Bioseguridade e uso responsable dos antibióticos no vacún de carne

Evitar que entren enfermidades á explotación e atallalas canto antes reduce a necesidade de medicamentos e incrementa o rendemento obtido na gandaría. Estas son algunhas das cuestións a ter en conta para evitar os contaxios

Gonzalo Fernández, durante a súa intervención nas xornadas técnicas de Ternera Gallega

Gonzalo Fernández, durante a súa intervención nas xornadas técnicas de Ternera Gallega

Gonzalo Fernández é profesor de Patoloxía Animal na Facultade de Veterinaria de Lugo e un experto nas enfermidades do gando e en como evitar a súa trasmisión tanto ao resto da cabana gandeira como aos humanos. Repasamos algunhas das claves que aporta para mellorar a bioseguridade nas explotacións, un concepto que vai ir gañando cada vez máis peso no sector produtor. “A medida que se vai endurecendo a normativa para o uso de antibióticos cobra máis importancia evitar que nos entren infeccións na explotación”, xustifica.

Entre as medidas máis eficaces para evitar a entrada de enfermidades desde o exterior sinala a vixiancia na introdución de novos animais, evitar o contacto do gando con outras especies, o control de visitas externas á explotación ou extremar as medidas hixiénicas no subministro de penso e auga ao gando.

A limpeza e a desinfección das instalacións, a protección do persoal da explotación e o manexo axeitado dos animais están entre as medidas que contribúen a diminuír, cando se produce un foco de contaxio, a diseminación dunha infección dentro da gandaría, segundo explicou Fernández nas últimas xornadas técnicas de Ternera Gallega.

A bioseguridade é o conxunto de medidas que se poden adoptar para evitar a entrada de infeccións e, no caso de que entren, para impedir a súa diseminación na explotación

“Máis vale previr que lamentar. Isto non é matemáticas, pero si lotaría e cantos máis riscos teñamos, máis boletos teremos mercados para ter unha enfermidade na granxa”, resume. Por iso, di, é importante contar cun programa de bioseguridade dentro do plan sanitario da granxa para evitar que entren enfermidades e, se entran, evitar que se propaguen ao resto de animais e erradicala canto antes.

Bioseguridade e biocontención: evitar a propagación das infeccións

Os plans sanitarios das gandarías deben contar, xa que logo, con dous pilares básicos relacionados: a bioseguridade, para evitar a entrada de enfermidades, e a biocontención, para frear a súa propagación dentro da granxa e o seu contaxio ao resto de animais.

O primeiro que recomenda Gonzalo para minimizar os riscos de infeccións transmisibles do gando nas explotacións é mercar o menor número de animais posible por ser este o primeiro foco de entrada de enfermidades nas granxas. “O mellor animal que se pode comprar é o que non hai que comprar”, asegura. “O ideal sería non ter que mercar ningún animal, deste xeito lograríamos ter un 80% menos de patoloxías”, describiu.

O mellor animal que se pode comprar é o que non hai que comprar

En caso de adquirir gando fóra da explotación di que é recomendable que o traslado sexa directo de explotación a explotación e establecer sempre un sistema de vixiancia para que en caso de que por esta vía de incorporar animais entre unha enfermidade poder detectala e illala canto antes. “Canto antes se detecta unha enfermidade que entra, antes imos poder actuar, menos medicamento vai ser necesario e menos perdas imos ter”, indica.

Falsos negativos

Esta zona de corentena para novos animais, illada do resto da cabana, é un sistema imprescindible para determinadas enfermidades, considera Gonzalo, pois “un animal pode dar negativo a IBR ao saír da granxa de orixe e aos 21 días dar positivo na de destino”. “A partir de agora ademáis de carta verde imos ter un novo documento para IBR”, adiantou o profesor titular de Patoloxía Animal da USC, que lembrou que o pasado 11 de outubro de 2019 publicouse o sistema de certificación oficial para IBR dentro do Estado español.

En caso de adquirir animais doutras explotacións, eu prefiro coñecer o historial sanitario da granxa de orixe antes que ter unha proba que me diga que ese animal concreto é negativo a algo

A Rinotraquítis Infeccionsa Bovina (IBR) e a Diarrea Vírica Bovina (BVD) son dúas das principais enfermidades trasmisibles nas gandarías de vacún, xunto ás clásicas tuberculose e brucelose, esta última xa erradicada en Galicia. A IBR é o principal causante do síndrome respiratorio e o BVD é un inmunodepresor que fai que no caso de que outra enfermidade patóxena entre na granxa cause moitas máis baixas.

Gonzalo alerta dos posibles falsos negativos e insiste na recomendación de someter a illamento as entradas de novos animais para asegurarse da súa inocuidade para o resto do rabaño existente na explotación. “Por exemplo, en animais de menos de 24 meses as probas da tuberculose non serven para nada, porque aínda que o animal sexa positivo vai dar negativo na proba da paratuberculose, por iso é máis importante o historial sanitario da granxa da que procede que a do propio animal”, asegura.

Un animal pode dar negativo a IBR ao saír da granxa de orixe e aos 21 días dar positivo na de destino. Ademais, os de menos de 24 meses sempre dan negativo á paratuberculose aínda que a teñan

Por iso, indicou, “o ideal sería ter un programa sanitario conxunto coa granxa de orixe, no vacún non é moi frecuente, pero outras especies, coma os cebadeiros de porcos, xa funcionan así”, insiste. No caso dos cebadeiros, que incorporan cada semana becerros lactantes procedentes de distintas explotacións, “todo isto é moito máis difícil”, recoñece. Así pois, recomenda que os lotes sexan o máis pequenos posibles para evitar a propagación masiva das enfermidades que entren.

Principais formas de contaxio

As vacas veñen durmir todos os días ao establo para que mamen os xatos

Hai que aproveitar as saídas ao pasto do gando para levar a cabo unha limpeza e ventilación das instalacións

Gonzalo explica que, dentro da gandaría, as dúas formas máis frecuentes de transmisión de enfermidades infecciosas entre animais, dos enfermos aos sans, é por vía aérea (mediante a respiración) e a través do contaxio por excrementos. “É algo que o gandeiro ten que ter claro e interiorizado para actuar en consecuencia en todo o que fai no día a día”, pide.

Por iso, dice, “é fundamental unha boa limpeza e desinfección das instalacións, tanto onde hai animais como onde non os hai” e recomenda facer primeiro unha retirada dos residuos sólidos, logo un lavado con auga a presión (mellor se é quente) e despois deixar secar antes de aplicar o desinfectante sobre esas superficies, “porque senón estámolo diluindo coa auga que queda e perde efectividade”, asegura.

Nos bebedeiros, ademais de limpalos e vixiar a potabilidade da auga, hai que garantir un mantemento axeitado das tubaxes polas que chega esa auga

No caso dos bebedeiros, di, ademáis de limpalos e vixiar a potabilidade da auga hai que vixiar tamén a limpeza e o mantemento das tuberías polas que chega a auga ao bebedeiro. “Téñome atopado con problemas de abortos provocados por biofilm nas tubaxes e, sen embargo, a auga daba potable nas analíticas porque as bacterias que poden producirse aí non sempre son as coliformes ou o clostridium que podemos detectar nas análises de potabilidade”, indica.

Considera necesario “extremar as medidas preventivas cando entramos en contacto con animais enfermos para evitar ser nós os que propagamos a enfermidade a outros animais, por exemplo, se imos tratar ou manipular animais enfermos hai que empregar sempre luvas”, di.

Protocolos para visitas

As visitas ás explotacións, limitadas durante a crise sanitaria provocada polo coronavirus, son outras das fontes de contaxio de enfermidades que afectan ao gando. “Hai que establecer unha barreira física e mental na nosa granxa e ter claro até que zona poden acceder os distintos tipos de visitas”, defende o experto do Campus Terra, xa que non é o mesmo, por exemplo, a visita do veterinario que vén tratar o gando, a dun transportista que vén cargar un becerro ou a dun comercial dunha empresa subministradora de penso, abono, maquinaria, fitosanitarios, etc.

Hai que establecer unha barreira física e mental na nosa granxa e ter claro até que zona poden acceder os distintos tipos de visitas

Sexa cal sexa o motivo da visita, Gonzalo recomenda extremar as precaucións, sobre todo nos casos nos que se producen contactos cos animais ou coas instalacións que están en contacto cos animais. “Hai que ter sempre botas para as visitas e limpabotas para poder desinfectalas, porque as calzas non son efectivas, rompen con facilidade e non evitan trasladar os virus ao interior da granxa. Foi algo que aprenderon moi ben os ingleses no ano 2000 cando tiveron febre aftosa”, afirma.

No caso de entradas de vehículos do exterior ás explotacións, este experto en bioseguridade di que “como moito, o que se fai na maioría dos casos é desinfectar unicamente as rodas dos coches ou dos camións, con iso xa nos quedamos tranquilos, pero non se desinfecta por exemplo o volante, onde hai moitos máis virus que nas rodas, porque as rodas quéntanse ao circular e desaparecen boa parte dos virus”, asegura.

Especificidades do gando en extensivo

Vacas da cooperativa San Cidre

O gando en extensivo conta con características propias a ter en conta cando de trasmisión de enfermidades se trata. Aínda que estar ao aire libre reduce a afección de enfermidades respiratorias, por exemplo, o feito de non atopárense os animais nun espazo controlado dificulta a xestión dos contaxios noutros aspectos.

“Os contaxios por contacto con outras especies, como roedores, aves ou outros animais salvaxes son máis frecuentes en extensivo, por iso aínda que ás veces pensamos que as gandarías intensivas son as que teñen máis risco de sufrir salmonelose, por exemplo, en realidade son as extensivas, porque fan pastoreo e teñen máis contacto con aves silvestres”, evidencia Gonzalo.

As gandarías que fan pastoreo teñen máis risco de sufrir salmonelose porque teñen máis contacto con aves silvestres

Recomendou a utilidade dos cercados e pastores eléctricos non só para evitar que o gando escape, senón tamén que entren animais salvaxes como corzos ou xabaríns ás zonas de pasto, evitar que o gando beba en pozas ou zonas incontroladas onde poidan beber tamén outros animiais, habilitando comedeiros e bebedeiros específicos e reducindo tamén no posible o contacto con animais domésticos. Os roedores poden transmitir ao gando bovino salmonelose e campilobacteriose; o xabarín, paratuberculose; os corzos, tuberculose, paratuberculose, lingua azul e schmallemberg; os cans, neosporose, salmonelose, campilobacteriose e leptospirose; e os gatos, toxoplasmose, salmonelose e campilobacteriose. “Non o digo para alarmar, senón para que se saiba y se teña en conta”, indica.

A mamite do secado é unha enfermidade transmitida por moscas e relaciónase con zonas de pastoreo preto dun río ou en zonas húmidas

Ademais, o feito de atoparse o gando fóra complica o combate de certas pragas. A mosca da cabeza (Hydroteaea irritans) é unha especie picadora que transmite Trueperella pyogenes, provocando a mamite de verán e a perda de cuarteróns nas vacas. Aínda que tamén se dá en gando estabulado, é máis frecuente en extensivo polas maiores dificultades para aplicar tratamentos contra as moscas en espazos abertos.

“A mamite do secado é unha enfermidade transmitida por moscas e relaciónase con zonas de pastoreo sombrías e húmidas, preto dun río ou un regato, por exemplo, e provoca frecuentemente perda de cuarteróns porque as vacinas para mamite non son efectivas de todo”, indicou.

O cambio climático incrementa os riscos

O cambio climático está a provocar un incremento de determinadas afeccións, como por exemplo as trasmitidas polas moscas, que aparecen antes e mantéñense durante boa parte do ano, remitindo unicamente nos meses invernais, pero con cada vez maior prevalencia en estacións como a primavera ou o outono.

Os riscos increméntanse tanto para o gando como para as persoas. “Cada vez hai máis carrachas en Galicia e duran máis tempo, xa as hai no inverno tamén”, asegura Gonzalo. Consideradas até agora parásitos esencialmente dos animais, nos últimos anos estáselles a dar unha importancia médica crecente polo aumento das súas picaduras en humanos e o seu papel como vectores de enfermidades emerxentes, como a enfermidade de Lyme.

“No 2050 calcúlase que en Europa vai morrer máis xente por resistencia a antibióticos que por cancro. Temos que actuar para evitar que nos acusen aos gandeiros de ser os causantes do problema”

Gonzalo Fernández tamén defendeu a mellora no manexo do gando como un aspecto determinante para incrementar a bioseguridade nas explotacións. “Se hai un bo benestar animal hai máis bioseguridade e menos enfermidades, polo que a necesidade de empregar antibióticos tamén é menor. Todo está relacionado”, asegurou.

Neste sentido, expuso os obxectivos do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos e do Programa Reduce, un acordo voluntario para o Uso Razoable dos Antibióticos no Bovino de Carne vixente até o ano 2022, cando entra en vigor o novo marco lexislativo europeo que introduce unha prohibición do uso preventivo de antibióticos en grupos de animais e o uso de antimicrobianos para promover o crecemento e aumentar o rendemento. Ao Programa Reduce están adheridas neste momento 68 entidades e produtores de carne de bovino de toda España, entre eles os gandeiros integrados na asociación galega Agrigga Carne.

Ao Programa Reduce, de carácter voluntario, están adheridas neste momento 68 entidades e produtores de carne de bovino, entre eles os integrados na asociación galega Agrigga Carne

Ademais, o experto en Patoloxía Animal referiuse ás medidas recomendadas en granxa para o almacenamento, o rexistro de medicamentos e a identificación dos animais en tratamento, así como a realización periódica de diagnósticos polos veterinarios. “Hai que avaliar e cuantificar as perdas provocadas polas enfermidades e facer programas de mellora individuais para cada granxa”, defendeu.

Resistencia aos antibióticos

Gonzalo considerou importante a concienciación en relación á diminución no uso de antibióticos, xa non só desde o punto de vista sanitario senón tamén económico, pois, indicou que “cantos máis antibióticos usamos máis risco hai de que aparezan resistencias a eles e, polo tanto, maior risco de que deixen de funcionar”.

O 60% dos patóxenos nas persoas proceden dos animais, así que temos que actuar para evitar que nos acusen aos gandeiros de ser os causantes do problema nos humanos

“Aínda que a maior parte do problema das cepas de resistencia bacteriana en humanos está relacionado co mal uso dos antibióticos en persoas, é certo que o 60% dos patóxenos nas persoas proceden dos animais, así que temos que actuar para evitar que nos acusen aos gandeiros de ser os causantes do problema nos humanos”, dixo.

A partir dos anos setenta aparecen moitos menos antibióticos novos e prodúcese na actualidade unha falta de alternativas terapéuticas, pois a investigación non logra descubrir hoxe novos antibióticos que fagan fronte ao aumento de resistencia das enfermidades. “Na actualidade morren en Galicia 9 persoas por cada 100.000 habitantes por infeccións provocadas por cepas de bacterias resistentes aos antibióticos, unha porcentaxe que en comunidades como Castela e León é o dobre, pero se seguimos facendo o que estamos facendo, usando antibióticos sen moito control, calcúlase que en 30 anos, no 2050, en Europa vai morrer máis xente por resistencia a antibióticos que por cancro. Temos que adiantarnos a esa realidade para evitala”, reclamou.

Uso limitado e controlado

Gonzalo defende o emprego de antibióticos só cando sexa necesario para tratar enfermidades que non se poden curar doutro xeito. “Nun par de anos vaise prohibir o uso preventivo con antibióticos, algo que no vacún é práctica habitual a día de hoxe por exemplo no secado, e vai haber antibióticos que sen facer análises previas e ter un antibiograma que diga que é imprescindible usalo non se van poder empregar”, avanzou.

Debemos adiantarnos para que cando chegue a nova normativa europea en 2022 non supoña problemas nas explotacións, porque hai antibióticos de uso frecuente a día de hoxe que só se van poder usar con antibiograma previo, doutro xeito van estar prohibidos

“Isto é algo inminente, que está á volta da esquina, porque os Regulamentos europeos aprobáronse xa a finais do 2018 e teñen que estar incorporados á lexislación estatal a principios de 2022. Vaise restrinxir o uso de antibióticos e os gandeiros van ter problemas para poder empregar algúns dos antibióticos que están empregando hoxe, ademais vaise prohibir a quimioprofilaxe, é dicir, o tratamento de animais pola vía dos pensos medicamentosos, algo que en vacún non é tan frecuente como era fai anos noutras especies. Pero temos que adiantarnos para que cando chegue a nova normativa, que se prevé que entre en vigor en 2022, non supoña problemas nas explotacións, porque hai antibióticos de uso frecuente a día de hoxe que só se van poder usar con antibiograma previo, doutro xeito van estar prohibidos, como as quinolonas, o ceftiofur, a ampicilina, a amoxicilina, a gentamicina, a neomicina ou a estreptomicina”, alertou.

Os sectores avícola e porcino van por diante do vacún neste campo. “Nos últimos anos reduciuse a utilización de antibióticos en España un 32% de media no sector avícola, pero en Galicia a diminución foi mesmo maior, de máis dun 50%, e xa hai granxas que levan dous anos sen usar antibióticos”, explicou.

Se eu teño un becerro con diarrea por criptosporidios, que é un parásito, e lle meto unha gentamicina, que é un antibiótico para diarreas en xatos, ao criptosporidios non lle fago nada pero altero totalmente a flora intestinal dese animal e agravo o problema

Asimesmo, indicou que o uso sen control de antibióticos, ademais de non ser eficaz para loitar contra as enfermidades, é mesmo contraproducente en moitos casos. “A microbiota, é dicir, as bacterias que teñen os propios animais, son moi importantes para o sistema inmunitario do animal e se non facemos un tratamento adecuado podemos prexudicala. Por exemplo, se eu teño un becerro con diarrea por criptosporidios, que é un parásito, e lle meto una gentamicina, que é un antibiótico para diarreas microbianas en xatos, ao criptosporidios non lle fago nada pero altero totalmente a flora intestinal dese animal, polo que non só non estamos loitando contra o criptosporidios, senón que as defensas naturais que ten ese xato no seu intestino contra ese parásito estámolas eliminando e estamos provocando que o problema sexa aínda máis grave do que é”, exemplificou.

Una idea sobre “Bioseguridade e uso responsable dos antibióticos no vacún de carne

  1. María Jesús Alonso

    Estoy haciendo un trabajo en el instituto sobre el problema de la resistencia de los antibiótios, y quiero plantearlo desde la óptica del ganado, quisiera saber si pudiera hacerle un par de preguntas que me surgen al leer el artículo al experto en bioseguridad Gonzalo Fernández. Creo que debemos hacer un trabajo en colectivo de concienciación ante una problemática global, necesitamos un plan global que incluya a personas, animales y agricultura. Serían tres preguntas para conocer su punto de vista e incluirlo en mi trabajo. Gracias por su labor y tiempo prestado.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información