Avance das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Celebraranse o 12 e 13 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo. Este ano centraranse no cultivo de forraxes, mercado de materias primas ou os cambios no ICO.

Avance das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

Xornada de Seragro do pasado ano

Os organizadores das 13.ª Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro –que se celebrarán os días 12 e 13 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo– están traballando na elaboración dun programa o máis atractivo e útil posible para os gandeiros galegos, polo que este ano decidiron apostar por unha temática directamente relacionada coas especificidades do sector leiteiro en Galicia.

Cultivo de forraxes e mercado de materias primas

Albert Porte Laborde volverá formar parte deste foro e impartirá unha charla na que repasará os aspectos básicos relacionados co cultivo de millo, dende o laboreo das terras ata a sementeira e a fertilización, todas elas partes cruciais do proceso pero ás que moitas veces non se lles presta a debida atención e que, segundo este enxeñeiro agrónomo francés, poden condicionar en gran medida o éxito ou o fracaso da colleita.

Xunto co millo, tamén se abordará o cultivo da herba, de novo dende un punto de vista agrícola. Así, farase unha revisión dos aspectos clave do manexo da sementeira das pradeiras, dende a preparación das terras e a súa fertilización ata as variedades recomendadas en cada caso. Ademais, nesta exposición trataranse de buscar os posibles erros que condicionan a problemática dos silos de herba en Galicia.

Charla sobre os aspectos clave na sementeira de pradeiras

Vinculada co ámbito alimentario estará tamén a participación de Iván Álvarez Bajo, socio e fundador de Asegrain, unha asesoría agraria con sedes en León, Zaragoza e Madrid especializada na intermediación da compra e da venda de cereais e demais materias primas agrícolas. O obxectivo desta charla, dadas as repercusións económicas que as subas e as baixadas dos prezos dos pensos teñen sobre o custo produtivo das explotacións, será coñecer algo máis sobre o funcionamento deste mercado, as flutuacións dos prezos e os factores que as poden inducir.

Seguindo co fío das materias primas, ás xornadas asistirá Bruno Beade García, da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), a cal persegue garantir a seguridade alimentaria dos pensos comercializados. Neste sentido, o relator explicará a metodoloxía empregada e as probas realizadas ás materias primas que se utilizan para a elaboración de pensos destinados ás explotacións.

A experiencia diaria de tres ganderías galegas e os cambios no ICO
Ao igual que o ano pasado, no encontro terá cabida unha exposición conxunta a cargo de representantes de tres ganderías galegas, que compartirán co auditorio as súas experiencias e puntos concretos do manexo diario das súas explotacións. Trátase de granxas nas que o sistema de muxido e o tipo de estabulación, nalgún caso, condicionan o resto das tarefas habituais. Esta presentación permitiranos ver as principais diferenzas no manexo entre un establo canadense cun sistema de muxido mediante un circuíto en liña alta, unha estabulación libre cun muxido traseiro e unha granxa con muxido robotizado.

 Abordarase como mellorar a xestión da man de obra externa nas granxas

Por outra banda, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a conferencia de José Antonio Jiménez, xefe do Departamento Técnico de Conafe, sobre os cambios que experimentou o ICO español, coa inclusión de caracteres funcionais e coas modificacións dos pesos relativos de cada un dos caracteres que o conforman. Jiménez fará unha comparación do ICO cos índices empregados noutros países, de xeito que os gandeiros o teñan máis doado á hora de tomar decisións.

A todo isto engádese un traballo de campo realizado por Serago SCG que aborda un problema recorrente nas granxas: a man de obra externa. Para a obtención dos resultados, que serán expostos polo veterinario Víctor Manrique, elaboráronse enquisas que permitiron coñecer os puntos críticos na relación entre xefes e empregados. Cos resultados preténdese reducir a inestabilidade que acontece nas explotacións motivada por tal feito.

Outros temas

Para pechar o programa de conferencias, o equipo organizador está xestionando a presenza dun experto que faga unha análise da evolución do consumo de lácteos en España, recompilando tamén certa exemplificación das continuas agresións que, dende numerosos ámbitos da sociedade, se lanzan contra o leite e presentando, por último, todas as bondades que este alimento de primeira necesidade ofrece.

Tampouco faltará a celebración dunha mesa de debate en cuxa configuración se está traballando e na que se abordará a situación actual do mercado do leite en Galicia e en España, así como as perspectivas de futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información