Avisos por enfermidades en froiteiras

A Xunta alerta da incidencia nas maceiras do verme da mazá, do moteado e do pulgón cinzento. En cerdeiras empezan a aparecer síntomas de monilia e botrite. Velaquí algúns consellos.

Publicidade
Avisos por enfermidades en froiteiras

Volvoreta do verme da mazá. Autor: Entomart.be

A Xunta de Galicia, a través do servizo de información agrometeorolóxica de Meteogalicia, ven de emitir un aviso fitosanitario por diversas enfermidades que afectan ás maceiras.

A máis avanzada é a afectación por verme da mazá (Cydia pomonella) Dende a Xunta lembran que “para que se produza o primeiro voo de adultos debemos acadar 400 graos/día, segundo a fórmula bioclimática. Estes grados acadáronse o día 23/04/2015. A día de hoxe, temos acumulados, 523,5 grados/día”.

Neste sentido, a Xunta colocou trampas de feromonas o día 29 de abril nas estacións de Sada e Bergondo e as dúas primeiras capturas tiveron lugar o día 30 de abril, condición tamén necesaria para comenzar os tratamentos contra esta praga.

Recomendacións:

Tanto para a mazá de sidra como para a de mesa, dende a Xunta recomendan instalar as trampas de monitoreo para o seguimento do voo de Cydia pomonella. Ademais, recomendan instalar o sistema de confusión sexual (800 a 1000 difusores/Ha), autorizado tanto en agricultura integrada como
ecolóxica.

En canto aos tratamentos fitosanitarios, para a mazá de sidra, lembran que “estamos en plena floración ou empezando a caer os primeiros pétalos, polo que non debemos dar ningún tratamento fitosanitario a fin de protexer aos insectos polinizadores.

No caso da mazá de mesa a caída de pétalos está case rematada ou, incluso nalgúns casos, o callado está xa moi adiantado, “polo que é recomendable aplicar un tratamento a base de insecticida e funxicida”.

Moteado e pulgón cincento

Outra enfermidade que está a afectar ás maceiras en Galicia é o moteado (Venturia inaequalis). Estamos na época máis crítica para as infeccións primarias, e recoméndase, nas variedades máis sensibles, aplicar un tratamento para previr as infeccións.

Outra incidencia fitopatolóxica detectada nas maceiras é o pulgón cincento (Disaphys plantaginea). “En maceira de mesa debemos estar atentos ás femias “fundatrices”, que nesta fase fenolóxica refúxianse entre os pétalos das flores (estado E2). Estamos en período crítico para o ataque deste pulgón, comezándose a ver os primeiros gromos afectados.

Polo demais, dende a Xunta lembran que “nas plantacións regulares de mazá de sidra estamos na época do aclareo da flor. Cando a flor central do corimbo chega ao callado, é o momento de dar o tratamento que eliminaría o resto das flores do mesmo”.

Cereixas amosando a esporulación de monilia. Autor: Estación Fitopatoloxica do Areeiro.

Cereixas amosando a esporulación de monilia. Autor: Estación Fitopatoloxica do Areeiro.

 Monilia e botrite en cerdeira

Por outra parte, dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro avisan de que “se están a observar cerdeiras coas cereixas en formación afectadas por monilia e botrite, debido á alta humidade que se rexistra”.

Neste sentido, aconsellan “aplicar un tratamento cun funxicida rexistrado”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información