‘Barra libre’ á produción de leite

O fin da cota láctea o 1 de abril do 2015 elimina os límites de entregas, pero xera incertidume sobre prezo e garantía de recollida

‘Barra libre’ á produción de leite

A desaparición do sistema de cotas lácteas o 1 de abril do 2015 abre un escenario de incertidume para a gandeiría galega. Durante máis de 25 anos, en toda a UE mantívose unha limitación sobre a cantidade de leite producido. Co fin das cotas desaparecen eses límites e ábrese un periodo de ‘barra libre’ na produción de leite que trae moitas incógnitas. Axudámonos de informes da Comisión Europea e da opinión de investigadores e organizacións do sector para buscar respostas sobre o que pode pasar a partir de abril.

¿Canto vai medrar a produción tras o fin das cotas?

A evolución da produción dependerá en boa medida dos prezos do leite e dos custos de produción. Nun suposto de prezos medios como o actual, a Comisión Europea calcula que máis da metade dos países da UE non poderían aumentar a produción, pois os custos de produción adicionais ‘comeríanse’ todos os ingresos adicionais.

Para este ano, as perspectivas comunitarias apuntan a un aumento da produción de só un 1,6 por cento, en consonancia cunhas previsións de baixos prezos do leite en boa parte do 2015.

Nun escenario a medio prazo, ata 2023, a Comisión calcula que a produción pode medrar de xeito significativo en países como Irlanda, por riba do 20%, ou en Holanda e Dinamarca, por riba do 15%; en tanto nos países do Leste de Europa o pronóstico é dunha baixada das entregas.

O caso español
En España, a Comisión prevé un aumento mínimo das entregas e advirte tamén de que hai expertos que consideran que en España e Portugal pode rexistrarse unha caída da produción por déficits nas estruturas do sector produtor e do industrial.

Os datos recentes de produción en España, sen embargo, convidan a un maior optimismo. En paralelo ó aumento da cota láctea, a produción estatal medrou nos últimos cinco anos en 540.000 toneladas, un 9,2%, cun aumento en Galicia superior á media estatal, según as cifras que manexa Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria da Universidade de Santiago. “Por tanto, penso que España pode medrar máis do que considera a Comisión”, valora Sineiro.

¿Que pasará co prezo do leite tras o 1 de abril do 2015?

Os aumentos da produción de leite na UE e a nivel internacional ó longo do 2014 desencadearon significativas baixadas de prezos para as explotacións gandeiras. Ata a pasada primavera, a demanda mundial de produtos lácteos medraba a un ritmo maior que a oferta, pero o aumento da produción da UE, Estados Unidos e Nova Zelanda nun 5 % na primeira metade do ano mudou as tornas, según a análise da Comisión Europea.
Así as cousas, a Comisión Europea calcula que a tendencia de baixos prezos do leite continuará ata a segunda metade do 2015. O posible fin da prohibición de exportacións a Rusia e a reactivación da demanda china poderían entón elevar as cotizacións, según un informe de Rabobank que apunta na mesma liña.

Medio prazo
De cara ó medio prazo, no ciclo 2016-2023, as previsións da Comisión Europea no prezo do leite son favorables, pero sobre a base dunhas boas perspectivas de exportación. “Esas expectativas están suxeitas a risco”, recorda Sineiro. “Se non aumentan as exportacións, será un problema para España, xa que dado que España é un mercado deficitario -produce menos do que consume-, os produtos non exportados da UE redirixiranse ó mercado interior”.

As premisas favorables para o aumento das exportacións europeas resúmeas Sineiro en tres puntos: “o consumo continúa crecendo nos países emerxentes; eses países non serán capaces de autoabastecerse e as industrias europeas serán competitivas en exportacións fronte ás firmas de países produtores como Nova Zelanda ou Estados Unidos”.

Coas cautelas anteriores, a Comisión Europea, nun informe de finais do 2013, aventuraba para o ciclo 2016-2023 un prezo medio na UE no entorno dos 350 euros / tonelada, se ben, só uns meses despois, unha circunstancia inesperada como o veto ruso trastocaba xa eses cálculos comunitarios.

¿Hai mecanismos para evitar graves crises de prezos?

En abril do 2015 non só desaparecerán as cotas lácteas, senón tamén o actual sistema de compra e almacenamento público de produtos industriais (leite en po, mantequilla). Esa intervención pública actuaba ata o de agora como colchón para os prezos, retirando leite do mercado nos intres en que baixaban demanda e cotizacións. “Os prezos de intervención permitiron que Europa mantivese un significativo diferencial en relación ó prezo internacional do leite. No 2002 chegou a haber 10 céntimos de diferencia entre o prezo en España e o internacional” -recorda Sineiro-. “A partir de agora só haberá medidas de apoio en caso de crises graves, pero de xeito puntual. Non será o mesmo que antes”.

“O mercado necesita de regulación. Se abrimos todos o ‘grifo’, fundímolo” (Francisco Sineiro, economista)

A única alternativa que se presenta ás medidas públicas é a regulación dos volumes entregados por acordos entre industrias e produtores. “O mercado necesita de regulación. Se todos abrimos o grifo, fundimos o mercado”, valora Sineiro. “O mercado do leite é moi sensible ós cambios de oferta e demanda. Se falta un 1% de leite, o prezo sobe ata un 3%; pero tamén o contrario, se sobra un 1% de leite, o prezo baixa ata un 3%”, advirte. “Coa desaparición das cotas, entramos nun escenario de maior variabilidade de prezos debido ós riscos inherentes á falta de regulación da produción e ás incertezas en torno ó aumento do consumo de leite e ós custos de produción”.

¿Existen garantías de recollida de todo o leite que se produza?

A recollida non está garantida. “O leite entregado vai ser un aspecto clave a negociar. A preocupación non serán só os prezos, xa que pode haber intres nos que á industria non teña capacidade de canalizar máis leite, polo que ter seguridade na recollida é clave”, valora o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Higinio Mougán.

“A preocupación non son os prezos unicamente. Ter seguridade na recollida é clave” (Higinio Mougán, Agaca)

Na mesma liña incide o responsable de vacún de leite de leite de Unións Agrarias, Javier Iglesias, quen engade ademais a necesidade de medidas para evitar o peche de explotacións: “Hai que establecer mecanismos para garantir que se lle vai recoller o leite a todos os gandeiros. Nun contexto de exceso de leite, pode haber rutas que ás industrias non lles interese manter por carecer dun gran volume de explotacións, caso por exemplo do oriente ourensán”, advirte.

Prezo A e prezo B
As negociacións gandeiro-industria dos volumes de leite a entregar parecen apuntar ó modelo francés. “En Francia fanse contratos por dobre volume, ‘A’ a un prezo e ‘B’, a partir dun volume dado, a un prezo inferior referenciado ó prezo dos produtos industriais (leite en po, mantenga)”, explica Sineiro.

¿As explotacións deberían aumentar a produción tras o fin das cotas?

Depende. Todas as voces do sector coinciden en que a primeira necesidade é controlar os custos de produción. “Se a explotación precisa mercar moita parte da alimentación das vacas, pode verse en determinados momentos en situacións en que as marxes non cubran os custos de produción” -valora Higinio Mougán-. “O primeiro é controlar os custos de produción e facer contas en función da situación do mercado. O gandeiro que teña suficiente superficie agraria para autoabastecerse en boa medida si que debe seguir crecendo inmediatamente despois da desaparición das cotas”.

A conciencia sobre a necesidade de controlar os custos de produción parece xeneralizada. “No campo produciuse un cambio importante de mentalidade no 2009, cando se rexistrou unha crise importante de prezos do leite e moitas explotacións se viron en situacións apuradas”, recorda Javier Iglesias, de Unións Agrarias (UU.AA). “Había unha tradición de producir leite en base a piensos e daquela houbo un cambio e pasouse a producir o máximo alimento posible na explotación”.

“Había unha tradición de producir en base a piensos, pero xa mudou a mentalidade” (Javier Iglesias, UU.AA)

A cotización dos cereais base para os piensos das vacas constitúe ademais un custo en progresión. “O prezo do concentrado medrou un 50% desde o ano 2000, en tanto o prezo do leite no mesmo periodo subiu só un 20%” -calcula Sineiro-. “A produción de máis leite sen atención á marxe que queda na explotación é unha carreira esteril” -avisa o profesor da USC-. “Hai explotacións con menos cota que obteñen a mesma renda por ocupado que outras con máis cota”.

Facer números a varios anos é outra das recomendacións de Sineiro: “Dado o escenario de variabilidade de prezos, as explotacións deben aproveitar os bos anos para facer caixa e aforrar para afrontar os malos anos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información