Auguran unha “transformación extraordinaria” do sector gandeiro coa dixitalización e o big data

Máis de 150 profesionais do sector gandeiro de Galicia abordaron en Santiago os últimos avances en produción gandeira, nutrición animal e fabricación de pensos nunha xornada técnica organizada pola Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso ( FITP)

Auguran unha “transformación extraordinaria” do sector gandeiro coa dixitalización e o big data

De esquerda a dereita,. Bruno Beade, director de Agafac; José Balseiros, director xeral de Gandería da Xunta; e José María Fernández Monje, vicepresidente de Agafac

Sensores que miden en tempo real os niveis de humidade, CO2, a temperatura e o consumo de auga ou que permiten saber a cantidade diaria de penso que come cada animal son algunhas das aplicacións que introducen as novas tecnoloxías nas explotacións gandeiras, que vivirán unha auténtica revolución tecnolóxica en menos dun lustro.

Así o afirma Carlos Piñeiro, experto en xestión de datos e análises da produtividade no sector gandeiro, que esta mañá participou en Santiago na “XX Xornada Técnica Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso ( FITP)” á que asistiron máis de 150 representantes do sector en Galicia.

A entidade, creada pola Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos ( Agafac), abordou durante o encontro, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos, os últimos avances en produción gandeira, nutrición animal e fabricación de pensos e reuniu a destacados expertos nas distintas materias. O vicepresidente de Agafac, José María Fernández Monje, inaugurou o acto.

“As granxas dixitalizadas non son ciencia ficción e as súas vantaxes son extraordinarias”

No seu relatorio “Bioseguridad e control ambiental nas explotacións gandeiras”, Piñeiro mostrouse convencido de que no próximos catro anos “haberá un cambio extraordinario” nas explotacións galegas e do resto de España porque a transformación dixital é imparable e o uso do Big Data no sector xa é unha realidade.

“As granxas dixitalizadas non son ciencia ficción e as súas vantaxes son extraordinarias, tanto en niveis de produción como na saúde dos animais, do seu benestar”, explicou tras destacar a importancia de que as explotacións, granxas e cooperativas cumpran as normas de bioseguridade en favor do benestar animal. “Aqueles gandeiros máis disciplinados neste aspecto teñen os seus animais máis sans, menos mortalidade e un maior rendemento produtivo”, subliñou o técnico.

gmp. Galis, o mellor sistema de seguridade alimentaria

Durante a xornada, Mariano Gorrachategui, presidente da Comisión Técnica da Confederación de Fabricantes de Alimentos Compostos ( Cesfac), abordou as novas técnicas en control de calidade e o seu efecto na optimización de procesos. Neste sentido, destacou que a seguridade alimentaria será maior canto máis controis se fagan e máis axiña se realicen.

“Os controis deben estar presentes en todas as fases do proceso para obter niveis nutricionais óptimos”, lembrou Gorrachategui, á vez que sinalou que as plantas e fábricas de pensos están cada vez máis automatizadas. Na súa intervención, tamén encomiou os esforzos do sector no campo da seguridade alimentaria e asegurou que Galicia, “ten un dos mellores, senón o mellor, sistema de España, o gmp. Galis”, de Agafac.

Pola súa banda, Rubén Miranda, profesor da Universidade de León, disertou sobre a microbiota intestinal, mentres que José Francisco Pérez, da Universidade Autónoma de Barcelona, pronunciou a conferencia “Aditivos fitoxénicos na alimentación de animais monogástricos”.

Finalizada a presentación dos relatorios e informes, a xornada pechouse cun debate coa participación dos asistentes á xornada, cuxo acto de clausura presidiu o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

 

Sobre Agafac

Agafac é unha organización profesional constituída para defender os dereitos dos fabricantes galegos. Forman parte da entidade 29 empresas cuxa fabricación representa máis do 85 por cento das toneladas de pensos que se producen en Galicia. A asociación ten desde 2005 o seu propio sistema de seguridade para controlar as materias primas: chámase gmp. Galis e conta co aval da Xunta de Galicia, que tamén realiza as súas propias análises, tal e como marca a lexislación vixente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información