Axudas á participación de agricultores en réximes de calidade

O DOG publica tamén a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) pola que se aproban as bases das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas e se convocan para o 2016

Publicidade

Administración convocante: Xunta de Galicia: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160407/AnuncioG0426-220316-0001_gl.html

Prazo: Ata 15/06/2016

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade. Estas achegas están cofinanciadas co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 187.000 euros.

Os beneficiarios son os agricultores que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos no PDR de Galicia (produción ecolóxica e produtos baixo o amparo de IXP ou DOP, entre outros) e deberán cumprir o requisito de ser agricultores activos.

A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de 5 anos. Poderán recibir axuda os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación, incluídos, se ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do devandito réxime.

O prazo para a presentación de solicitudes nesta convocatoria remata o 15 de xuño de 2016.

Actividades non agrícolas

Por outra banda, o DOG tamén publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) pola que se aproban as bases das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2016. Estas axudas tamén están cofinanciadas co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

O orzamento para estas achegas ascende a un total de 3,5 millóns de euros e a porcentaxe de subvención sobre o investimento total será do 45%, sendo a axuda máxima de 200.000 euros. Os beneficiarios poderán ser pequenas empresas, persoas físicas que residan no rural e familias titulares dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas.

Entre os proxectos que poderán ser obxecto de subvención figuran aqueles relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos en calquera sector económico (agás empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e de servizos enerxéticos), a prestación de servizos sociais (garderías, coidado de anciáns e persoas con discapacidade), actividades de ocio, recreativas e deportivas, artesanía, novas tecnoloxías ou comercio polo miúdo, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información