“Avanzamos nun cebo que mellorará moito a loita contra a vespa asiática”

Entrevista Lolo Andrade, experto e investigador de insectos. Está a desenvolver en Galicia un cebo atraente para as obreiras de Vespa Velutina que, segundo el, mellorará notablemente a loita contra esta especie exótica. Este verán espera presentar os resultados definitivos.

“Avanzamos nun cebo que mellorará moito a loita contra a vespa asiática”

Manuel Andrade cun niño de Vespa Velutina

Manuel “Lolo” Andrade é un experto, investigador e técnico en insectos. Forma parte de Quimera, unha asociación dedicada á divulgación e creación de biodiversidade, e ao asesoramento en agricultura ecolóxica e permacultura.

Desde hai anos investiga en sistemas para frear a expansión da Vespa Velutina, unha especie exótica que está a provocar importantes danos na apicultura.

Por que comezaches a traballar no problema que supón a Vespa Velutina para a apicultura?
Na asociación Quimera facemos perma-apicultura; é dicir apicultura imitando á natureza, de forma que non hai cera, nin arame, senón que soamente metemos o enxamio na caixa e as abellas constrúen todo. Con todo, a súa vida corre perigo pola Vespa Velutina, polo que decidimos investigar para protexer as nosas colmeas. Para iso unimos forzas con enxeñeiros agrónomos, forestais, físicos ou expertos en química para avanzar dunha forma multidisciplinar para reducir a incidencia da Vespa Velutina. Esta colaboración permite avanzar máis rápido e de forma máis eficaz, ata o punto de que logramos descubrimentos sobre a avespa asiática que son pioneiros a nivel mundial .

Con todo, as administracións só investigan nun campo e desa forma non se consegue avanzar.

A Vespa Velutina xa está presente en boa parte de Europa, pero cada país e cada comunidade autónoma realiza investigacións de forma independente e sen coordinarse. ¿Estamos a dar paus de cego e desaproveitando recursos públicos na loita contra a Vespa Velutina?
De momento o único que hai son trampas con atraentes, que permiten eliminar moitas raíñas, e tamén eliminamos niños, tanto primarios como secundarios. Isto é o que único que se fai en toda Europa desde hai uns dous anos.

En Quimera estamos un paso máis aló, investigando cun cebo que as atrae e que ao levalo ao niño mate a toda a colonia. Estamos a facelo con fondos propios, sen axudas das administracións, o que nos permitiría avanzar máis rápido.

 “Contra a Velutina estamos a perder o tempo investigando moitas persoas e de forma descoordenada”

Penso que no caso da Velutina estamos a perder o tempo investigando moitas persoas en diferentes países e de forma descoordinada. Francia ten investigacións desenvolvidas pero non está coordinada co resto de países da Unión Europea. Ao final son os apicultores os que teñen que tomar a iniciativa para defender as súas colmeas.

Por que considerades máis efectivo o cebo contra a Vespa Velutina?
A Vespa Velutina é carroñeira polo que empezamos a utilizar carne fresca como cebo, pero presentaba moitos problemas de malos cheiros, rápido aprodrecemento…etc. Ante este problema, desenvolvemos un cebo que leva carne con conservantes, que imos tentar que teñan o menor fedor posible, para que o que cheire sexa a proteína. É un sistema máis sinxelo, económico e efectivo.

Trátase dun cebo proteínico, soamente que a carne está tratada e micromoída, o que acelera o proceso. Como veleno, despois de varias investigacións, consideramos que o máis efectivo é o fungo Beauveria Bassiana, un fungo natural que está na terra e que ten efectos quitinizantes; é dicir, que se alimenta da quitina, do esquelete dos insectos.

A vespa levaría o cebo ao avespeiro e transmitiríase por trofalaxia, o mecanismo mediante o cal as abellas, formigas ou outros insectos sociais aliméntanse uns a outros ou transfiren feromonas. No momento que larvas, raíña e obreiras estivesen en contacto con este fungo infectaríanse e deixarían de comer, morrendo por inanición.

 “Este verán presentaremos o produto e esperamos bos resultados”

Este sistema xa o probamos no noso centro de investigación en Coirós con bos resultados. A Beauveria foi o máis rápido -en catro ou cinco días morre a colonia- e eficaz.

Os cebadoiros utilizariámolos cando as obreiras de Velutina empezan a atacar ás colmeas, cara o mes de xullo. Poderiámolos colocar en colmeares, así como en viñedos ou leiras de froiteiras que tamén sofren os danos da vespa asiática.

Para evitar que outras especies sexan atraías por este cebo estamos a investigar diferentes métodos. Un deles é que este teña o cheiro das secreccións das larvas das vespas asiáticas, para atraer especificamente ás obreiras de Vespa Velutina. Este verán imos continuar cos ensaios e pensamos dar a coñecer os resultados definitivos e presentar ao público este sistema.

Como valoras o trampeo con atraentes?
É moi interesante realizalo ata esta época para eliminar raíñas fundadoras, e por tanto evita moitos niños de Vespa Velutina. O problema é que estas trampas non son selectivas e eliminan moitos insectos polinizadores e mesmo competidores da Velutina como a Vespa Crabro autóctona.

Tamén insistes na necesidade de eliminar niños primarios nos primeiros meses do ano. Por que motivo?
Sabemos que por cada niño primario que eliminemos, evitaremos ata 300 futuros niños de Vespa Velutina.

En canto aos métodos de protección física das colmeas Consideras que son realmente efectivos?
Sen dúbida. Hai un sistema que non se pode patentar e que é gratis. Se construímos unha gaiola de Faraday diante da piqueira evitaremos os ataques. As Velutinas chegan ás colmeas atraídas polo cheiro, pero a gaiola de Faraday evita que saian ondas electromagnéticas da piqueira, co que a vespa non ve, pero as abellas si poden entrar polos laterais, e ás Velutinas non lles dá tempo a atrapalas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información