Axilízanse as autorizacións de corta de madeira a carón de ríos, estradas autonómicas e en Rede Natura

Nestes espazos a Xunta substitúe a esixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable da persoa interesada no aproveitamento madeireiro de eucaliptos, piñeiros e acacia negra

Forest Pioneer eucalipto4O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde do 25 de marzo de 2020, conxunta entre as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os novos pregos de condicións aos que haberán de suxeitarse os aproveitamentos madeireiros dunha serie de especies madeirables (piñeiros, eucaliptos e acacias) en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público (zonas de protección de estradas autonómicas, policía de leitos de ríos e regatos de competencia galega e de conservación do patrimonio natural).

Así, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a esixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable da persoa interesada na corta, comprometéndose ao cumprimento dos requisitos específicos contemplados para as cortas en cada un destes espazos, eliminando así a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

15.000 solicitudes

Deste xeito, amplíanse os supostos de declaración responsable, polo que a Xunta estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. O obxectivo desta medida é minimizar as xestións administrativas e que o declarante quede facultado para realizar o aproveitamento desde o momento da presentación desta declaración responsable, sen máis trámites.

Ata o de agora, a Lei de montes de Galicia, trala modificación operada a través da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, regulaba a autorización única para a realización de aproveitamentos madeireiros en terreos con algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público. Así, a Consellería do Medio Rural tiña que conceder esta autorización logo do informe preceptivo dos órganos ou organismos sectoriais, o que dilataba o proceso no tempo. “A través da publicación desta orde axilizarase de forma substancial o proceso de aproveitamentos madeireiros nestas zonas”, asegura a Xunta.

Un ano de prazo para facer as cortas

As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto (Eucalyptus spp), o piñeiro galego ou do país (Pinus pinaster), o piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), o piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii) e a acacia negra (Acacia melanoxylon), respectando as peculiaridades establecidas en cada prego. Cómpre sinalar que o piñeiro do país e o eucalipto son as especies máis cortadas en Galicia. Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes -no tocante ás distancias de plantación recollidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- que han de cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas (autonómicas), policía de leitos (Augas de Galicia) e de conservación do patrimonio natural.

Os aproveitamentos previstos na orde publicada hoxe no DOG están supeditados á presentación da correspondente declaración responsable na sede electrónica da Xunta de Galicia  segundo o modelo MR604H, e o aproveitamento realizarase no prazo máximo dun ano desde a presentación desta declaración. A corta da madeira levarase a cabo sen abandonar ningún tipo de material que poida resultar tóxico para as augas, a flora ou a fauna acuática e terrestre, como por exemplo plásticos, aceites, recambios usados, etc.

Exclúense montes de máis de 15 hectáreas sen plan de ordenación

No caso de superficies de aproveitamento superiores a 15 hectáreas, os propietarios terán que solicitar autorización previa do plan de cortas mentres o monte non dispoña do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio. É o caso dos Montes Veciñais en Man Común que carezan de plan de ordenación. Unha vez obtida a autorización deste plan xa poderá presentarse a oportuna declaración responsable.

Tampouco poderán, en ningún caso, ser obxecto dunha declaración responsable aqueles usos que requiran a realización dunha avaliación ambiental.

Non afecta ao dominio público estatal

A orde afecta unicamente a montes a carón de estradas ou regatos de competencia autonómica. No caso de dominio público competencia do Estado (estradas nacionais, bacías hidrográficas que afectan máis dunha comunidade autónoma -en Galicia os ríos que están dentro da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou o río Eo-, montes afectados pola Lei de Costas, ou espazos afectados pola rede ferroviaria), en cuxo caso segue a rexer a normativa básica de aplicación e os trámites en vigor até o de agora para a totalidade das cortas de madeira.

Condicións específicas a cumprir

A orde publicada no DOG detalla mediante tres anexos os requisitos concretos que haberá que seguir á hora de realizar os traballos de corta e extracción de madeira en cada un dos espazos autorizados mediante declaración responsable:

Estradas titularidade da Xunta:

– Non se autoriza a corta de árbores na zona de dominio público da estrada.

– Os traballos non porán en risco a seguridade viaria e o solicitante deberá cumprir coas condicións especiais que se poidan impor por parte da Axencia Galega de Infraestruturas para garantir a seguridade da estrada e do tráfico. O aproveitamento madeireiro realizarase só no caso en que non resulten diminuídas as condicións de visibilidade ou de seguridade na estrada.

– O aproveitamento efectuarase sen interromper nin dificultar o tránsito polas estradas, tanto de vehículos como de peóns, e sen ocupar ningún dos seus elementos (calzada, beiravías, gabias…) con materiais, medios auxiliares, maquinaria ou vehículos.

– As árbores e as canas deberán cortarse de xeito que caian fóra da plataforma da estrada. As pólas e demais produtos da corta ou poda depositaranse fóra da calzada, das beiravías, dos foxos e do resto da zona de dominio público da estrada.

– Se para a execución do aproveitamento madeireiro fose necesario construír un acceso á estrada autonómica, o propietario do monte ou a empresa madeireira, deberá solicitar previamente a preceptiva autorización para a realización do acceso ao Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, empregando o procedemento IF205D.

– Non se autoriza a ocupación do dominio público para o almacenamento de materiais, salvo coa autorización previa do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tramitada segundo o establece a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

– Adoptaranse as precaucións oportunas para que en ningún caso se produza arrastre de terra ou de calquera outro material á plataforma ou ás gabias da estrada, ben adheridos ás rodas dos vehículos ou maquinaria que participe no aproveitamento ou ben por calquera outra causa.

– Durante os traballos, establecerase a sinalización adecuada ás actividades que se van realizar, de acordo coas disposicións vixentes sobre a materia. Para o cumprimento desta condición pódese consultar a Norma 8.3-IC de sinalización de obras, aprobada pola Orde ministerial do 31 de agosto de 1987.

– Os danos e prexuízos ocasionados á estrada e á súa zona de influencia con motivo da realización dos traballos son responsabilidade das persoas que realizan o aproveitamento, estas quedan obrigadas a repor, pola súa conta, os elementos da estrada que resulten afectados pola execución dos traballos, restituíndoos ás súas anteriores condicións de seguridade, funcionalidade e aspecto.

Espazos naturais protexidos:

– Exclúense do procedemento de declaración responsable as ZEPAs (Zonas de Especial Protección de Aves) declaradas en parques naturais, reservas naturais ou monumentos naturais, hábitats sensibles como complexos dunares litorais ou hábitats turbeiros e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Estas zonas excluídas poden consultarse no visor da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

– O aproveitamento realizarase sobre masas puras de eucaliptos, piñeiros ou masas mixtas de piñeiros e eucaliptos, podendo incluír ata un máximo do 10% de pés doutras especies mesturadas, sempre que non formen parte dun bosquete, dunha sebe ou teñan un diámetro superior aos 15 cm. No caso de que non se cumpran estas condicións, deberase someter a solicitude de corta a autorización.

– Empregaranse exclusivamente os camiños de servizo, rúas de desembosque ou vías de saca existentes na parcela, sen realizar a apertura de novas vías de desembosque temporais ou permanentes.

– A nova plantación requirirá autorización preceptiva do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente.

– Non se realizarán rozas ou segas da vexetación herbácea ou das matogueiras salvo que sexa necesario para previr os riscos laborais dos operarios que efectúen as cortas.

– Na zona de actuación non se abandonará ningún tipo de material contaminante ou impropio do medio natural (plásticos, aceites, recambios de aceites, etc.) e adoptaranse as precaucións necesarias para que non se produzan verteduras de lubricantes, combustibles, aceites ou graxas de maquinaria durante os labores forestais, especialmente, nas zonas próximas a ríos e canles. A maquinaria manterase en perfecto estado de funcionamento para evitar fugas de combustible e aceite e minimizar a contaminación acústica e atmosférica, así como os medios adecuados que eviten a produción de faíscas por fricción dos seus mecanismos. As operacións de mantemento realizaranse en terreos chaos establecendo medidas fronte á contaminación do solo e das augas subterráneas.

– Se a persoa solicitante detecta a presenza na zona de actuación dalgunha especie incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras (Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras), deberá poñelo en coñecemento inmediato do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente.

Leitos de ríos e regatos:

– Abrangue a zona de policía (distancia entre 5 e 100 metros ao cauce).

– Prohíbese o depósito de restos da corta ou das podas nin no leito do curso nin nas súas zonas de servidume.

– Prohíbese utilizar as marxes ou ribeiras dos leitos, así como a zona de servidume como depósito de materiais e parques de maquinaria.

– Unicamente se poderá amorear temporalmente a madeira en zona de policía, fóra da zona inundable, cando non exista outro lugar para o seu amoreamento. En todo caso, non se poderá amorear madeira dunha parcela distinta á solicitada.

– Prohíbese vadear os ríos ou regatos coa maquinaria de corta e transporte, agás que se conte coa preceptiva autorización de Augas de Galicia.

– Instalaranse sistemas de retención de sedimentos como por exemplo balas de palla, barreiras de retención ou calquera outro que garanta que non cheguen arrastres ao río ou regato. Poderase empregar para este fin o amoreamento lineal de parte dos restos de corta, unha vez triturados, en sentido contrario ao da pendente.

– No caso de que se precisen executar vías de transporte, explanacións de vellos camiños ou calquera obra de movemento de terras, deberá solicitarse a preceptiva autorización de Augas de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información