A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Aviporto lanza envases de abono orgánico de pequeno formato para horta e xardín

A empresa lucense, que elabora o fertilizante natural ‘Abonor’ a partir de esterco de polo, amplía o seu mercado, tradicionalmente orientado á agricultura, para dar cobertura ás novas demandas de hortas urbáns e xardíns

Envases de Abonor de 1 Kg.

Envases de Abonor de 1 Kg.

As persoas que cultivan hortas urbáns ou xardíns teñen necesidade de pequenas doses de abono, pero os envases destinados á agricultura ofrécense normalmente en formatos de grandes volumes que non se axeitaban a eses usos. Por ese motivo, a empresa lucense Aviporto decidiuse a lanzar o seu abono orgánico, Abonor, en bolsas de 1 Kg., un pequeno formato que se orienta tanto a pequenas hortas como a xardíns ou a plantas de interior. Os envases están iniciando a súa distribución a agrotendas e puntos de venda habituais da marca.

O abono de Aviporto orientado a estes novos usos mantén as características do que elabora para a produción agrícola (froiteiras, hortas, cultivos extensivos, viñedo, etc.). Trátase dun fertilizante 100% natural feito só a base de esterco de polo. Ese esterco procésase na planta de Aviporto, ubicada en Portomarín (Lugo), para deshidratalo e hixienizalo. O formato final do abono é granulado, homoxéneo e sen olores, o que permite tanto a súa aplicación con abonadoras como o seu reparto puntual a man.

Como abono orgánico que é, ademais de aportar os principais nutrintes NPK (nitróxeno, fósforo e potasio), así coma micronutrintes, ‘Abonor’ contribúe a mellorar as propiedades biolóxicas do solo, aumenta a súa materia orgánica, desbloquea minerais e mellora tamén a capacidade de retención de auga do solo.

O seu resultado está avalado polas investigacións da Universidade de Santiago, que realizou ensaios nos que comparou o resultado de aplicación de fertilizantes minerais co abono de Aviporto, elaborado a partir de esterco de polo.

En cultivos como leituga o pemento, os estudos da Universidade de Santiago demostraron que ‘Abonor’ é máis eficaz que os fertilizantes minerais ás mesmas ou superiores doses

Os estudos demostraron que en cultivos como a leituga ou o pemento, o abono orgánico de Aviporto logra, con menores doses, iguais ou mellores resultados que os fertilizantes mineirais cos que se comparou, un NPK convencional e un fertilizante de liberación lenta. Outra vantaxe é que ese efecto permanecía máis no tempo, pois a mineralización do nitróxeno orgánico no solo é progresiva e mantén o seu efecto meses despois da aplicación.

En pemento, a investigación da Universidade comprobou como con aplicacións de 265 gramos de abono de Aviporto por metro cadrado obtíñanse producións de categoría e calidade comercial similares ás que se lograban con maiores doses de nutrintes en fertilizantes minerais. En leituga, as doses valoradas na investigación sitúan unha aplicación óptima de arredor de 500 gramos por metro cadrado (120 kg. N por hectárea), se ben son posibles aplicacións menores.

No que respecta ás aplicacións para xardín, Aviporto recomenda aplicacións de 100 gramos por metro cadrado, que se poden repetir de xeito mensual para garantir un maior vigor e desenvolvemento das plantas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *