Baixada dos prezos dos becerros de recría e de vacún maior en Silleda

A sesión na Central Agropecuaria de Galicia veu marcada este martes pola baixada dos prezos dos becerros de recría e no vacún maior. Tamén houbo baixadas no porco cebado e regularizouse o mercado dos ovos

Baixada dos prezos dos becerros de recría e de vacún maior en Silleda

Na sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes os prezos dos becerros de recría e o vacún maior experimentaron unha lixeira caída. Tamén baixa o prezo do porco cebado, namentres os leitóns seguen sen cambios.

En gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a baixada máis importante deuse na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa. Os prezos baixaron ata os 123 euros, 11 menos que na pasada feira. Tamén os tenreiros de máis de 51 días rexistraron unha baixada do prezo de 8 euros con respecto ó pasado martes e situáronse nos 132 euros. Neste apartado, os tenreiros de menos de 20 días foron os únicos que experimentaron un incremento do prezo e a cotización media alcanzou os 110 euros, dous máis ca na sesión anterior.

En canto ós tenreiros de Cruces Industrial, a tendencia xeral foi a unha suba de prezos, aínda que con algunhas excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días foi na única na que se rexistrou unha baixada dos prezos ata os 273 euros, 38 menos que o pasado martes. Na categoría con maior asistencia, a de 21 a 50 días, xa se incrementaron os prezos ata situarse nos 349 euros, 25 máis ca na anterior. Tamén os animais con máis de 51 días incrementaron o prezo ata os 377 euros, fronte ós 364 do mercado pasado.

Tamén os becerros carniceiros de cruzamento industrial rexistraron esta semana unha suba das cotizacións nos machos onde a media foi de 838 euros por animal fronte ós 733 euros da lonxa pasada. Porén as femias desta categoría baixaron ata os 743 euros fronte ós 749 euros que se pagaran de media a semana anterior.

No que respecta ó vacún maior, baixaron novamente os prezos en boa parte das categorías, aínda que de novo houbo excepcións. Así, as vacas de categoría primeira alcanzaron unha media de 1.059 euros, 48 menos ca no mercado pasado. Tamén na categoría segunda -a máis numerosa- se reduciu o prezo ata os 707 euros, 16 menos que o pasado martes. Namentres, na de desvelle o prezo foi de 454 euro, 9 máis ca na anterior lonxa.

Central-agropecuaria-Galicia-ABANCA-02_10_2018_1-

Baixada do porco cebado e regularización do mercado dos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de cotizacións acordou unha nova baixada dos prezos. Nas categorías Selecto e Normal a baixada foi de 0,02 polo que o quilo sitúase en 1,150 euros e 1,125 respectivamente. A Canle II baixou 0,026 euros e o prezo por quilo foi de 1,461 euros. A categoría de desvelle mantense sen cambios e o intervalo é de 0,54 e 0,60 euros o quilo.

As cotizacións europeas mantéñense sen cambios en países como Alemaña, que é ademais o referente para os prezos do porcino en Europa, onde o prezo medio está nos 1,400 euros por quilo. Tampouco houbo variacións nos mercados de Italia ou Bélxica, namentres no resto de países europeos a tendencia foi á baixada de prezos.

No referido ó leitón, acordouse manter as cotizacións sen cambios quedando unha semana máis nos 32 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 37 euros para os dunha única granxa.

No que respecta ós ovos produciuse unha regularización do mercado e unha subida de 0,02 euros nas categorías XL, L e M. Así, os de maior tamaño alcanzan un prezo de 1,67 euros a ducia, a clase L acada os 1,24 euros e a M véndese a 0,98 euros. A clase S mantense nos 0,81 euros a ducia.

Sobe o coello na Lonxa de Madrid

Por outra banda, o prezo do coello experimentou esta semana unha suba de 0,20 euros na Lonxa de Madrid e o seu prezo sitúase nos 2,15 euros.

Central-agropecuaria-Galicia-ABANCA-02_10_2018_2-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información