Cachenas de San Breixo, carne de máxima calidade directa ao consumidor

Desde o concello lucense de Triacastela, Jordi Ánguez foi pioneiro na comercialización sen intermediarios desta raza autóctona, que hoxe envía a toda España e a clientes en Francia, Inglaterra ou Italia. Foi un dos gandeiros máis prexudicados pola eliminación do pasto arbustivo en 2015 e reclama que os dereitos deben ir vinculados "a manter a produción"

Jordi Anguez coa súa filla Carmen no monte onde teñen o seu rabaño

Jordi Ánguez coa súa filla Carmen no monte, onde ten o seu rabaño

San Breixo da Balsa foi no seu día a capital do Concello, pero hoxe só quedan nesta pequena aldea de Triacastela unha capela caída e tres casas en pé. A de Jorge Ánguez Grases é a única vivenda habitada de forma permanente e as súas vacas son as que coidan o pobo e evitan que a maleza acabe engulíndose o lugar, como décadas atrás fixo a emigración.

“Nós volvemos hai 11 anos de Barcelona. De aquí era o meu pai e sempre houbera vacas na casa até 1980. Atendíaas un tío avó meu. Eu estudei Farmacia e Empresariais e levaba o restaurante da familia, pero cada ano escapábame para vir á Semana Verde de Silleda porque me gustaba moito. No ano 1996 vin as cachenas alí e namoreime desa raza. É unha vaca preciosa, podemos discutir carácter, produtividade ou outras cousas, pero non a súa beleza, é un animal que gusta a todo o mundo”, afirma Jordi.

“Eu estudei Farmacia e Empresariais e levaba o restaurante da familia en Barcelona, pero cada ano escapábame para vir á Semana Verde de Silleda e alí namoreime das cachenas”

O 23 de abril do 2003, día do seu santo e patrón de Cataluña, Jordi cumpriu o seu soño e deuse de alta como gandeiro. “Volvemos montar a explotación con idea xa de virnos para aquí. Empezamos con 6 xovencas e un tenreiro. Trouxémolas de Olelas, en Ourense e custounos conseguilas porque naquela época había moi poucas cachenas e case había que facer unha instancia para conseguir unha”, lembra hoxe.

Aquela afección súa polas vacas acabou converténdose no proxecto compartido de toda a familia: de Mireya, a súa muller, e de Breixo e Carmen, os seus dous fillos. “Medramos rápido ao principio, deu a casualidade de que os primeiros anos saíron moitas femias, por enriba da media de 50% machos e 50% femias”, explica.

“No 2015, cando eliminaron da noite para a mañá o pasto arbustivo, tivemos que reducir animais, malvendéndoos porque se nos disparaba a carga gandeira e perdiamos as axudas. Foi a ruína total.”

“Chegamos a ter 100 cabezas, pero tivemos que volver empezar case de cero en 2015, cando sacaron o pasto arbustivo. Supúxonos a ruína total e tivemos que replantexarnos todo outra vez. Aquilo foi unha decisión inesperada, un cambio das regras de xogo da noite para a mañá. Eramos 5 explotacións en Galicia que de golpe por sacarnos o pasto arbustivo disparábasenos a carga gandeira e perdiamos as subvencións por criterios ambientais. Tivemos que reducir animais, malvendelos para non perder a subvención”, conta.

70 cabezas e 100 hectáreas

Tuvo que reducir la carga ganadera cuando en 2015 eliminaron el pasto arbustivo

Tivo que reducir a carga gandeira cando en 2015 eliminaron o pasto arbustivo

Hoxe Jordi foise recuperando daquel pau e ten 70 cabezas de gando, das que 40 son nais reprodutoras. Manexa unha superficie total de 100 hectáreas, a metade monte comunal e a outra metade propiedade das tres casas do pobo. “Levamos as propiedades das tres casas que hai na aldea, tanto os prados como a superficie forestal. Nós aproveitamos moi ben o monte, pastoreamos os soutos centenarios e aproveitamos moi ben a castaña, e pacemos tamén as carballeiras e zonas que eran labradío e nas que naceron bidueiros. Considero que o modelo combinado de pastoreo con forestal é o gran futuro da gandeiría en zonas de montaña como esta”, afirma.

“Nós aproveitamos moi ben a superficie forestal e considero que o modelo combinado de pastoreo de pradería e monte é o gran futuro da gandeiría en zonas de montaña como esta”

“No monte comunal pastoreábase tradicionalmente o monte baixo pero iso é pouco produtivo. Agora estamos a facer pradeiras nalgunhas zonas de monte. A semente está moi cara, así que deixamos un anaco de monte recentemente semillado con raigrás para cultivar e ter semente propia para varios anos”, explica.

As leiras máis altas desta explotación sitúanse a 900 metros de altitude, xusto enfronte do monte Oribio, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou recentemente o proxecto para construír un parque eólico. “É algo que non entendo, poñer aeroxeradores en plena Rede Natura nun lugar polo que pasa o Camiño de Santiago e que ten na paisaxe e a natureza os seus principais atractivos. Creo que é pan para hoxe e fame para mañá, o mesmo que os eucaliptos”, afirma.

Gandeiría para fixar poboación

Frente al monte Oribio, a 900 metros de altitud, Jordi está sembrando praderas en zonas de monte comunal

Fronte ao monte Oribio, a 900 metros de altitude, Jordi está sementando pradeiras en zonas de monte comunal

Jordi defende a gandeiría como actividade para crear riqueza e fixar poboación no medio rural e pide que ese sexa un criterio fundamental á hora do reparto das axudas da PAC. “Os dereitos da PAC en Galicia son plans de xubilación e iso entorpece o crecemento do sector, os dereitos deberían ir vinculados aos gandeiros que manteñan a produción”, reclama.

“Aínda que fagas as cousas ben, se non tes subvención non son rendibles as explotacións en Galicia”, afirma. Por iso non entende algunhas das políticas públicas levadas a cabo polas Administracións nos últimos anos. “Deixáronse vender os dereitos da PAC e os dereitos de vacas nodrizas e moitos vendéronse para fóra de Galicia. Eses dereitos non se deberon deixar saír de aquí”, insiste.

“Os dereitos da PAC en Galicia son plans de xubilación e iso entorpece o crecemento do sector, os dereitos deberían ir vinculados aos gandeiros que manteñan a produción”

Do mesmo xeito, critica que a distribución de fondos non prime aspectos como benestar animal ou alimentación. “A PAC é unha axuda á produción, pero non che pagan a produción, senón o mantemento, e dá igual que teñas as vacas gordas ou fracas”, argumenta. Jordi é unha persoa que di o que pensa e non cala o que lle parece xusto. Poida que lle veña de familia, pois a primeira referencia histórica á casa paterna é de 1730, dun antepasado seu queixándose de que subiran o chato de viño na feira. “Teño mentalidade catalá, os galegos sodes moito máis conformistas”, bromea.

Pouca maquinaria

En invierno suplementa con silo y hierba seca

No inverno suplementa con silo e herba seca que obtén nas fincas máis próximas ao Camiño de Santiago

As cachenas de San Breixo pacen libremente todo o ano no monte e nos prados máis próximos ás casas da aldea pero no inverno, e tamén no verán en anos nos que hai seca, Jordi suplementa o pasto con silo e herba seca. “Cada vez hai que facer máis silo, nótase o cambio climático. Antes sobrábanos auga, agora temos fontes que secan e o prado este ano en setembro estaba xa moi seco, outros anos aguantaba máis. Este foi un ano moi raro, porque sen embargo o corte de ensilaxe foi moi bo”, explica.

“Creo que non é interesante manter 4 tractores nunha explotación para que a maioría deles traballen 15 días ao ano”

As fincas que ten á beira do Camiño de Santiago destínaas a forraxe e saca 2 ou 3 cortes de herba, tanto para silo como para herba seca. “Eses traballos contrátoos. Empecei con moi pouca maquinaria e daste conta de que te amañas perfectamente así. Creo que non é interesante manter 4 tractores nunha explotación para que a maioría deles traballen 15 días ao ano”, argumenta.

Peches con malla gandeira

Pastorean los sotos para aprovechar la época de la castaña

Pastorean os soutos para aproveitar a época da castaña

Jordi recoñece que cumpre moitos tópicos que fan que a súa gandería chame a atención: neorural, emigrante retornado, urbanita que volve á aldea. “Fun autodidacta, eu non tiña nin idea disto, pero a cachena é unha raza que che permite ir aprendendo”, di.

Por exemplo, non pon arame nin pastor eléctrico para pechar as súas leiras. “Teño moita superficie forestal e se cae unha ponla os animais escápanse e fan moitos quilómetros. Poñemos malla gandeira, que encarece os peches, pero dá máis seguridade para as vacas e ten ademais a vantaxe de que pon trabas ao xabaril, que nesta zona aféctanos moito porque hai dous anos houbo incendios e baixaron do monte”, explica.

O perímetro do último cercado que fixeron foi de 3,5 quilómetros de malla e só descartan un animal para recría se aprende a sortear o peche. “É un dos criterios de selección que utilizamos, porque non podemos estar pendentes dun animal que se escapa todos os días”, xustifica.

Mercado de vida

cabalo no medio para pisar

Rendabiliza o alto nivel xenético da súa cabana vendendo femias para recría e machos para sementais

A venda de animais a outras explotacións é outra das vías de ingresos de Cachenas de San Breixo. “Temos moito mercado de vida”, explica Jordi, que explota desta forma o nivel xenético da súa cabana, que conseguiu vencer nos tres primeiros concursos morfolóxicos desta raza organizados na Semana Verde de Silleda en 2012, 2013 e 2014. Rabuda fíxose, por exemplo, co primeiro premio en 2012 e Maketatón sucedeuna ao ano seguinte.

Os nomes dos animais son outra das curiosidades desta explotación. “Todos os animais teñen nomes con historia. O primeiro nacemento dun tenreiro que tivemos foi o catro do catro de dous mil catro e era Domingo de Ramos, así que lle puxemos Ramos e a partir de aí, cada ano tiramos dun tema: nomes gregos, romanos, de deusas exípcias, de plantas, etc. O ano pasado aos machos puxémoslles nomes de escritores ingleses e este ano estamos con personaxes fantásticos, xa tivemos un Harry Potter”, conta.

“Todo o que naceu de recría en 2019 está xa apalabrado, pero non vendo todo o que me piden porque quero medrar eu tamén para recuperar as 100 cabezas que tiña”

“Tendo en conta o tempo que levamos e o número de cabezas que temos, desta gandeiría saíron moitos machos para sementais, como Dátil, e tamén moitas femias. Agora quero seguir medrando eu tamén, porque quero chegar a recuperar as 100 cabezas que tiven, por iso non vendo todo o que me piden”, aclara Jordi, que explica que “en 2020 vaise disparar a demanda para vida, o que naceu de recría en 2019 xa está todo apalabrado e vendido”.

Complemento a outras razas

A cachena é a raza de vaca máis pequena do mundo en canto a estatura pero a súa grande versatilidade para o pastoreo convértena nunha especie todo terreo idónea para lugares con orografía difícil e condicións climáticas adversas. A raza traspasou as fronteiras de Galicia e hai animais en explotacións de Castela e León, Cantabria, Extremadura ou o País Vasco, onde o cociñeiro Carlos Arguiñano posúe varios exemplares.

“Ter un rabaño de cachena como complemento a outras razas cárnicas é unha boa opción para limpar as leiras”

Tamén en Alemaña hai cachenas, explica Jordi. “Hai dous criadores, Hitler seleccionou razas de toda Europa e aínda hoxe quedan en Alemaña dúas explotacións de cachenas, aínda que teñen problemas de consanguinidade”, conta.

Considera que “é unha raza que se se promocionase máis para vida tería tamén moito mercado para iso porque as cachenas son unha boa opción para ter un rabaño como complemento a outras razas cárnicas, como limusión ou rubia galega, porque che aproveitan o pasto e o terreo malo”, argumenta.

“O mercado está fora, aquí todo o mundo ten un curmán ou un veciño que lle vende medio becerro”

zonas de monte comunal pouco produtivo

Cachenas de San Breixo fai chegar directamente a súa carne ao consumidor final. Foi unha das gandeirías pioneiras na comercialización sen intermediarios desta raza autóctona. Contacta cos clientes a través da súa páxina web e envía os pedidos, envasados ao baleiro, en caixas isotermo ata o domicilio do consumidor.

Até que nos viñemos para aquí tiñamos o restaurante en Barcelona e toda a nosa produción ía para alí. Despois empezamos a comercializar a nosa carne en carnicerías de proximidade, pero aquí o mercado é pequeno e hai moitas explotacións e todo o mundo ten un primo que lle vende medio xato”, argumenta.

O Concello de Triacastela non chega aos 650 habitantes aínda que ten un importante fluxo de peregrinos e numerosos negocios de hostalería vinculados ao Camiño de Santiago pero Jordi enseguida se deu conta de que o seu cliente potencial estaba fóra.

“Non hai mercado dabondo aquí para que todos fagamos venda directa, nin tampouco para a carne ecolóxica, porque o que busca o ecolóxico decántase pola verdura. O mercado está fóra. Onde hai que mandar a carne ecolóxica é a Alemaña, pero iso non se pode facer individualmente, senón cunha estratexia conxunta”, defende.

Comercialización en lotes e medias canais

Los terneros están con las madres hasta el sacrificio

Os xatos están coas nais até o sacrificio e son comercializados en lotes de 3, 5 e 10 quilos

“Nós empezamos no 2012 a facer venda directa e a comercializar por internet. Ao principio o mercado de carne de cachena estaba virxe e poñías no buscador cachena e saiamos nós, agora xa hai máis produtores que se decidiron a vender a súa propia produción porque o problema de depender de terceiros é que non fixas os prezos, pasa igual que co leite, só que o sector da carne está menos profesionalizado aínda que o do leite porque é moi difícil vivir da carne, tes que ter moito volume”, considera.

A redución no número de cabezas á que se viron obrigados fai catro anos impediulles poder atender a novos clientes, algúns no estranxeiro

Cachenas de San Breixo vende entre 30 e 40 animais por ano, todos a clientes particulares. “Chámante os restaurantes e pídenche todos chuleteiro, pero non interesa porque, que fas co resto?”, argumenta Jordi. Empezaron sacrificando no matadoiro de Taboada pero agora ampliaron e mandan tamén animais a Sarria ou Castro. “Traballamos con varios matadoiros. Empezamos con Celtaverde pero quédanos lonxe por loxística. Nós supervisamos o despezamento e facemos os lotes”, explica.

“Servimos lotes de 3, 5 e 10 quilos que enviamos a toda España e tamén vendemos canais enteiras e medias canais para o mercado exterior, a clientes de Francia, Inglaterra ou Italia e iso que fai catro anos, cando nos vimos obrigados a reducir o número de cabezas tivemos que frear a venda fóra porque non tiñamos capacidade para atender aos novos clientes que saían, mesmo no estranxeiro, e priorizamos atender aos clientes daquí”, indica. “Facer lotes dá máis traballo, tamén de loxística, pero é a única maneira de enviar para lugares como Madrid, onde ninguén che pide media canal”, engade.

Apostar pola calidade

A capital de España absorbe máis da metade da produción desta explotación da montaña de Lugo. “O 75% vai para Madrid, en Galicia cada vez hai máis competencia”, recoñece Jordi, que asegura que os produtos que saen da nosa comunidade teñen moi boa acollida fóra. “A marca é Galicia porque fóra a percepción é que todo o que sae daquí é o mellor, estou convencido de que metes pedras nunha caixa e mándalas a Madrid e funciona, porque a palabra galego é sinónimo de calidade”, argumenta.

“A batalla da cantidade témola perdida, xa que os custos de produción son aquí máis altos”

Por iso, di, “temos que apostar pola calidade, porque a batalla da cantidade témola perdida, xa que os custos de produción son aquí máis altos”. E propón diferenciarse. Por exemplo, di, “pechando Galicia aos transxénicos, como fixo Escocia”.

“Nós non estamos en ecolóxico pero a nosa carne é tan ecolóxica como moita da que está no mercado como ecolóxica”, di. “As nosas vacas viven en liberdade coas súas crías, ao aire libre todo o ano. Non destetamos, maman o tempo que queren e sacrificamos dependendo do animal e da época do ano”, explica.

“Temos partos todos os meses do ano, pero o gordo céntrase en catro meses, de marzo a xuño, que é a época na que se concentra o maior número de nacementos, porque na primavera é cando está o semental coas vacas. Temos dous touros, un para quedar como reprodutor na gandeiría e outro que capamos e estamos finalizando para un restaurante”, explica. “Fixemos tamén un boi nunha ocasión, pero o problema é que se dificulta o manexo. Caparámolo aos 11 meses e sacrificarámolo con 7 anos e medio e estivo o último ano a castaña. Iso non se paga, non ten prezo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información