A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

‘Bikenta’, a xestión do monte no móbil

O Grupo de Certificación Forestal Alvariza lanza unha ferramenta online que lle ofrece ós propietarios utilidades como consultar nun mapa as afeccións das súas parcelas ou acceder a documentos de xestión do seu monte

‘Bikenta’, a xestión do monte no móbil

Bikenta é consultable desde móbiles, tablets e ordenadores.

‘Que parcelas de monte teño afectadas polas franxas de protección de incendios?. Que distancias debo deixar sen arborado?. Existen nas miñas fincas afeccións de Patrimonio, Rede Natura ou Augas?’. Estas son algunhas das dúbidas máis comúns entre os propietarios forestais que axuda a resolver unha nova ferramenta online, Bikenta, promovida polo Grupo de Certificación Forestal Alvariza. Bikenta é un servizo web gratuíto pensado para mellorar a xestión forestal das parcelas de monte certificadas, agrupando toda a información que precisan os propietarios.

A plataforma oriéntase ás persoas que teñen certificadas as súas fincas a través do Grupo Alvariza, que aglutina arredor de 6.000 pequenos propietarios, cunhas 16.000 hectáreas de monte. Gran parte da madeira que se vende en Galicia conta xa cos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, dous distintivos que identifican no mercado a tódolos produtos procedentes de madeira que cumpriu unha serie de requisitos medioambientais e sociais.

“Bikenta busca implicar ás novas xeracións na xestión e coñecemento das propiedades familiares” (Manuel Beiro, Asefor)

A certificación forestal, a parte de contribuír á conservación do medioambiente, representa un beneficio evidente para o propietario, pois permítelle vender a súa madeira a prezos ata 3 euros superiores ó da madeira sen certificar. Esa certificación é tamén unha oportunidade para mellorar a xestión forestal, unha liña de traballo na que se orienta o Grupo Alvariza, que coa creación de Bikenta ofrécelle unha serie de servizos engadidos ás persoas que certifican os seus montes.

“Bikenta nace coa idea de que sexa unha fiestra ó monte desde a casa. É un sistema que permite mellorar a xestión do monte, pois creamos unha canle de comunicación co propietario proporcionándolle toda a información precisa ó seu teléfono móbil” -explica Manuel Beiro, de Asefor, a empresa impulsora do Grupo de Certificación Alvariza-. “O servizo da plataforma pretende ademais implicar ás novas xeracións na xestión e coñecemento das propiedades familiares, pois facilita que se comparta a información entre xeracións, axudando así ao relevo de pais a fillos. O obxectivo último é frear o abandono do territorio”, valora Manuel Beiro.

Oito servizos que lle ofrece Bikenta ó pequeno propietario forestal

Equipo técnico e persoal de campo de Asefor.

Equipo técnico e persoal de campo de Asefor.

A principal funcionalidade de Bikenta é deixar a un ‘clic’ de ordenador ou móbil toda a información precisa para a xestión das parcelas forestais. Cada usuario ten unhas claves persoais coas que pode acceder ós seguintes servizos:

1) Consultar o documento de xestión das súas fincas
Coas parcelas certificadas de cada propietario, o Grupo Alvariza elabora un documento que recolle a planificación de traballos en cada finca (rozas, podas, etc.), sexan parcelas de produción ou de protección.

2) Consultar o modelo silvícola das súas parcelas
A normativa obriga a que tódalas parcelas inferiores a 15 hectáreas de superficie estean adscritas antes do 31 de decembro do 2020 a un dos modelos silvícolas deseñados pola Xunta. A inscripción nos modelos silvícolas, que constitúen unha guía de pautas de manexo das distintas especies, será unha condición imprescindible no momento da corta das parcelas.

A certificación forestal facilita o cumprimento da normativa, pois tódalas parcelas certificadas quedan adscritas ó modelo silvícola elixido polo propietario. Por medio de Bikenta, o propietario pode consultar en todo momento os modelos silvícolas das súas parcelas e as recomendacións de manexo que lle marcan.

3) Comprobar as afeccións xeradas pola normativa vixente
A Lei de Montes de Galicia e a Lei de Prevención de Incendios obrigan a deixar unha serie de distancias das masas arboradas con vivendas, núcleos de poboación e diversas infraestruturas (estradas, vías férreas, redes eléctricas, etc.). A maiores, hai outra serie de normativas sectoriais, como as de Patrimonio, Augas ou Rede Natura, que marcan outras restricións de uso nas parcelas forestais. Bikenta indica nun mapa as restricións que ten cada parcela.

4) Consultar a normativa de certificación forestal
O propietario ten acceso áxil ós criterios que ten que cumprir e recomendacións de boas prácticas.

5) Recibir información en tempo real da súa parcela
O Grupo Alvariza incorpora á plataforma toda a información derivada das visitas de control en cada parcela (imaxes, información sobre posibles pragas, cuestións a corrixir, etc.).

6) Acceder a datos prácticos do seu monte
Bikenta ofrecerá funcionalidades como a estimación do volume de madeira que ten cada propietario nas súas fincas. O servizo tamén informará sobre valores ambientais, como a captura de CO2 que está logrando cada propietario forestal.

7) Valorar ás empresas de aproveitamento forestal
Cando un propietario corta a súa finca, pode indicar por medio da plataforma se tivo algunha incidencia, puntuando ademais o seu grado de satisfacción coa empresa que realizou os traballos. Esa información seralle despois trasladada de xeito privado a cada empresa, a fin de que poida corrixir as posibles eivas que se detecten.

8) Aumento da transparencia forestal
A preocupación da sociedade por mellorar a xestión do monte ten que pasar pola implicación do propietario forestal. É necesaria a súa participación na toma de decisións e faise preciso que coñeza con transparencia toda a información que lle afecta. Este é un dos papeis que cumpre Bikenta, pois mantén unha canle de comunicación activa co propietario e trasládalle información exhaustiva, precisa, fidedigna e actualizada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *