¿Cal é a cuberta vexetal adecuada para o meu viñedo?

As cubertas vexetais en viñedo constitúen unha alternativa sustentable ao uso de herbicidas que permite mellorar a calidade do chan e equilibrar as compoñentes produtiva e vexetativa da cepa, mellorando a calidade do mosto e do viño producido. Resumo do relatorio de Sergio Ibáñez Pascual, investigador do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño de La Rioja, na xornada organizada pola EVEGA en Monterrei

Publicidade
¿Cal é a cuberta vexetal adecuada para o meu viñedo?

As cubertas vexetais están a implantarse cada vez máis no viñedo como unha alternativa sustentable ao uso de herbicidas que, así mesmo, contribúe a mellorar a calidade do solo e a equilibrar o rendemento e o vigor da vide, mellorando a calidade do mosto e do viño producido.

Neste sentido, Sergio Ibáñez Pascual, investigador do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV) de La Rioja, expuxo os resultados de diversos ensaios de cubertas vexetais en viñedo, realizados neste centro mixto de investigación que integra ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), á Universidade da Rioxa e ao Goberno da Rioxa. Fíxoo en Monterrei (Ourense) na xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Mantemento do chan do viñedo: alternativas ao uso de herbicidas”.

Desvantaxes do laboreo e os herbicidas:

Actualmente a maior parte dos viñedos en España xestionan o chan mediante laboreo na rúa e aplicación de herbicida na liña de plantación, co obxecto de evitar a implantación de vexetación espontánea (malas herbas) que compitan por auga e nutrientes coa vide e favorecer a retención de auga.

Porén, tal e como advertiu Sergio Ibáñez Pascual, o laboreo presenta importantes desvantaxes para a estrutura e fertilidade do chan, especialmente en zonas en pendente. En concreto:

-Favorece a formación de sola de labor.

-Favorece a degradación da estrutura por baixo do perfil labrado.

-Favorece a erosión ao disgregar as partículas do solo.

-Non é sinxelo obter a estrutura granular desexable, pois ás veces co laboreo prodúcense terróns moi grandes ou excesivo esmiuzamento. Isto débese a que cando se realiza o labor a terra non está en tempero.

– Pode destruír as raíces superficiais da vide.

– Presenta risco de feridas no tronco das plantas por golpes coas coitelas ou púas.

-En ocasións o labor entre cepas é complicada.

– Existe un difícil tránsito de maquinaria en épocas chuviosas, o que impide realizar o labor.

-Xérase un alto consumo enerxético de combustibles fósiles (algo cada vez máis importante debido á crecente importancia da pegada de carbono nas producións alimentarias).

O uso de herbicidas, ademais da súa aplicación conxunta co laboreo, tamén vén sendo unha práctica frecuente, desde os anos 60 do século pasado, especialmente en viñedos de difícil orografía nos que é complicado empregar maquinaria para labrar. Sen embargo, tal e como puxo de manifesto o investigador do ICVV, os herbicidas teñen as seguintes consecuencias negativas:

-Formación de costra superficial

-Degradación da estrutura dos 3-4 primeiros centímetros do chan

-Problemas de erosión en viñedos con pendente forte

-Contaminación de solos e acuíferos, especialmente polo uso de herbicidas residuais.

-Riscos de fitotoxicidade

-Esixen coñecemento das malas herbas e das materias activas empregadas,
así como da súa regulamentación

Vantaxes das cubertas vexetais:

O uso de cubertas vexetais en viñedo, xa sexan en toda ou en parte da plantación vitícola, foise estendendo nos últimos anos ao presentar as seguintes vantaxes agronómicas e ambientais:

-Protección contra erosión e escorrentía. Diversos estudos acreditaron unha redución da perda de chan con cubertas de entre un 34 e un 82% segundo as especies. A escorrentía tamén se reduce entre un 22 e un 77% segundo as especies.

-As cubertas vexetais incrementan o contido de materia orgánica do solo, o que mellora as propiedades físicas do mesmo: aumentan índices como a estabilidade de agregados, a densidade aparente, a porosidade, a infiltración e a capacidade almacenamento de auga.

-Melloran a estrutura do chan ao presentar un maior contido de materia orgánica e un incremento da actividade microbiana unidos a unha menor costra superficial.

Viñedo afectado por escorrentía no que se empezou a empregar cubertas vexetais: 

cuberta vexetal herba viñedo escorrentia

-Reducen risco de sola de labor ao limitar o laboreo e mellorar a estrutura do chan.

-Posibilidade tránsito de maquinaria en épocas chuviosas.

-Control de pragas natural: maior diversidade biolóxica e equilibrio entre pragas e depredadores.

-Increméntase a capacidade de secuestro de CO2 atmosférico. POor exemplo, calculouse que as cubertas vexetais no viñedo La Grajera (Logroño, A Rioxa), permitiron secuestrar 9,31 toneladas de CO2/ha (Fernández, 2011).

-Viñedos con maior sustentabilidade ambiental: as cubertas vexetais melloran as interaccións entre a agricultura e o medioambiente.

-Maior sustentabilidade económica: redúcense os custos ambientais e os custos enerxéticos, así como unha menor necesidade de operacións en verde, como podas ou despuntes (Ingelmo, 1998).

Inconvenientes das cubertas vexetais:

Non obstante, Sergio Ibáñez Pascual tamén advertiu de que o emprego de cubertas vexetais tamén presenta inconvenientes. En concreto:

-Problemas derivados dun exceso de competencia, sobre todo hídrica, polo que é necesario controlar a intensidade e o momento da competencia. Faise por tanto necesaria a sega, máis ou menos intensa segundo a especie da cuberta vexetal, para que non compita por auga e nutrientes coa vide dunha forma excesiva ou en períodos inadecuados (envero e maduración).

-Diminución do desenvolvemento de superficie foliar da vide.

-Riscos de maduración óptima en caso de estrés hídrico severo.

-En situacións extremas, a competencia da cuberta vexetal mesmo pode pór en xogo a perennidade das cepas

-A día de hoxe existe un coñecemento limitado de especies herbáceas para cubertas vexetais en viñedo.

¿Cales son as cubertas vexetais máis adecuadas?

O ICVV dispuxo unha colección de cubertas vexetais en viñedo na Finca Valdegón (Agoncillo, A Rioxa) que permitiu, a través de distintos ensaios realizados, elaborar unhas recomendacións sobre como se comporta cada especie herbácea en viñedo e adaptala así aos obxectivos que se buscan. Iso si, debe terse en conta que os resultados deben interpretarse relativamente, posto que son obtidos coas condicións climatolóxicas da Rioxa:

cuberta vexetal cadro 2 viñedo cuberta vexetal cadro 1 viñedo

Conclusións:

Como conclusións, o investigador do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV) da Rioxa destaca que:

-As cubertas vexetais constitúen unha ferramenta útil, no marco dunha viticultura de calidade, sustentable e respectuosa co medio ambiente, para equilibrar o desenvolvemento vexetativo e produtivo do viñedo, favorecendo á súa vez unha mellor exposición e microclima dos acios e logrando aumentar a calidade dos mostos e viños elaborados.

– Temos que adaptar as cubertas á nosa contorna de tal forma que:

Recoméndase, como norma xeral, elixir cubertas temporais con especies de ciclo curto e con capacidade de autosementeira.

Ter en conta que a cuberta espontánea é unha alternativa sinxela e económica.

Non esquecer que unha cuberta mixta, alternando rúas con laboreo e rúas con cuberta, podería ser unha opción válida para aproveitar as vantaxes tanto do laboreo como da cuberta vexetal.

-Aínda que o ICVV quere ampliar ensaios que combinen estratexias de cubertas con rega, as primeiras experiencias son positivas na mellora da acidez e na cor de mosto e viño.

– É moi importante, escoller a especie para a cuberta segundo o obxectivo buscado, que non ten por que ser o mesmo para todos os viñedos.

-Destacar o Proxecto CUVEGENAT, como unha proposta innovadora no estudo da cuberta como estratexia para o control biolóxico por conservación, que permite incrementar a fauna auxiliar beneficiosa para o viñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información