Batalla informativa en torno ao proxecto mineiro en terras agrogandeiras de Ordes

Erimsa convoca un encontro informativo cos gandeiros da comarca de Ordes para este xoves. O Sindicato Labrego convoca aos veciños para o vindeiro martes e a asociación Mesía Unida esixe ao alcalde coñecer o proxecto mineiro.

Batalla informativa en torno ao proxecto mineiro en terras agrogandeiras de Ordes

Erimsa peneira os terreos para extraer seixo.

proxecto de explotación mineira de Erimsa para a comarca de Ordes, que está previsto que se realice principalmente sobre terreos de uso gandeiro, está a espertar preocupación e inquietude entre os veciños e unha batalla informativa entre a compañía mineira e os detractores do proxecto.

A empresa galega, pero de propiedade norueguesa e chinesa, actuaría para extraer cuarzo sobre 781 hectáreas nunha primeira fase -que a empresa rebaixa a 210 hectáreas-, xa en proceso de autorización e en fase de presentación de alegacións, con posibilidade de amplialas ata un total de 6.721 hectáreas, principalmente leiras de concentración parcelaria en chan agrario de especial protección.

Ante a preocupación dos os propietarios dos terreos, especialmente os dedicados á gandería -o motor económico da comarca-, Erimsa convocou unha reunión informativa no salón de actos da Casa de Cultura de Xanceda para este xoves, ás 22.00 horas, co obxectivo de informar sobre os proxectos de extracción de cuarzo en Frades, Mesía, Ordes e Oroso.

E para o vindeiro martes, ás 22:30 horas, tamén na Casa da Cultura de Xanceda, o Sindicato Labrego Galego, a organización que está a liderar a oposición ao proxecto mineiro de Erimsa, convoca tamén unha reunión informativa para dar conta das datas e lugares nos que se van a facilitar aos veciños e veciñas a presentación de alegacións ao proxecto mineiro. A organización agraria lembra que conseguiu que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizase un proxecto similar de Erimsa na Terra Chá.

Mesía Unida denuncia que o alcalde non presentou alegacións ao proxecto de Erimsa

Pola súa banda, a asociación Mesía Unida denuncia que a alcaldía deste concello, un dos máis afectados polo proxecto mineiro de Erimsa, “emitiu un certificado o pasado dia dez de Marzo de que non existían alegacións nese concello contra o proxecto da multinacional mineira, sen poder coñecer o proxecto”.

“Desde Mesía Unida denunciamos o  apagamento informativo con que o alcalde Mariano Iglesias leva este tema, precipitándose a certificar o concello e non facer unha exposición pública do proxecto para informar os veciños”, aseguran.

Ante esta situación, a asociación presentou un escrito ao concello de Mesía solicitando a exposición pública do proxecto de Erimsa no propio concello durante un mínimo de quince días hábiles “para poder defender todos os afectados os seus dereitos ao respecto, xa que a ocultación de información publica deixa en indefensión ao cidadán, ao que esta asociación non esta disposta”.

Ademais, Mesía Unida anuncia que solicitará un informe técnico que valore as consecuencias que pode ter para a agricultura da zona, o medioambiente…etc “xa que noutras zonas onde estea multinacional realizou traballos parecidos tiveron moitas consecuencias sobre as augas subterráneas, á marxe da improdutividade agrícola,  algo moi importante nunha zona tan gandeira”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información