Avance do borrador do Decreto de Primeiros Compradores de leite

O Ministerio quere que os primeiros compradores comuniquen os prezos e as cantidades que venden a outros compradores. Terán que ser autorizados e ter un volume mínimo de entregas. Borrador do Real Decreto no interior

Avance do borrador do Decreto de Primeiros Compradores de leite

Planta de Logística Alimentaria, un dos principais primeiros compradores de Galicia.

Xa se empezan a coñecer os detalles do borrador do Decreto de Primeiros Compradores, unha norma que nas últimas semanas tanto a Xunta de Galicia como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) urxiron ao Ministerio a que publique para darlle estabilidade ao sector produtor. E é que en Galicia ao redor do 30% do leite producido é recollido polos primeiros compradores, unha figura polémica á que as organizacións agrarias acusaron de deteriorar os prezos en conivencia con algunhas industrias.

Segundo o borrador do Real Decreto no que traballa o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, e ao que tivo acceso Campo Galego, todos os primeiros compradores terán que comunicar á administración os prezos e as cantidades que venden a outros compradores.

Ademais, terán que cumprir cun volume mínimo de entregas, que no quinto ano deberá ser dun mínimo anual de 10 millóns de quilogramos, o que obrigará a unha redución do número de primeiros compradores. Ademais, diferénciase entre primeiros compradores comercializadores e transformadores.

Obrígaselles no quinto ano a alcanzar un volume mínimo anual de 10 millóns de quilos de leite

Son algunhas das novidades con respecto ao Real Decreto 319/2015 que se publicou en abril do pasado ano tras a desaparición das cotas lácteas e que obrigou aos primeiros compradores a comunicar tanto as cantidades de leite como o prezo ao que a compran aos gandeiros.

Requisitos para obter a autorización de primeiro comprador

Unha das novidades que introduce o borrador de Real Decreto é a diferenciación entre primeiro comprador transformador, que sería aquel que “compra leite cru de vaca aos produtores para tratala ou transformala, podendo comercializar -vender- a outros compradores unha parte do leite adquirido, sempre que estas vendas non constitúan a súa actividade principal”.

E doutra banda, estaría o primeiro comprador comercializador, que é o que compra leite aos gandeiros para “comercializar -vender- a outros compradores sen realizar ningunha transformación sobre a mesma”.

Volumes mínimos de leite recollido: no quinto ano deberán alcanzar un mínimo anual de 10 millóns de quilogramos

Para estes últimos, o borrador do Real Decreto establece uns requisitos de volume de recollida para obter a autorización.

En concreto, deben “comprometerse a realizar compras por un volume conxunto igual ou superior a 5 millóns de quilogramos de leite ao ano, ou nun período de doce meses”.

O devandito volume irase incrementando a razón de 1 millón de quilogramos ao ano, ata alcanzar os 10 millóns de quilogramos no quinto ano.

Con todo, o borrador establece que “excepcionalmente, e a criterio da autoridade competente -neste caso a Comunidade Autónoma-, por motivos de dispersión xeográfica dos produtores, insularidade, recolección de leite destinado en parte a un produción local ou amparada por algunha figura de calidade ou por calquera outro motivo xustificado, estes volumes poderán ser inferiores aos determinados con carácter xeral”.

Declaracións obrigatorias das cantidades e prezos a outros compradores

Outra das novidades é que, ademais das declaracións obrigatorias do volume e do prezo do leite comprado aos produtores, como xa recolle o Real Decreto 319/2015, o borrador establece que “o primeiro comprador estará obrigado a declarar ao sistema unificado de información do sector lácteo (INFOLAC), na forma que se estableza, as cantidades vendidas mensualmente a outros compradores con indicación do prezo”.

Neste sentido, a declaración comprenderá as cantidades totais mensuais vendidas a cada comprador e o prezo medio ponderado recibido de cada comprador, sen incluír no mesmo o IVE nin outros impostos.

Como conseguir a autorización para ser primeiro comprador?

Segundo o borrador, “todos aqueles primeiro compradores que xa estivesen inscritos como tales operadores autorizados polo Ministerio (..) quedarán automaticamente incorporados como compradores autorizados”.

Para aqueles primeiro compradores que estivesen en activo pero non autorizados polo ministerio a data do 31 de marzo de 2015, “terán un prazo de dous meses para obter a devandita autorización”, presentando a solicitude ante a Comunidade Autónoma na que resida o solicitante.

E os primeiros compradores que inicien a súa actividade con posterioridade á entrada en vigor deste Real Decreto, terían que solicitala dous meses antes de iniciar a actividade.

Perda da autorización de primeiro compradores

O borrador de Real Decreto tamén establece os casos nos que o primeiro comprador perderá a súa autorización.

Así, a autoridade competente -Comunidade Autónoma- poderá retirar a autorización “cando o primeiro comprador comercializador non alcance as cantidades mínimas establecidas en dous períodos consecutivos de 12 meses, ou cando non alcance polo menos o 80% da cantidade establecida correspondente a un período de 12 meses”.

Tamén perderá a autorización cando “transcorra un período de 24 meses consecutivos sen que o primeiro comprador transformador realizase compras de leite a produtores”.

E no caso de que os primeiros compradores, tanto comercializadores como transformadores, non realizasen compras de leite en 12 meses a súa autorización considerarase en suspenso. Neste caso, se o primeiro comprador desexa renovar as compras no transcurso dos 12 meses seguintes, deberá comunicalo á autoridade competente e volverá considerarse en activo desde a data na que se declare a primeira compra.

Por último, o primeiro comprador tamén perderá a autorización no caso de que sexa obxectivo de sancións reiteradas no ámbito dos plans de control.

Se perde a súa autorización, o primeiro comprador terá que seguir recollendo leite ao produtor ata que venza o contrato

Para protexer aos produtores ante a perda da autorización para operar por parte dun primeiro comprador, o borrador de Real Decreto establece que “con independencia da data de perda da autorización, esta manterá a súa vixencia para os efectos das compras aos produtores, ata o final do prazo de vixencia do contrato que tivese establecido con cada produtor, e en todo caso ata o final do mes seguinte ao da súa notificación ao comprador”.

Así mesmo, recóllese que a autoridade competente “notificará de inmediato a perda da súa autorización aos produtores do seu ámbito que realicen entregas ao primeiro comprador afectado”.

Descarga aquí o borrador do Real Decreto de Primeiros Compradores lácteos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información