A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Caixa Rural Galega recibe o premio Espiga de Oro 2015 do Banco de Alimentos

A Federación Española de Bancos de Alimentos recoñeceu a Caixa Rural Galega e ao resto dos compoñentes do Grupo Caja Rural polo labor desenvolvido en favor desta organización nos últimos anos a través dos proxectos Bicicleta Solidaria e Iniciativa Solidaria

Caixa Rural Galega recibe o premio Espiga de Oro 2015 do Banco de Alimentos

Entrega do premio Espiga de Oro, do Banco de Alimentos, ó Grupo Caja Rural.

Caixa Rural Galega e o conxunto do Grupo Caja Rural veñen de facerse co Premio Espiga de Oro, o máximo galardón que lle outorga a Federación Española de Bancos de Alimentos ás organizacións que destacan pola súa implicación coa entidade.

Ao acto de entrega, celebrado en Madrid, acudiron representantes do Banco de Alimentos e do Grupo Caja Rural, que recibiu o galardón por man de Ernesto Moronta, presidente da Asociación Española de Cajas Rurales; José Luis García, presidente do Banco Cooperativo Español, e Antonio León, vicepresidente de Seguros RGA.

Dende 2013, o Grupo Caja Rural, a través do seu equipo ciclista, leva a cabo a Bicicleta Solidaria, un proxecto que se pon en marcha en diferentes eventos lúdicos ó longo de toda a xeografía para sensibilizar á sociedade sobre o traballo do Banco de Alimentos. Para iso póñense cinco bicicletas a disposición do público, tres de adulto e dúas infantís, nas que os asistentes poden pedalear de forma solidaria, convertendo nun quilo de comida cada quilómetro pedaleado. En total foron máis de 90.000 persoas as que pedalearon de maneira solidaria en máis de 60 cidades e acumularon máis de 88 toneladas de alimentos. Parte do pedaleado foi nas etapas que transcorreron por Galicia no 2013 e 2014.

Iniciativa solidaria
Ademais, no 2014 o equipo Caja Rural-Seguros RGA lanzou a Iniciativa Solidaria, un gran reto que perseguía implicar á sociedade para, a través de microdoazóns, reunir unha gran cantidade de alimentos en poucos días. Para iso contou coa colaboración de todo o Grupo Caja Rural e de Seguros RGA, que, á súa vez, conseguiron implicar a todos os seus empregados e aos seus clientes. Grazas a todos eles conseguíronse 125 toneladas de alimentos en tan só 17 días, a maior doazón recibida no 2014 polos bancos de alimentos.

Apoios ó Banco no 2015
Este ano o Grupo Caja Rural volveu a poñer en marcha esta iniciativa, polo que, do mesmo xeito que no 2014, 8.000 empregados do Grupo Caja Rural vestíronse de verde para actuar como voluntarios. Como novidade ampliáronse o prazo e as vías de colaboración para realizar doazóns, que se poderán facer mediante transferencia á Fila Cero, nos 3.000 petos solidarios situados na rede de oficinas do Grupo Caja Rural ou coa tarxeta de crédito en www.compromisorga.es.

Grazas a todas as persoas que forman o Grupo Caja Rural e a toda a sociedade que participou nestas accións solidarias conseguíronse dous millóns de pratos de comida. A estas iniciativas hai que engadir, ademais, a histórica colaboración das caixas rurais cos bancos de alimentos locais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *