A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Bioga premia a Ecocelta como “Empresa Biotech Máis Competitiva”

Bioga premia a Ecocelta como “Empresa Biotech Máis Competitiva”

Empresas premiadas por Bioga

O Clúster Tecnolóxico Empresarial dás Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) anunciaron este venres na sede de Biofabri-CZVeterinaria no Porriño que Ecocelta, con sede en Ponteareas, e Techvaccines, iniciativa vinculada á Fundación Nóvoa Santos, son os gañadores dos IV Premios Bioga, uns galardóns que pretenden incentivar o talento de Galicia, impulsar o desenvolvemento das iniciativas empresariais e, ao mesmo tempo, recoñecer ás empresas máis competitivas do sector biotech e das Ciencias da Vida.

Bioga convocou este ano no Porriño, na sede de Biofabri-CZVeteriana, a firma que en 2015 fíxose co galardón de Empresa Biotech máis Competitiva, a todas as firmas galegas do sector biotech, Universidades, fundacións hospitalarias e representantes institucionais para participar na entrega de os IV Premios Bioga. Ricardo Troncoso García-Cambón, director xeral de Biofabri exerceu de anfitrión. David García Calleja, Country Head de Bayer Iberia, falou, antes da entrega de premios, do desafío da innovación na industria farmacéutica.

Ecocelta premiada como Empresa máis Competitiva

O xurado elixiu nesta edición 2016 como a Empresa máis Competitiva do sector a Ecocelta, compañía de Ponteareas dedicada á elaboración de adubos ecolóxicos certificados a través de vermicompostaxe. O galardón recoñece “a súa elevada competitividade no seu sector en Galicia e o seu significativo crecemento de facturación en proporción á súa traxectoria”.

A compañía, creada en 2004 e cunha ducia de traballadores, tamén destaca polo seu “elevado impacto socio-económico vinculado á valorización de recursos naturais” e pola súa “elevada capacidade innovadora apoiada polas patentes propias e a participación en proxectos en todo o territorio nacional”. Recolleu o galardón Sergio Quiroga, fundador e máximo responsable da compañía, de mans da directora de Bioga, Carmen Pampín. Sergio Quiroga agradeceu o recoñecemento e fixo unha defensa do emprendedores bio. “Temos que ser valentes e ousados; e máis no noso sector”, apuntou o galardoado.

Techvaccines recoñecida como Mellor Idea Empresarial Biotech 2016

Pola súa banda, Techvaccines, iniciativa biofarmacéutica que nace na Coruña da man da Fundación Profesor Nóvoa Santos, mereceu o premio a a Mellor Idea Empresarial Biotech 2016 en Galicia polo seu  “elevado potencial de comercialización” e porque esta iniciativa “ofrece unha solución validada ao mercado”, segundo recoñece o xurado dos premios. Esta iniciativa é aínda unha idea que pronto se converterá nun proxecto. Os promotores da iniciativa son Graciela Fernández, xestora de Innovación e Transferencia de Innovación de Fundación Biomédica Profesor Nóvoa Santos, e Germán Bou, investigador, quen recolleu o premio de mans de Pilar Morgade, directora da área de Programas de Innovación de GAIN. Tehcvaccines, que xa mantén conversacións con potenciais investidores, tamén foi elixida gañadora por avanzar en colaboracións con empresas para desenvolver o seu proxecto e por “ter uns obxectivos moi claros para 2007”. A idea radica no desenvolvemento de produtos para o deseño e xeración de vacinas.

Os IV Premios Bioga, únicos premios rexionais de recoñecemento á consolidación empresarial e ao talento no sector bio, contaron con nove candidatos. O Premio á Empresa Biotech máis Competitiva recibiu as candidaturas de Hifas da Terra, Ecocelta e Nanoinmunotech. E na modalidade de Mellor Ideal Empresarial Biotech participaron seis proxectos: Celtalga, Lincbiotech, MD.Use!, Midiadia, Techvaccines e Sunrock Biopharma. O xurado estivo integrado pola xunta directiva de Bioga, representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC),  da Axencia Galega da Innovación, das Fundacións Biomédicas e os gañadores de 2015 (Biofabri e HG Beyond).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *