Avanza o mildiu nas viñas e recomendan facer os primeiros tratamentos

Publicidade
Avanza o mildiu nas viñas e recomendan facer os primeiros tratamentos

Mancha de mildeu. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir este xoves un aviso sanitario no que analiza a situación fitosanitaria do viñedo na provincia de Pontevedra e ofrece unhas recomendacións para o seu coidado.

Desde a publicación do aviso fitosanitario anterior (xoves día 2), a nivel da climatoloxía alternáronse os períodos de tempo máis cálido, na contorna dos 20ºC nas horas centrais do día, con horas bastante máis frescas. Así, o crecemento vexetativo da viña apenas evolucionou, e mantéñense as diferencias entre as áreas máis expostas ao sol e as máis protexidas.

Avance do mildeu

Como estaba previsto, o domingo día 5 houbo precipitacións por riba dos 10 l/m (das estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia consultadas, as cifras roldaron entre os 11,8 de Meder e os 47,5 de Soutomaior). Canto ás temperaturas, hai que destacar as nocturnas, certamente elevadas da noite do 4 ao 5, arredor dos 17 ºC en moitas estacións. Desde esa data, en xeral aínda que quizais en maior medida nas estacións da comarca do Salnés, os rexistros de temperaturas mínimas situáronse na contorna dos 12-13ºC, e houbo humidade foliar asociada e/ou humidade relativa por riba do 90%.

Estas condicións determinaron que non se freara o avance da incubación do fungo do mildeu despois de cumprirse as condicións para a infección na terceira semana de marzo, e tamén serán a orixe de novas contaminacións potenciais cuxos síntomas irán aparecendo nos próximos días. De feito, están a aparecer manchas de mildeu en diversos viñedos da provincia.

De cara ás próximas xornadas, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas indican que vai permanecer a situación de certa inestabilidade atmosférica, e que pode chover practicamente todo o que queda de semana. Canto ás temperaturas, non hai coincidencia entre as axencias, pero en xeral manteranse tépedas.

“Con estas condicións, seguirá a haber posibilidades de novas contaminacións e por iso recomendamos que, onde haxa desenvolvemento suficiente da vexetación, se aplique un tratamento aproveitando os días/períodos sen precipitacións”, aconsellan os técnicos de Areeiro.

No resto de viñas hai que manter as revisións periódicas co obxectivo de detectar o primeiro síntoma (non fácil de ver nalgúns casos) e tratar tan pronto apareza.

Cos produtos sistémicos ou penetrantes, que son os que se soen aplicar nestes momentos, a viña queda protexida se transcorre unha hora entre a aplicación e as precipitacións.

Ademais, a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas

Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro lembran que o volume de caldo debe ser baixo e as boquillas axeitadas para reducir a deriva do tratamento. Ademais, inciden en que nunca se debe tratar con vento, polo que deben terse en conta as posibles previsións de ventos intensos (como anuncian algunhas axencias por exemplo para o sábado día 11)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información