Avega empezará a comercializar polo ecolóxico o próximo ano

A cooperativa de Agolada xa produce o 40% dos ovos certificados en ecolóxico de España. A súa produción de penso ecolóxico aumentou un 50% este ano

Avega empezará a comercializar polo ecolóxico o próximo ano

Ovos ecolóxicos de Avega

A cooperativa agrícola Avega, con sede en Agolada (Pontevedra), prevé empezar a comercializar carne de polo ecolóxico o próximo ano. Desta forma a empresa logrará ampliar a súa gama de produtos con este tipo de carne ecolóxica, ante a escasa oferta existente no mercado español.

Actualmente Avega produce ovos, queixos e pensos, todos eles produtos certificados en ecolóxico. A cooperativa de Agoladase converteu nos últimos anos nun referente na fabricación de pensos para gandería ecolóxica, ?unha actividade que, grazas ao incremento da demanda, alcanzará este ano unha produción de 6 millóns de quilos, o que supón un 50% máis que no 2014?, segundo informa a compañía.

Desde que iniciou en 2005 a produción de pensos ecolóxicos, Avega experimentou un progresivo incremento dos seus clientes que abarcan todas as ganderías -aviario, porcino, bovino, ovino e caprino-, excepto a alimentación para gando equino.

“Todas as nosas materias primas son 100% de cultivo ecolóxico, sen restos de pesticidas nin OMG”, comenta Lorena Vence, xerente de Avega; “a calidade dos nosos pensos é a garantía de que as nosas galiñas produzan un dos mellores ovos ecolóxicos do país”.

Así, a cooperativa galega deriva case o 50% da súa produción de pensos para autoconsumo nas súas propias granxas de galiñas poñedeiras; a outra metade comercialízase a explotacións gandeiras ecolóxicas en todo o territorio nacional e Portugal.

“Tamén fornecemos materias primas, principalmente soia e millo ecolóxico que importamos directamente, e que vendemos a terceiras empresas e fábricas de pensos para que elaboren as súas propias mesturas”, sinala Lorena Vence.

Como novidade, este ano a empresa incorporou novos formatos para a venda dos seus pensos, concretamente sacos de 10 e 25 kg, moi prácticos para pequenas explotacións e granxas de autoconsumo; a estes hai que sumar a subministración en gran formato e a granel.

Avega produce o 40% dos ovos ecolóxicos de España

A cooperativa Avega iniciou a súa actividade en 2002 impulsados pola idea de producir e comercializar ovos ecolóxicos; a día de hoxe a empresa conta con preto de 35.000 galiñas poñedeiras e unha produción de ao redor de 700.000 ducias de ovos ao ano, o que supón o 80% da produción na comunidade galega e o 40% a nivel estatal.

Queixos ecolóxicos

Polo ano 2005, Avega comeza a elaborar queixos ecolóxicos con leite procedente de explotacións onde as súas vacas só se alimentan de forraxe seca, pastoreo e pensos de cereais ecolóxicos. O volume de produción esta próximo ao 30.000 Kg ao ano. Nas ganderías non se utilizan nin herbicidas nin compostos químicos para o abono das praderías o que redunda nuns animais sans.

Instalacións

Nestes momentos, a firma conta con seis centros de traballo. A sede da cooperativa, na que están as oficinas e as instalacións da queixería, está situada en Agolada. Catro granxas para galiñas, situadas nos concellos de Silleda (Pontevedra), Palas de Rei (Lugo), Paradela (Lugo) e Entrimo (Ourense), dedícanse á produción de ovos e as instalacións situadas no concello de Rodeiro (Pontevedra) están dedicadas á produción de penso ecolóxico.

O persoal de Avega está conformado por 10 persoas ás que habería que engadir preto de 20 postos de traballo indirectos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información