Aviporto, a valorización do esterco de polo

A empresa, ubicada en Portomarín, elabora un abono orgánico a partir de gallinaza que consolidou o seu mercado en toda a península. Produce cada ano arredor de 2.500 toneladas

Publicidade
Aviporto, a valorización do esterco de polo

Juan Serrano, xerente de Aviporto, ante á nova caldeira de biomasa, que se abastece do propio abono orgánico.

A empresa Aviporto (Portomarín, Lugo) iniciou a actividade a inicios dos anos 90 como unha granxa de polos. Tiña daquela dúas naves de engorde e o esterco que producían os animais era moi valorado entre os agricultores da zona, onde tiña boa acollida. Cando a granxa foi aumentando naves de cría, a finais dos 90, atopouse con que o esterco, que antes representaba un ingreso adicional, acadaba tal volume que o convertía nun problema e nun custo de xestión, pois non tiña suficiente saída a nivel local.

Que facer? A empresa convertiu o problema nunha oportunidade. Sabía que tiña un produto, o esterco, que interesaba a nivel agronómico, pero que non tiña saída máis alá do seu entorno, así que buscou o xeito de transformar ese esterco nun produto estable que se puidese comercializar en toda a península.

A empresa suministra cascarilla de arroz como cama para granxas e recolle o esterco para a elaboración do abono

“A finais dos anos 90 visitei unha planta de abono orgánico en Holanda, que é un país con moita gandería pero con pouca base territorial, co cal tiñan a nivel de país un problema como o que podíamos ter nós a nivel local” -lembra o xerente de Aviporto, Juan Serrano.- “Vin como transformaban o esterco nun abono hixienizado, sen patóxenos e que reducía as emisións de amoniaco á atmósfera. Do esterco facían un abono exportable ó mundo enteiro e constatei que ese proceso se podía adaptar á realidade de aquí”.

Á volta de Holanda, Aviporto iniciou o proceso para crear unha planta de fabricación de abono orgánico a partir de gallinaza. A instalación comezou a funcionar no 1999 cun proceso baseado en deshidratar e granular o esterco que xeran os polos.

Planta de elaboración do abono.

Planta de elaboración do abono.

Trazabilidade
Nun inicio, a planta funcionaba só co esterco producido por Aviporto, que hoxe en día ten 10 naves de cría, cada unha delas con capacidade para 25.000 polos, pero axiña aumentou a demanda do abono, polo que outras granxas avícolas do entorno comezaron a enviar o seu esterco á fábrica. “Nós tamén nos adicamos a suministrar cama de cascarilla de arroz para granxas, así que a unha parte dos nosos clientes pasamos a suministrarlles a cama e a retirarlles posteriormente o esterco”-explica Juan Serrano.

O control de todo o proceso é un punto que en Aviporto consideran importante. “Podemos garantir a trazabilidade do abono e que non utilizamos ningún tipo de material alleo”, subliña o xerente da empresa. “Só empregamos esterco de polo”, destaca. “Para os nosos clientes, é importante estar seguros da orixe do produto e da súa calidade, xa que no mercado un pode atopar todo tipo de cousas”, valora.

“Podemos garantir a trazabilidade do abono e que só empregamos esterco de polo” (Juan Serrano, xerente)

Proceso
O proceso de elaboración do abono de Aviporto iníciase coa recepción do esterco en silos de maduración, nos que permanece arredor de 15 días. Dalí pasa á cadea de produción, que comeza nunha tolva de homoxeneización, á que segue un túnel de secado, onde se deshidrata o produto a menos dun 14% de humidade. Un muíño pica despois o material para concluír o seu homoxeneizado. A forma do produto final obtense no proceso de pelletización, co que se consegue un abono granulado que poderá ser repartido no campo por abonadoras convencionais.

A planta de Aviporto produce na actualidade arredor de 2.500 toneladas de abono anuais, cun crecemento progresivo ó longo dos anos. O mercado do produto, autorizado para agricultura ecolóxica, exténdese por España e Portugal en todo tipo de cultivos, tanto hortícolas en invernadoiro e ó aire libre como en frutais, viñedo ou cultivos extensivos. Tamén é usado en xardinería e en procesos de restauración vexetal, como foi o da mina das Pontes, unha restauración que en Aviporto sinalan como un exemplo a nivel europeo.

Big bags preparados para a súa distribución.

Big bags preparados para a súa distribución.

Propiedades
A Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago) colaborou coa empresa en ensaios dos abonos en distintos cultivos, de cara a validar o seu potencial agronómico.

“O abono orgánico ten valor para os produtores que saben da importancia de coidar a terra”, destaca Juan Serrano. “A composición do noso produto contribúe a mellorar as propiedades biolóxicas do chan, aumenta a súa materia orgánica, desbloquea minerais e ademais fertiliza os cultivos”, resume o xerente de Aviporto. “O abono orgánico non busca competir en custo de unidades fertilizantes de NPK. O seu interese está máis en lograr a sostibilidade da produción agraria”.

A incorporación do abono pódese facer ben durante os traballos de preparación do terreo, o habitual nos cultivos de horta, ben cunha aplicación de coberteira ou de xeito localizado, como no viñedo.

Economía circular, o abono nutre a caldeira de biomasa

Aviporto está a dar este outono un paso máis na valorización do esterco de polo. A empresa instalou unha caldeira de biomasa que, en lugar de abastecerse de pellet de madeira, nútrese do propio abono xerado pola planta.

A nova caldeira suministrará calor para un proceso de presecado do esterco de polo a través de solo radiante e tamén cubrirá as necesidades de parte das naves de cría, co cal se reducirán os gastos da empresa en propano e gasóleo.

Aquel esterco de polo que era un problema a finais dos anos 90 vólvese demostrar como unha oportunidade. “Esa é a nosa filosofía”, resume Juan Serrano. “O noso obxectivo non era facer negocio co esterco. Do que máis orgullosos estamos é de ter convertido o que era un problema en postos de traballo e nun produto que é apreciado e que se vai movendo a nivel comercial polo boca a boca”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información