A Baña celebra a vindeira fin de semana a súa Festa da Filloa da Pedra

O concello coruñés convértese na capital deste prato tradicional galego cunha fin de semana repleta de música, actividades infantís, obradoiros e postos de venda de artesanía e produtos de alimentación

Filloa A Baña3
A localidade de San Vicente da Baña acollerá a vindeira fin de semana, o sábado 15 pola tarde e o domingo 16 durante toda a xornada, a 17 edición da súa Festa da Filloa da Pedra, unha celebración que comezou a realizarse no ano 2004 para exhaltar este prato tradicional da cociña galega, moi vinculado á época do Entroido.

Se por algo se caracteriza o Concello da Baña, na comarca de Compostela, ademais de pola súa paisaxe agraria e rural, é pola súa destacada gastronomía, con produtos de primeira calidade que conservan o xeito de elaboración de anos e xeracións atrás.

Así, cabe salientar sobre todos eles un produto de marcada tradición na zona que está en pleno proceso de recoñecemento fóra das fronteiras comarcais: a filloa da pedra, elaborada a base de trigo do país, ovos caseiros, auga e sal, e á que na Baña lle adican unha festa gastronómica que se viña celebrando na segunda fin de semana de marzo pero que nas dúas últimas edicións se adiantou a mediados do mes de febreiro.

Amplo programa

O domingo 16 de febreiro, o recinto onde se leva a cabo a Festa, que ten lugar no pavillón municipal, abrirá as dez da mañá, con postos de venda de diferentes productos. Levaranse a cabo distintos obradoiros, como un taller de como facer unha horta ecolóxica en bancais ou un de estampación de camisetas, e haberá divertimentos para os máis pequenos como unha tirolina e recódromo, ademáis das actuacións musicais dos campantes de A Baña, a charanga BB+ e a orquestra Finisterre. O pregón terá lugar a unha do mediodía a cargo de Ramón Castro Gundín, director do programa “+d1 Compostela”, de Onda Cero. Despois poderase comer lacón con grelos, chourizo, orella, e evidentemente, filloas.

Ducias de persoas colaboran facendo filloas nas 40 pedras que a organización monta para a ocasión, nas que se van verquendo os máis de 1.000 litros de amoado empregados na Festa. E para preparar o amoado e mantelo en axeitadas condicións durante o tempo que se tardan en facer as máis de 8.000 filloas que se elaboran cada ano para que as disfruten os asistentes, nada mellor que un tanque do leite que enfría e revolve a mestura.

Filloa A Baña4Feitas en pedra de granito

As filloas da Baña cocíñanse nunha pedra e, xunto ao Val do Ulla, son as únicas zonas de Galicia onde se mantén esta tradición secular. Na historia deste concello, coméntase que na época dos Trastámara (século XV) xa se pagaban as rendas con este típico producto galego.

A primeira edición da Festa da Filloa da Pedra celebrouse o 21 de marzo do 2004, onde xa se utilizaron as pedras de granito típicas desta zona, onde existen grandes canteiras deste material. No ano 2007 constituise a Asociación Filloas da Pedra, que actualmente conta con 25 socios e socias e máis de cincuenta colaboradores. Eles son os que, xunto coa axuda do Concello da Baña, organizan a Festa, pero co fin de dala a coñecer fóra do municipio, e ao mesmo tempo promocionar o concello e as súas excelencias, a Asociación Filloas da Pedra participa en numerosos eventos ao longo do ano en distintos puntos de Galicia.

Irmanamento das Festa da Filloa de toda Galicia

Filloa A Baña1A cita da vindeira fin de semana na Baña servirá tamén para afondar no irmanamento entre as distintas Festas da Filloa que se celebran en distintos puntos de Galicia: a Lestedo, en Boqueixón, declarada de Interese Turístico de Galicia e que chega este ano á 37 edición; a de Zas, que é o quinto ano que se leva a cabo; e a de Muimenta, que coma sempre será o primeiro de maio, tamén está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia desde o 2008 e este ano chega á 29 edición.

Ao longo do ano 2019 tiveron lugar varias xuntanzas entre as organizacións das diferentes Festas da Filloa que se celebran en Galicia de cara a afondar en canles de colaboración efectiva entre as diferentes organizacións, sobre todo mirando cara o futuro.

Nos últimos anos as festas que se celebran na Baña, Lestedo, Zas e Muimenta estreitaron lazos e este ano a delegación convidada será a de Cospeito

Dentro desta colaboración, tanto representantes das organizacións da Filloa de Lestedo como da Baña participaron activamente na inauguración da última Festa da Filloa de Muimenta e este ano os de Cospeito devolverán a visita, aceptando o convite para participar activamente este ano na Festa da Filloa de A Baña.

Membros da comisión organizadora de Muimenta, formada por empresarios e autónomos da localidade, estarán o vindeiro sábado 15 de febreiro pola tarde elaborando filloas na Baña, nun intercambio que se levará a cabo entre ambas festas. O programa que se levará a cabo nesa tarde, será unha foliada filloeira con grupos de música tradicional da comarca e con degustación das filloas de Muimenta. Igualmente terá lugar un acto institucional onde, entre outros, participará o coordinador da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez. A delegación convidada de Muimenta acudirá con cartaces promocionais da súa festa e libros de receitas con filloas.

Programa completo:

cartel Festa da Filloa A Baña 2020programa Festa da Filloa A Baña 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información