na fertilidade dos touros utilizados dentro dunha mesma raza, polo que é importante consultar esta información.

Duración da xestación:
A duración media da xestación dunha vaca frisona cando está preñada dun touro frisón é de 279,16 días. Cando son inseminadas con touros doutras razas, alóngase a duración da lactación, co atraso que eso supón na vida produtiva da vaca e o risco dun parto difícil polo excesivo tamaño da cría.

Os touros Limousín, no seu cruce con Frisona, son os que producen unha maior duración da xestación, 285,10 días; seguidos dos cruces con Rubia galega, 284,22 días e os cruces con touros de raza Azul belga cunha media de 281,48 días.

Conclusión:
A modo de conclusión, pódese conseguir unha optimización dos rendementos económicos das explotacións de produción de leite mediante a utilización de razas de carne en cruce con vacas frisoas, sempre que esta práctica non conleve un maior porcentaxe de partos distócicos nin un alongamento da xestación, e sempre que se manteña un nivel de recría que non obrigue a depender do exterior para a reposición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información