“Ata comezos do XX nas cidades o viño era máis saudable que a auga”

Resumo do relatorio de Xabier Castro, profesor de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, que repasou a historia das prácticas erróneas na elaboración do viño. A “bendición” do viño con auga ou a utilización de touciño e xeso na fermentación chegaron a ser prácticas habituais no pasado.

Publicidade
“Ata comezos do XX nas cidades o viño era máis saudable que a auga”

Xabier Castro Pérez

“O viño ata hai ben pouco era un alimento básico para a poboación en Galicia e máis seguro sanitariamente ca a auga nas vilas e cidades, por moito que con bastante frecuencia estivese adulterado”. Con estas verbas Xabier Castro Pérez, profesor de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, resumiu o papel crucial do viño na sociedade galega tradicional. O profesor da USC participou este venres na xornada sobre viticultura organizada na Semana Verde de Galicia Abanca polos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas.

Xabier Castro iniciou a súa charla lembrando que na sociedade galega tradicional o viño ocupaba un papel central: “O viño ante todo era un alimento esencial, ata o punto de que en moitos concellos estaba exento de impostos”. Tamén era un ingrediente imprescindible das fórmulas terapéuticas elaboradas polos menciñeiros, “que atendían a case o 90% da poboación”. “Tanto era así -engadiu o profesor compostelán- que a propia medicina científica avalou ata hai 40 anos os viños medicinais ou medicamentosos, recomendados especialmente para levantar os azos ás parturentas e para darlle vitalidade aos nenos”. E iso malia que estes viños, con entre 18 e 20 graos de alcohol, “a veces estiveran reforzados con extractos de carne ou de ferro”.

Ademais, Castro lembrou que “o viño era tamén fundamental para os labregos, xa que coas súas calorías era o que lles daba azos para aturar o frío e as duras tarefas do campo”. Ademáis, era un elemento imprescindible para a liturxia, polo que a Igrexa promoveu a través dos foros o seu cultivo en Galicia dende a Idade Media.

Pero xunto á súa importancia na vida cotiá, como elemento de socialización masculina e na misa, Xabier Castro salientou que o viño “tamén era crucial para os grandes momentos da vida: “Así, cando unha parella se daba palabra de matrimonio, facíano tomando unha fecha de viño xuntos; era co que se pechaban os tratos nas feiras ou co que se celebraba o albaroque ou remate da construción dunha casa”.

“O bautizo do viño estaba xeneralizado”

Sen embargo, ao tratarse dun alimento tan demandado e escaso, a súa adulteración era bastante frecuente. “O máis común era engadirlle auga ao viño para que medrase”, explicou Xavier Castro. Isto levou a ordenanzas municipais que prohibían que houbera auga nas tabernas, “e no caso da cidade de Pontevedra o concello chegou a establecer que só houbese un barril de viño por taberna, para evitar tamén que se mesturasen viños de diferentes calidades”. Deste xeito, no Quixote de Cervantes nun dos capítulos o fidalgo manchego pide na taberna “que o viño sexa moro, non bautizado”.

En canto ás variedades, o profesor da Universidade de Santiago lembrou que “para a mentalidade tradicional o viño que alimentaba era o tinto, e por iso era o máis cultivado”. Había excepcións como no caso do Ribeiro, “porque estaba orientado cara a exportación a Inglaterra, onde a xente prefería o viño branco”. Sen embargo, co abandono da exportación ás illas Británicas, en beneficio do Porto e Xerez, no Ribeiro reorientouse a produción cara as variedades tintas, as máis demandadas polo consumo local, ao igual que en Rías Baixas coa variedade espadeiro, e “só nas últimas décadas, coa recuperación das castes autóctonas, volveu ser preponderante o cultivo de variedades brancas”.

“O viño nas cidades era máis saudable que a auga”

A preferencia da poboación por viños tintos e fortes, con máis pouso e corpo, levou, segundo relatou Xabier Castro, “a engadirlle ao viño no proceso de fermentación touciño, xeso e outros compostos”. “Isto fixo que a Sociedade Económica de Amigos do País denunciase estas adulteracións polo prexuízo que supuñan para a saúde pública”, asegurou. Non era casual, por tanto, que nos anuncios en prensa de adegueiros ao longo do século XIX e comezos do XX “se insistise como reclamo publicitario en que o viño era puro, non adulterado”.

Malia a frecuencia das adulteracións, o profesor da USC subliñou que “a xente, sobre todo nas cidades e vilas, mercaban e consumían viño porque consideraban que era máis seguro como bebida que a auga”. E é que, segundo explicou Xabier Castro, “debemos ter en conta que era moi común a contaminación das augas por filtracións de pozos negros e estercos, que contaminaban as fontes de auga, provocando numerosos casos de tifus”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información