Axudas da Deputación de Lugo para a recuperación de terras abandonadas

Os produtores recibirán 500 euros por hectárea que se reactive para a súa explotación agrícola ou gandeira. A Deputación destina un total de 300.000 euros para esta liña de apoios, que se abrirá este mes

Axudas da Deputación de Lugo para a recuperación de terras abandonadas

Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo.

A Deputación de Lugo acordou hoxe en xunta de goberno a convocatoria dunha liña de axudas para a recuperación de terras agrarias abandonadas. Os apoios, que serán de 500 euros por hectárea recuperada, diríxense a gandeiros e agricultores da provincia, tanto a título individual como para Sats ou outras sociedades titulares de explotacións. As terras baldías deberán ter un mínimo dunha hectárea e deberán ser xestionadas polo produtor ben en propiedade, ben por aluguer ou cesión.

O organismo provincial espera que a convocatoria aprobada hoxe saia publicada no Boletín Oficial da Provincia ao longo do mes de agosto. Será nese intre cando se abra o prazo de solicitude. A Deputación prevé destinar un total de 300.000 euros a esta liña de apoios, cun máximo de 9.000 euros por beneficiario, co cal en teoría poderanse recuperar 600 hectáreas.

Desde a Deputación, o seu presidente, Darío Campos, incide en que esta liña de axudas é “totalmente novidosa” entre as Administracións públicas, “froito do noso compromiso cos gandeiros e agricultores, que vai máis alá dun slogan”, valora. A Deputación puxo en marcha as subvencións para recuperar terras abandonadas nos anos 2014 e 2015, periodo no que accederon ós apoios 178 agricultores e gandeiros para reactivar a produción en preto de 1.200 hectáreas.

Campos destaca que se volven ofrecer estas axudas porque “así mo pediron persoalmente os produtores da provincia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información