“Berrar ás vacas ou pegarlles coa vara non é nin rendible nin recomendable”

Entrevista a Javier Liste Pose, gandeiro e veterinario. A súa ponencia “Amodiño, ao ritmo da vaca” tivo moi boa acollida nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro deste ano. Explícanos os puntos claves sobre como manexar as vacas sen estrés

“Berrar ás vacas ou pegarlles coa vara non é nin rendible nin recomendable”

Javier Liste en su ganadería de Trazo.

Javier Liste Pose é un mozo con inquedanzas ao que lle gusta mellorar o seu traballo, tanto de gandeiro como de veterinario. Iso levouno a indagar como conseguir que as vacas se movan na dirección que queiramos co menor estrés tanto para o animal como para o gandeiro. Primeiro púxoo en práctica na súa gandería familiar, Liste SC, con 200 vacas en muxido e situada na aldea de Rosende, no concello coruñés de Trazo. E posteriormente como técnico do servizo de alimentación de Seragro.

As conclusións do seu traballo expúxoas o pasado xoves en Lugo nas XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, nas que o seu relatorio, “Amodiño, ao ritmo da vaca”, foi un dos que máis interese despertou entre os asistentes.

¿Cal é a túa relación coa gandería e por que te decidiches a estudar veterinaria?
Na miña casa sempre houbo vacas e dende cativo gustoume o contacto con elas e co rural en xeral, e iso foi o que me levou a estudar Veterinaria. No 2007 rematei a carreira e ata o ano 2015 estiven traballando na gandería familiar Liste SC, en Trazo. Pero chegou un punto en que me puido máis a inquedanza de seguir aprendendo e de ver o que se estaba a facer noutros lugares. Así foi como enviei un currículo a Seragro e á semana seguinte xa me chamaron para ocupar unha vacante no servizo de alimentación. Sigo botando unha man a tempo parcial e durante a fin de semana na gandería familiar.

¿Sorprendeuche a boa acollida que tivo a túa charla “Amodiño, ao ritmo da vaca”, nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro deste ano?
A verdade é que si e foi unha sorpresa. A miña intención era facer algo visual e moi práctico, que o gandeiro ao chegar ese día á súa granxa puidese poñelo en práctica.

“Unha vaca manexada con estrés pode perder ata 800 litros de leite por lactación”

¿Que te levou a estudar como mover as vacas sen estrés?
Cando me propuxeron impartir unha charla nas xornadas, quixen facela máis como gandeiro que como veterinario, en base ao que aprendín na miña propia granxa. Cando empecei a visitar explotacións como membro de Seragro vin fallos no manexo, que cometín eu hai tempo, e quería axudar a corrixilo.

O manexo é clave, porque inflúe sobre o benestar, sobre a produción (fálase de que o estrés no manexo podo provocar unha redución de 400 litros por lactación, e mesmo hai estudos que elevan esta perda a 800 litros), sobre a reprodución (as vacas van declarar mellor os celos e empreñar mellor se están tranquilas) e no seu estado de saúde (enferman menos e curan mellor se non están sometidas a estrés).

As vacas son animais que teñen uns sentidos da vista e do oído bastantes diferentes aos dos humanos. Tendo en conta isto, ¿Que aspectos debemos evitar nunha granxa?
As vacas agora están estabuladas pero segue sendo fisiolóxicamente a mesma que hai 10.000 anos, cando empezamos a domesticala. Debemos ter en conta o ángulo de visión que ten a vaca e as cores que ve, así como o seu sentido do oído.

“As vacas precisan estar tranquilas e a gusto para poder render ao máximo”

Pola túa experiencia, ¿En que aspectos se sole fallar máis nas granxas á hora de mover unha vaca?
Sobre todo berrarlle aos animais e o uso da vara, que non vale para nada. Tamén pretender manexar as vacas moi rápido, sen darlles tempo a que elas se adapten aos cambios, o que leva a estrés e a que as vacas se golpeen.

Non é nin rendible nin recomendable manexar as vacas con estrés, con gritos e vareadas. As vacas precisan estar tranquilas e a gusto para poder render ao máximo. De nada vale ter os mellores técnicos ou a mellor alimentación se as vacas se tratan con estrés, e para iso temos que actuar con calma e con tranquilidade cando estamos co gando.

Son unha persoa moi paciente e moi tranquila e iso axúdame a manexar ben as vacas. Os bos gandeiros, aos que lles funciona ben a produción e a reprodución, fan sen darse conta todo o que dixen na charla.

É dicir, cando se entra no establo, hai que deixar a ira ou os sentimentos negativos fóra se queremos que as nosas vacas rendan ao máximo…
Efectivamente. En Galicia pasouse en moi pouco tempo de ter catro ou cinco vacas nunha corte a ter granxas de 200 ou 300 vacas en muxido nun establo. E é posible que o gandeiro non evolucionase tan rápido para manexar estes establos en tan pouco tempo, e quizás arrastramos esa forma de manexo das vacas, moitas veces a base de paus, que facían antigamente. Pero iso non funciona hoxe en día.

“En Galicia e en España faltan técnicos especializados en manexo de gando vacún”

En Estados Unidos, Canadá ou nos países avanzados de Europa, manexar o gando sen estrés, é unha parte do traballo tan importante como a prevención de mamites ou unha boa nutrición. Sen embargo en España segue sendo unha materia pendente…
Si, de feito dende o meu punto de vista en Galicia e en España faltan técnicos especializados en manexo de gando vacún. É necesario alguén que forme aos gandeiros e aos empregados, algo que é habitual en Canadá, Estados Unidos ou en Brasil.

Consellos para mover as vacas en seis situacións habituais: 

Dinos brevemente as túas recomendacións para mover unha vaca en seis situacións moi comúns nunha granxa:

Unha vaca que non se quere levantar:
É certo que hai vacas máis tranquilas, que aínda que te arrimes a elas non se levantan. Sole funcionar darlle unha palmada na cadeira para que se poñan de pé. Un truco moi sinxelo e que funciona moi ben é levar un bolígrafo no peto e presionar un pouco ca súa punta na cadeira. Funciona case sempre.

Meter unha vaca na sala de muxido:
O maior problema sole estar nas primeirizas. É preciso ter paciencia e metelas con outros animais, un por diante e outro por detrás e a primeiriza no medio. Debemos ter en conta que as metemos nun sitio no que hai moitos brillos, moitos ferros, algo ao que non están habituadas e que lles crea sensación de perigo. As vacas teñen moi boa memoria e non podemos permitirnos que teña uns recordos malos dos primeiros muxidos porque iso vai determinar toda a lactación.

Facer avanzar as vacas nun corredor longo:
Debemos ir á primeira e facer pasadas paralelas, no sentido contrario e ao lado delas e as vacas avanzan.

Lograr que pasen polo baño de pés:
Os gandeiros que acostuman ás vacas a pasar polos baños de pés dende que son xovencas non solen ter problemas. Debemos empezar por ter baños xa nas xovencas, que son un reservorio de dermatite. Desta forma, ímolas acostumando e evitamos problemas de dermatites. Así, as vacas non van asociar o baño con dor.

Se nos atopamos co caso de vacas con dermatite que non foron habituadas aos baños de cascos dende xovencas, e que agora o rexeitan porque lles provoca dor, temos que cambiar de estratexia para trocar eses recordos negativos. Para iso, empezamos poñendo o baño de pés baleiro, para que se acostumen a pasar e pousarse encima del, logo poñerlles durante semanas auga, para que se acostumen. E unha vez creado un recordo positivo, xa podemos botarlle o produto, empezando con doses máis baixas se hai moitas vacas con dermatite.

Amarrala á cornadiza:
É fácil se estamos tranquilos e evitamos as presas. Simplemente con dirixila cara alí e apartarnos, ela xa bota a andar e xa se amarra. Funciona mellor se traballamos con varias vacas, que con unha soa. Se algunha mete a cabeza e non a baixa, darlle un pequeno empuxón por debaixo do rabo e xa se soluciona.

Un animal que está moi nervioso:
Debemos traballar máis lonxe, respectando máis o espazo de seguridade. Debemos procurar manter a calma, para el que evite vernos como un perigo. Se o metemos con outros animais vaise tranquilizar, e sempre evitar as presas, porque iso leva a golpes.

Vídeo do relatorio de Javier Liste nas xornadas de Seragro: 

XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Amodiño… ó ritmo da vaca from Transmedia on Vimeo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información