Axudas para titulares de terreos agrícolas e forestais situados en Rede Natura 2000

Publicidade
Axudas para titulares de terreos agrícolas e forestais situados en Rede Natura 2000

Administración convocante: Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200214/AnuncioG0532-261219-0004_gl.html

Prazo: Ata 15/03/2020

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a Orde da Consellería de Medio Ambiente pola que se convocan as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación nos espazos incluídos na Rede Natura 2000, por un importe de 2,4 millóns de euros. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca estas subvencións para as que, tal e como recolle na orde, se establecen dúas anualidades para os anos 2020 e 2021.

O obxectivo desta liña de subvencións é conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais; ao tempo que se mellora a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

Os beneficiarios son as persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, os concellos incluídos na Rede Natura 2000 e asociacións medioambientais e de custodia do territorio. Só se admitirá unha solicitude por solicitante.

Así poderán ser obxecto destas subvencións, as actuacións dirixidas a mellorar a paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento dos usos recreativos, como a creación ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindes e bordos non cultivados nas parcelas agrícolas, restauración de muros de cachotaría, adecuación de carreiros rurais, así como a creación de rutas e áreas recreativas co correspondente equipamento de información e interpretación.

Tamén se poderán beneficiar destes incentivos as actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais e culturais, como a rehabilitación de hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes; así como as accións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas, como a creación de cercados naqueles casos non que sexa recomendable a limitación de acceso a persoas, a restauración de humidais, a preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes ou a eliminación de especies exóticas invasoras.

Prazo de presentación de solicitudes: Ata o 15 de marzo

As axudas –que se convocan en réxime de concorrencia competitiva- poderán concederse polo 100% do custo subvencionable, cun importe máximo de 20.000 nos caso da axuda concedida a unha administración local e ata 12.000 euros no casos dos restantes solicitantes. Tal e como establece a orde, os criterios de valoración que se terán en conta , entre outros, son o tipo de actuación ou a porcentaxe de superficie do municipio incluída na Rede Natura 2000.

Estas subvencións son acordes ao contido do fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que recolle entre as súas liñas básicas conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco da pobreza.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información