Bases do concurso de meles galegos 5 estrelas 2019

Bases do concurso de meles galegos 5 estrelas 2019

O Concurso de Meles 5 Estrelas é un concurso anual, organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), de MELES DO PAÍS aportados polas apicultoras e os apicultores galegos co fin de valorizar os nosos meles, diversificar a nosa produción e mellorar a información aos consumidores.

BASES DO CONCURSO DE MELES 5 ESTRELAS 2019

B.1.-Responsables

 AGA nomeará un Comité organizador, que será o responsable da organización do Concurso de Meles 5 Estrelas.

O Comité organizador nomeará un Comité de cata (xurado), que será o responsable de realizar a avaliación organoléptica dos meles concursantes.

B.2.- Características

Os meles que concursen deberán ser meles do ano vixente orixinario de explotacións con REGA.

Os concursantes deberán posuír un mínimo de 200 quilos de mel multifloral e de 100 quilos de mel monofloral do lote presentado ó concurso.

Os meles deberán cumprir os seguintes requisitos físico-químicos:

Humidade, menos dun 18 %

HMF, menos de 10 mlgr/quilo

Estar libres de impurezas e outros defectos visuais e organolépticos.

B.3.- Categorías

Poderase concursar nas seguintes categorías:

1. Meles multiflorais, de flores silvestres, de monte.

2. Meles monoflorais :

Mel de eucalipto,  70 % mínimo

Mel de queirogas, 35 % mínimo

Mel de silva, 45 % mínimo

Mel de castiñeiro, 70 % mínimo

Mel de melato, carballo rebolo, máis de 0,8 mS/cm  de condutividade.

B.4.- Fases do Concurso

As persoas concursantes enviarán as mostras que presentarán ás diferentes categorías, o cal será indicado na ficha de inscrición, elaborada polo Comité organizador.

O prazo do envío da solicitude será do 1 de setembro ata o 1 de novembro.

As mostras presentadas serán sometidas a unha análise laboratorial, visual e de clasificación segundo as categorías do concurso. As que superen a fase anterior serán sometidas a unha análise organoléptica polo Comité de cata (xurado).

O Comité organizador adxudicará os premios tendo en conta as puntuacións en cada categoría.

B.5.- Presentación dos meles

A persoa participante cubrirá a ficha de inscrición e responsabilizarase dos datos aportados dentro dun sobre pechado.

Por cada mostra presentada ó concurso, a persoa participante enviará dous (2) envases de mel, de vidro, de 1/2 kg, sen etiqueta comercial pero identificados cun número, no caso de enviar máis dunha mostra.

As mostras serán enviadas ou entregadas en Arzúa, no Centro do Queixo e do Mel, no seguinte enderezo: AGA, Feira Nova. Santa Maria s/n. 15819 Arzúa. A Coruña.

O Comité organizador procederá a adxudicarlles un mesmo número aos envases de cada categoría e o sobre no seu exterior.

B.6.- Admisión

Serán admitidas ao concurso as mostras que cumpran as condicións especificadas nestas bases (Base 2).

Cada produtor ou produtora poderá presentar ao concurso como máximo tres (3) mostras a dúas (2) categorías diferentes, como máximo unha para mel multifloral e dúas para monofloral  (Base 3).

Tanto os membros do xurado coma os do Comité organizador non poderán participar no concurso.

B.7.- Avaliación das mostras

As mostras que superen a fase laboratorial e visual serán sometidas a unha cata cega polo Comité de cata, que puntuará as características organolépticas e mais a cor, o arrecendo, o gusto e a textura.

As persoas participantes que non superen as probas de laboratorio deberán pagar as analíticas, quen as supere pasará ó concurso.

B.8.- Premios

Os meles que acaden a máxima puntuación en cada categoría serán os Meles 5 Estrelas.

Distincións: os Meles 5 Estrelas recibirán un diploma acreditativo e os selos 5 estrelas que certifiquen o premio nos envases postos á venda.

Os Meles 5 Estrelas serán enviados polo Comité organizador a participar en concursos de meles nacionais e internacionais, polo que os concursantes deberán facer unha reserva de seis (6) botes de 500 gramos para o efecto.

B.9.- Compromisos

Polo feito de participar, os e as concursantes aceptan estas bases e sométense ós criterios do Comité organizador e á resolución do Comité de cata do concurso, que será inapelable.

A resolución do concurso será feita pública antes do 30 de novembro.

As persoas premiadas comprométense a usar nos seus Meles 5 Estrelas, durante un ano ou ata rematar as existencias, os selos identificativos que lles proporcione a organización nos seus envases.

Tamén se comprometen a vender o mel premiado a un prezo mínimo fixado cada ano polo Comité organizador. Para o efecto do 2019, o prezo mínimo será de 12 € / envase 1 quilogramo, e 7 € o envase de medio quilo.

A participación terá un custo que se fixará cada ano e aparecerá na ficha de inscrición.  Nesta primeira edición do 2019 a participación dos socios e das socias de AGA será de balde, e para o resto terá un custo de 30 €. No caso de resultar o mel descualificado, por non cumprir os parámetros esixidos en cada categoría, haberá unha penalización de 30 €.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información