“Cada vez desfruto máis do traballo na viña: é como coidar dos fillos”

Entrevistamos a Manuel Guerra Justo, fundador de Vía Arxéntea. Esta pequena adega familiar de Vilaza, na Denominación de Orixe Monterrei, recibiu este ano na Cata dos Viños de Galicia o Acio de Ouro ao mellor colleiteiro polo seu tinto mencía. Xa exportan fóra de España o 30% das súas botellas.

Publicidade
“Cada vez desfruto máis do traballo na viña: é como coidar dos fillos”

Manuel Guerra Justo co seu Vía Arxéntea Tinto, premiado como o mellor tinto de colleiteiro en Galicia no 2017

Como lle sucede a moitos grandes viticultores, Manuel Guerra Justo tivo que saír da casa familiar, onde se cultivaba viño para a casa, para descubrir a súa paixón pola viticultura.

Este adegueiro de 41 anos, que ía para administrativo, chegou polo azar a este mundo. Sendo mozo empezou a traballar na adega cooperativa de Monterrei, e posteriormente nunha adega no Ribeiro, ata que hai dez anos decidiu comezar de cero na viticultura coa súa parella na súa aldea natal, en Vilaza, no concello de Verín.

Hoxe a súa adega, Vía Arxéntea, en honor ao ramal da Vía da Prata que pasa por aquí, é un referente na Denominación de Orixe Monterrei. Mostra diso é o Acio de Ouro ao mellor colleiteiro de Galicia que recibiu este ano polo seu viño tinto. Ademais, xa exporta fóra de España o 30% das súas botellas.

Como comezaches no sector do viño?
Os meus pais tiñan viñas dende sempre porque en Vilaza era tradición familiar facer viño para a casa. A miña formación é de administrativo pero por casualidade empecei a traballar moi novo no sector das adegas, primeiro na antiga cooperativa de Monterrei e logo estiven nunha adega no Ribeiro. E hai dez anos entre a miña noiva e eu decidimos montar a nosa propia.

Empezamos por arrancar os viñedos dos meus pais, de variedades foráneas e máis produtivas. Esta reestruturación realizámola hai dez anos e plantamos vides autóctonas de calidade: en branco Godello e Treixadura e en tinto Mencía.

Ademais, tamén empezamos a traballar viñas de familiares e de veciños do pobo que ao facerse maiores ofrecéronnolas para cultivar, antes que deixalas abandonadas.

 “Elaboramos uns viños diferenciados e únicos para non ter que competir por prezo”

Que te atraeu tanto para deixar a túa profesión de administrativo?
Nun principio o que máis me gustaba eran os procesos da adega: ver como se elaboran os viños e como evolucionan. Pero hoxe atráeme máis a viña, que para min é como os fillos, porque todos os anos as ves agromar, medrar e evolucionar.

Tedes a sorte de contar con viñedos bastante diferenciados por parcela…
En total traballamos unhas 14 parcelas e arredor de 5 hectáreas, das que arredor do 60% son en propiedade e o 40% restante de veciños. Unhas 3 hectáreas están en zona de ladeira do monte, repartidas en varias fincas como O Vilar, Valongo, Bagueira…etc, e as outras están no val.

Son distintos terreos, dende os que son máis barrentos aos que son de carácter granítico e penso que cada solo apórtalle algo distinto a cada un dos viños. Á hora de elaboración facemos unha vinificación diferenciada en depósitos por parcelas e tamén por variedades. E posteriormente realizamos un coupage proporcional de cada deposito.

En Vía Arxéntea embotellamos o viño despois de que repouse sobre as lías o máis tempo posible para mellorar as súas propiedades. Realizamos cinco embotellados ao longo do ano e despois da vendima, cara decembro, realizaremos o último da colleita de 2016.

A maior parte dos nosos viñedos, unhas 4 hectáreas, son de variedades brancas, repartidas ao 50% entre Godello e Treixadura, e a hectárea restante é de Mencía.

Os rendementos son controlados, facendo vendima en verde e limitando a produción para potenciar a calidade da uva. Así, nun ano normal vendimamos arredor de 8.000 quilos por hectárea de uva branca e de tinto uns 7.000 kilos. Este ano todo se alterou e Deus dirá.

“Gustaríanos plantar máis variedades minoritarias para lograr viños máis complexos e diferenciados”

Agora o prego de condicións da DO. Monterrei autoriza o emprego de máis variedades. Por iso, o día de mañá si que nos gustaría plantar máis variedades minoritarias e autóctonas de Galicia porque canda máis variedades teñas máis complexos serán os viños.

Na vosa adega tivestes claro dende un principio a aposta por unha clientela máis selecta que valore os vosos viños…..
Somos unha adega pequena e non podemos competir por prezo, senón por calidade, cuns viños únicos e diferenciados. En total, da colleita 2016 elaboramos unhas 30.000 botellas de Vía Arxéntea Branco e unhas 6.500 de Vía Arxéntea tinto.

En canto ao mercado, vendemos sobre un 50% do noso viño en Galicia, un 30% para a exportación, fundamentalmente a Estados Unidos, Inglaterra, Alemaña e Países Nórdicos, e o 20% no resto de España e en venda directa ao público.

Os exportadores queren viños distintos e de calidade, produtos diferenciados que non van atopar no resto do mundo. E iso é o que lle ofrecemos e polo que veñen a nós.

Creo que para os viños galegos en xeral temos que buscar a clientela que queira cousas distintas porque por prezo non podemos competir. No noso caso o prezo de venda ao público das nosas botellas rolda entre os 9 e os 12 euros, e pódense atopar en tendas de viños especializadas e en restaurantes.

En que se diferencian os viños de Vía Arxéntea?
Por exemplo, no branco realizamos unha mestura de Godello e de Treixadura ao 50% de cada unha, e moi poucas adegas o fan. Esta mestura logra un viño moi aromático, porque a Treixadura é unha variedade con moita riqueza de aromas, e o Godello nótase sobre todo en boca.

En Tinto, empregamos uva Mencía, pero de cara o futuro gustaríanos engadir uva de Sousón, Caíño Longo, Caíño Redondo e Brancellao das nosas propias plantacións. A mestura ofrecería un viño con máis cor grazas ao Sousón e sobre todo ao Caíño Redondo, e moita riqueza de matices. Recoñezo que son un apaixonado dos plurivarietais porque fan os viños máis complexos e con máis aromas.

O viño e os viñedos de Vía Arxéntea co castelo de Monterrei ao fondo.

O viño e os viñedos de Vía Arxéntea co castelo de Monterrei ao fondo.

Como imaxinas a túa adega dentro de dez anos?
Gustaríanos ir medrando pero amodiño, chegando a un tope de 50.000 ou 60.000 botellas, para lograr un punto de equilibrio que nos permita tamén ter calidade de vida. E sobre todo manter a nosa liña e a nosa filosofía, pero sen descartar facer cousas novas.

Por exemplo, gustaríanos facer pequenas vinificacións de outras variedades como Loureira, Caíño Branco ou Albariño e ver como se comportan en Monterrei. Tamén nos gustaría conseguir algunha viña de Dona Branca, unha variedade moi propia de Monterrei, e da que se elaboran uns viños moi interesantes. Ademais, estamos a experimentar co envellecemento en barrica do noso branco, do que este ano imos sacar as primeiras botellas.

“Medraremos amodiño, sen pasar das 60.000 botellas”

Cales son, segundo ti, as claves para lograr o éxito nunha adega?
Traballo, ilusión e unha estratexia de saber a que tipo de cliente te queres dirixir. No meu caso, empecei só, compaxinando a viticultura con outro traballo, e era saír da empresa e vir aquí á viña a seguir traballando. Agora xa está a adega máis ou menos encamiñada e non nos podemos queixar. Tamén teño que agradecer que nos concederan subvencións para mellorar tanto en adega como en viña.

¿Como afrontades as xeadas deste ano, que afectaron a case o 90% dos viñedos?
Vai ser complicado, pero ata que se acabe a vendima non podemos dicir nada, xa que nunca se deu un caso coma este para nós. O pouco que se salvou, arredor do 10%, si que sabemos como vai ser a colleita, pero o 90% restante botou unha segunda colleita de pequenos acios (rebouzos) e non sabemos como se comportará esa uva. Hai máis de 50 anos que non caeu unha xeada como esta e non sabemos que pasará.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información