A cadea da madeira crea a Fundación Arume para recuperar o piñeiro de Galicia

Máis de 50 entidades avanzan no proxecto iniciado en outubro para impulsar a mellora dos piñeirais, na busca dun maior valor engadido para as coníferas galegas. Os novos usos, como a madeira estrutural para construción, claves para o sector

A cadea da madeira crea a Fundación Arume para recuperar o piñeiro de Galicia

Máis de medio cento de entidades presentaron hoxe en Sergude (Boqueixón) a Fundación Arume.

O piñeiro galego está ante un futuro ilusionante. Esa é a conclusión do medio cento de entidades da cadea da madeira que presentaron hoxe a Fundación Arume, un organismo que nace para posicionar as coníferas galegas na era da bioeconomía. “Estamos ante unha oportunidade clara. O mercado pide materias primas sustentables e o piñeiro ten unha demanda crecente para usos como a madeira estrutural en construción”, explica o presidente da Fundación Arume, José Carballo, tamén conselleiro delegado de Finsa.

A creación da Fundación Arume, presentada hoxe nun acto no Centro de Formación Agroforestal de Sergude (Boqueixón, A Coruña), é froito do proxecto iniciado no outono pasado por medio cento de entidades da cadea da madeira. Todo o sector se implicou na iniciativa, desde propietarios forestais e viveiros ata aserradoiros e industrias da transformación, un feito que pon de relevancia Carballo: “Que toda unha cadea de produción se una para impulsar cos seus medios un potencial produtivo e industrial que temos é un feito de relevancia do que estamos orgullosos”, subliñou.

Madeira de calidade
O primeiro obxectivo da Fundación é revertir o retroceso que están a experimentar os piñeirais na comunidade, que suman varias décadas de perda progresiva de superficie. Para elo, trabállase en catro eixos en paralelo: mellora xenética, silvicultura, formación e mercados. O obxectivo é lograr madeira de calidade que sexa valorada no mercado.

Crearase a marca Pino de Galicia, que se tratará de ligar ó selo Galicia Calidade

A Fundación Arume anunciou hoxe que creará a marca Pino de Galicia, que irá ligada a madeira cuns estrictos parámetros de calidade e que buscará o amparo do selo Galicia Calidade, na idea de reforzar o seu posicionamento tanto no mercado estatal coma nos exteriores. As primeiras novas positivas para a madeira de calidade de piñeiro xa comezaron nos últimos meses, pois Finsa anunciou novas tarifas para o piñeiro e espérase que aserradoiros e outras industrias se sumen a ese aumento de prezos para madeira de categoría selecta.

Ana Busto, Francisco Dans, José Carballo e María Sánchez, na presentación da Fundación Arume.

Ana Busto, Francisco Dans, José Carballo e María Sánchez, na presentación da Fundación Arume.

Demanda de madeira estrutural para construción
A mellora de prezo que se anuncia para as coníferas vén soportada en novos usos, como a madeira estrutural para a construción, un uso aínda pouco presente en Galicia pero que se expande imparable por Europa. “Xa se fan en madeira o 42% dos edificios que se constrúen en todo o mundo co estándar Passivhaus, mesmo edificios con numerosas alturas”, destacou no acto de presentación da Fundación a arquitecta María Sánchez, de ‘The Cambium Design’.

“O 42% dos edificios que se contrúen en todo o mundo co estándar Passivhaus fanse xa en madeira” (María Sánchez, arquitecta)

Dos usos máis habituais da madeira nos edificios, como solos ou fiestras, está a pasarse a unha utilización tamén habitual en estruturas, como vigas ou forxados de madeira. “Realmente non é máis que recuperar o que sempre se fixo en Galicia, pois aínda que os exteriores das casas eran de pedra, tradicionalmente había un uso importante da madeira nas estruturas e cubertas”, subliña María Sánchez.

“A madeira estrutural na construción é un mercado en expansión en Europa e Estados Unidos. En España xa se están acometendo proxectos en comunidades como Cataluña e País Vasco, e sen dúbida en Galicia vaise extender tamén. Se temos madeira de calidade de quilómetro cero, faranse proxectos con madeira galega. Se non, importarase”, resumiu María Sánchez, que lembrou que para a madeira estrutural precísanse trozas de calidade e cortadas a lonxitudes maiores das habituais.

Perspectiva industrial
Pola parte industrial, tanto aserradoiros como industrias amosánse comprometidas no impulso dos novos usos de piñeiro. Finsa ten previsto lanzar ó mercado unha madeira técnica para construción, a CLT (Cross Laminated Timber) en setembro do 2020, en tanto os aserradoiros teñen tamén expectativas de entrar nos novos mercados que se vaian abrindo para as coníferas. “Somos 200 aserradoiros en toda Galicia, cunhas cortas anuais de 1,8 millóns de metros cúbicos e dese volume de madeira, un 83% son coníferas”, detallou Ana Busto, de Serrerías Rodríguez, na presentación da Fundación Arume.

“O piñeiro é vital para o noso futuro” -recoñeceu Ana Busto, que incidiu na capacidade dos serradoiros para adaptarse ós novos tempos e para investir en novas tecnoloxías e procesos produtivos-. “Estamos ubicados en entornos rurais dos que somos uns grandes dinamizadores. Xeramos valor engadido para o monte e queremos que a xente nova vexa futuro en nós”, concluíu.

Mellora xenética
Pechou a presentación da Fundación Arume o seu vicepresidente, Francisco Dans, tamén director da Asociación Forestal de Galicia. Dans subliñou o novo escenario de ilusión que se abre para o monte. “Os propietarios forestais sempre queremos ter claro que imos producir e para que, así que estar hoxe aquí escoitando a demanda actual e futura que hai para o piñeiro é ilusionante”, sinalou.

“A demanda actual e futura para o piñeiro é ilusionante” (Francisco Dans, vicepresidente da Fundación Arume)

De cara ós propietarios forestais, Dans incidiu en que a Fundación Arume traballará para axilizar a mellora xenética do piñeiro de Galicia. O obxectivo é reducir os turnos de corta, pasando dos 30-35 anos de media que precisa o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) a turnos de ata 20 anos. “Imos axilizar a mellora xenética para que estea a disposición do propietario nos viveiros galegos o antes posible”, valorou.

Formación
Outro dos eixos nos que se marca obxectivos a Fundación é o formativo, pois as industrias e aserradoiros do sector detectan a ausencia de titulacións ligadas ó ambito da transformación forestal. “Hai un total desalineamento entre as necesidades das industrias e a formación, que é algo que temos que resolver, tanto pola vía da FP dual como pola vía universitaria”, valorou José Carballo.

Patronato
As distintas liñas de actuación están xa en marcha, xestionadas polos grupos de traballo que se constituíron no seo da Fundación Arume. A Fundación está liderada por un patronato conformado polas seguintes organizacións: Asociación Forestal de Galicia, Asociación Sectorial Forestal Galega, Asociación de Empresas de Servicios Forestais de Galicia, Asociación de Viveiros Forestais de Galicia, Asociación Provincial de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Federación Empresarial de Rematantes e Aserradoiros de Galicia (Fearmaga), Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, Asociación Galega Monte Industria e Abanca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información