A Asociación Terra e Leite demanda un pacto galego e un plan estratéxico para o sector lácteo

O colectivo presentou hoxe as conclusións da xornada “Propostas para o sector lácteo galego do futuro”. O paquete de medidas abrangue desde a produción ata a distribución, a internacionalización ou a transformación para un sector que produce o 38% do leite de España e ten un impacto no PIB superior ao sector forestal ou o dobre que téxtil e moi preto do da automoción

A Asociación Terra e Leite demanda un pacto galego e un plan estratéxico para o sector lácteo

De esquerda a dereita, José Manuel Andrade, José Turnes e César Resch

A Asociación Galega Terra e Leite presentou esta mañá na Coruña a memoria sobre as conclusións e propostas recollidas durante a xornada “Propostas para o sector lácteo galego do futuro”, celebrada o pasado decembro de 2017 na sede da Fundación Juana de Vega. Un documento baseado na recompilación das conclusións máis salientables e as 21 propostas que se rexistraron durante as xornadas, e que se debullou nunha comparecencia á que asistiron o presidente da Asociación Galega Terra e Leite, Xosé Turnes Paredes; o secretario da asociación e profesor da Universidade da Coruña, José Manuel Andrade Calvo; o doutor en produción leiteira e investigación, César Resch Zafra, e Xusto Sánchez, gandeiro e membro da xunta directiva da asociación.

O documento contén unha gran lista de propostas para facer fronte a desafíos como a volatilidade dos prezos nos mercados internacionais, a ampliación da base territorial das explotacións ou a modificación da política agraria comunitaria. Como proposta xeral, destacouse a necesidade de elaborar un plan estratéxico para o sector lácteo galego, liderado pola Xunta de Galicia contando coa implicación e o compromiso de todos os axentes involucrados na cadea de valor. Neste documento explícase como ese plan debe comprender medidas coherentes para o fortalecemento dos tres niveis da cadea de valor do sector: produción, industria e distribución, ademais de recursos orientados a unha verdadeira e efectiva organización da cadea láctea.

“O plan estratéxico debe estar liderado pola Xunta contando co compromiso de todo o sector”

“A produción en Galicia é moi potente, pero ten debilidades como as eivas no tecido industrial ou moitos déficits no canal de distribución”, sinalaba Turnes, para admitir que se ben “sabemos que cambiar as cousas é moi complicado”, urxe recuperar o peso político que tiña o sector leiteiro, así como ocupar o lugar que lle corresponde neste ámbito tendo en conta que constitúe o 1,85% da riqueza en Galicia, por enriba do sector forestal, duplicando o téxtil e moi próximo á industria do automóbil”. Datos aportados por José Manuel Andrade, que máis aló dos balances económicos, destacaba o impacto do leite en aspectos como o mantemento da superficie agraria en moitas comarcas de Galicia, onde precisamente o sector lácteo é a base do sostemento económico e demográfico. Como debilidades Andrade citaba a escasa dimensión de base territorial das explotacións, o que as fai moi dependentes, con 8 hectáreas de media fronte ás 16 de territorios como Asturias ou Cantabria, ou as máis de 50 Has de Francia ou Alemaña.

Preocupación polo peche de explotacións, que noutros países se alugarían

Tamén estima preocupante o peche das explotacións, que noutros países estase a paliar con plans para vinculalas a non familiares da propiedade, de xeito que non quede abandonado todo ese investimento en maquinaria e equipamentos. Outra constante é a vulnerabilidade do sector en Galicia á volatilidade dos prezos, alimentada por unha política de cotas que rachou o equilibrio na produción e tirou os prezos.

Así as cousas, a asociación nas súas conclusións considera necesario tomar medidas para a revalorización do leite envasado, para a diversificación da produción industrial cara á elaboración doutros produtos frescos, queixos e outros produtos industriais, así como un aumento da capacidade de regulamento en produtos industriais e a capacidade exportadora do sector. José Manuel Andrade, manifestou tamén a necesidade de orientar os apoios públicos a aquelas industrias viables e a o desenvolvemento de novos produtos e acceso a novos mercados. Asemade reclamou accións de política industrial orientadas a captar investimento privado para a implantación en Galicia de proxectos industriais, tal e como se fai por exemplo no sector naval ou no do automóbil.

“Na maioría de casos non fan falla grandes investimentos senón utilizar o sentido común e elaborar un plan estratéxico común e compartido por todos”, afirmou Xosé Turnes, presidente da asociación, que reclama un pacto de estado que equipare o peso do leite ao seu papel estratéxico.

Conclusións e propostas da xornada

“Propostas para o sector lácteo galego do futuro”

A continuación reprodúcense as conclusións máis salientables e vinte e unha propostas que saíron da xornada que tivo lugar o día 1 de decembro de 2017, na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros (A Coruña), organizada pola Asociación Galega Terra e Leite.

Conclusións

No que atinxe ao contexto ou marco xeral do sector lácteo galego

1. Constátase a importancia do complexo lácteo (actividades de produción e transformación industrial do leite) na economía galega: este aporta o 1,85% do PIB, un peso semellante ao do complexo pesqueiro (2,2%) ou ao complexo da madeira (1,8%), que case duplica o da industria téxtil e confección (1,1%) e non moi lonxe do da industria do automóbil (2,8%). A nivel nacional o complexo lácteo achega 11.820 millóns de euros e dá emprego a unhas 80.000 persoas.

2. Resáltase unha debilidade estrutural do complexo: a carencia dunha industria á altura do sector produtor, o que non ten visos de mudar a curto prazo pola súa orientación cara a derivados simples de escaso valor engadido.

3. En canto ás características das explotacións galegas, destacouse a súa reducida base territorial, a súa intensificación e a dependencia de alimentos comprados e en alternativas millo forraxeiro/raigrás anual, fronte a unha limitada produción doutros cultivos agrícolas, que resulta nunha baixa dispoñibilidade de palla e subprodutos. Tamén se destacou a elevada calidade do leite producido no país.

4. Destácase como preocupante o descenso dun 35% no período 2010-2016 do número de explotacións pola falta de relevo xeracional. Apúntase que isto se vai a incrementar no futuro con dous factores limitantes engadidos: a necesidade de investimentos e a falta de terras.

5. No proceso de eliminación do réxime de cotas non se cumpriron as previsións de ter un mercado equilibrado na UE, non houbo por tanto unha “aterraxe suave” como se prevía.O aumento da produción foi superior ao estimado (+7,2%), e este non foi absorbido polo aumento das exportacións, o que levou a unha crise severa de prezos desde mediados de 2014 ao final de 2016, con elevados stocks de LDP (Leite desnatado en po) e en menor medida de queixos.

6. No que respecta á dinámica do mercado internacional, constátase unha elevada volatilidade de prezos, xa que pequenos desequilibrios entre oferta e demanda provocan elevadas variacións de prezos (un desaxuste do 1% en cantidade ocasiona variacións do 3/4 % nos prezos), que van ser recorrentes no futuro.

7. No canto das previsións para o consumo de produtos lácteos a medio prazo (10 anos), prevese un aumento máis elevado en países en desenvolvemento, pero menos que nos últimos anos, e de xeito moi diferente por grupos de produtos (menor en frescos e máis elevado en produtos industriais), aínda que sobre isto hai un elevado grao de incerteza.

8. O mercado español é o mercado de referencia para o leite de Galicia. A súa evolución recente vén caracterizada por un crecemento importante da produción, un estancamento do consumo doméstico e unha certa mellora do comercio exterior (onde se reduciu o déficit), pero insuficiente para absorber o aumento da produción. En consecuencia apareceron as primeiras sinais de excedentes estruturais, acumulándose estes na industria láctea (unhas 130 mT adicionais no 2015 s/2013), e parte do leite acóllese ó réxime de intervención, onde seguen almacenadas 40 mT de leite en forma de LDP.

9. Constátase a falta dunha estratexia para o sector lácteo por parte dos axentes privados do sector e as Administracións Públicas responsables. Falta un plan para o conxunto de España, pero sobre todo para Galicia, que debería estar feito hai anos para facer fronte aos cambios no mercado e a desaparición das cotas. Cítanse a modo de exemplo os de outros países, como o de Irlanda, que derivou nun elevado volume de investimentos en novas plantas industriais, ou mesmo Francia, Italia e Reino Unido.

10. Neste contexto de volatilidade de prezos e da dinámica dos mercados, considérase necesaria e imprescindible a consolidación de relacións estables e máis equilibradas entre gandeiros e industrias, e tamén un reequilibrio do poder de negociación entre industrias e distribución. As medidas do denominado “paquete lácteo” estaban orientadas a acadar estes obxectivos pero non o lograron ata agora, polo que é necesario repensar o seu contido e mecanismos de aplicación para que contribúan realmente á mellora da organización da cadea.

11. Constátase, coas gráficas presentadas, que os contratos homologados subscritos en virtude do chamado “paquete lácteo” situaron aos gandeiros e as industrias en España nunha situación de prezos fóra de mercado, especialmente na fase de recuperación dos prezos na UE que se está vivindo desde mediados de 2016. Aínda que se suscitou un debate sobre a orixe desta situación, houbo coincidencia en que os sistemas de indexación e os mecanismos de negociación entre gandeiros e industrias deben levar no futuro a unha maior transparencia e seguridade na fixación dos prezos, partindo sempre de que estes han de evolucionar de acordo coas tendencias do mercado.

12. En canto á evolución do sector industrial en Galicia, constátase que Lactalis está desempeñando un papel de liderado no que afecta á recollida de leite (aumento de 160 mil ton (19%) no período 2012-2016), seguida de Capsa, cun aumento de 120 mil ton (16,4%), representando o leite recollido en Galicia para esta empresa máis do 40% do leite que procesa. Tamén é de destacar a posición que ocupa Reny Picot, que, coas mellores torres de secado en España, está ben posicionada para concorrer nos mercados internacionais; mentres que pola contra destácase a forte caída no peso que Leite Río ten na recollida do leite en Galicia (200 mil ton menos (-47,10%) no período 2012-2016).

Partindo dese diagnóstico , na xornada apuntáronse tamén vinte e unha propostas para o futuro do sector, que se reproducen a continuación.

Propostas:

Para o ámbito da produción (modelo produtivo das explotacións):

As explotacións teñen que adoptar medidas para facer fronte á elevada variabilidade de prezos, que no futuro pode ser mesmo superior á rexistrada nos últimos anos, con ciclos de prezos de intensidade e duración variable, e con posibles limitacións no volume de entregas e un duplo prezo A/B.

Para adaptárense a esta situación, que dependerá dos recursos da explotación, deben controlar os custos de produción de maneira minuciosa, avaliar axeitadamente os investimentos a realizar e o seu retorno, afondar en melloras de produtividade e nas condicións de traballo dentro da explotación.

Para valorizar o produto, deben orientar as características do leite segundo as demandas dos consumidores para así mellorar o valor engadido. Para iso é imprescindible a colaboración estreita entre distribución, industria, produtor e centros de investigación.

Ampliar a base territorial das explotacións para mellorar a autonomía alimentaria, reducir os custos de produción e evitar a dependencia crecente dos insumos comprados nos mercados internacionais.

Para lograr o anterior é preciso unha implicación clara das Administracións, en particular da Xunta de Galicia, a través dos mecanismos do Banco de Terras, dotándoo de medios humanos e técnicos. Mesmo se reclama de todos os partidos políticos un pacto polo territorio, no que se pode tomar como exemplo o caso de Holanda.

Introducir criterios profesionais de xestión empresarial nas explotacións, xerando autofinanciamento para fortalecer a capacidade de resistencia e adaptación a períodos de prezos desfavorables.

Deben establecer un plan para facer fronte aos retos derivados dos cambios previstos na PAC, orientados ao cumprimento de requisitos ambientais que van penalizar ás explotacións máis intensivas.

Reclámase unha formación integral sobre a produción leiteira e a xestión das explotacións para dar resposta ás novas inquedanzas sociais, tanto no eido ambiental como no consumo.

Para evitar o peche das explotacións por falta de sucesión, reclámanse medidas efectivas para facilitar a sucesión, creando un mercado de explotacións e mecanismos e instrumentos que faciliten e incentiven a incorporación á actividade leiteira.

Reclámase tamén un servizo de asesoramento independente para os gandeiros que estea orientado á mellora da súa xestión integral.

Para o ámbito da industria-distribución e a relación cos produtores:

Para o fortalecemento da industria é necesario equilibrar as relacións da cadea do valor do leite, reclamándose para iso un papel máis activo e convencido das administracións, aplicando de maneira máis áxil e eficaz os mecanismos previstos na lexislación.

Precísase realizar investimentos na transformación industrial de leite cara a produtos de alto valor engadido orientados aos mercados internacionais, así como investimentos orientados a facilitar a regulación en momentos adversos.

Considérase que hai oportunidades adicionais nos mercados exteriores para produtos industriais que non se poden abordar sen unha estratexia de colaboración entre produtores e industria.

Orientar os apoios públicos de maneira máis selectiva cara a proxectos industriais viables, que deben orientarse cara a novas liñas produtivas en derivados de maior valor engadido (diversificación), innovacións nos procesos de produción orientados a redución de custos, e acceso a novos mercados.

A administración debe deseñar accións de política industrial orientadas a facilitar e apoiar a implantación en Galicia de proxectos industriais que aproveiten as nosas capacidades produtivas e faciliten o acceso aos mercados internacionais. Considérase que un ecosistema industrial que conecte cos mercados internacionais, favorece tamén o desenvolvemento de proxectos locais de alto valor engadido como os queixos das D.O., produtos ecolóxicos, artesanais, e outros produtos innovadores ao redor do leite.

Outras medidas para a organización e o fortalecemento do sector:

Reclámase un cambio na estratexia da distribución en relación co sector lácteo , para que deixe de empregar o leite como produto reclamo orientado a traspasar valor cara a outros produtos.

Considérase imprescindible unha modificación do “paquete lácteo” co fin de eliminar as asimetrías existentes nas negociacións produtores-industria-distribución. Iso debe acompañarse da aplicación de índices de referencia para a negociación dos prezos aceptados polas partes e que respondan á dinámica dos mercados, co obxectivo de lograr unha distribución equitativa do valor ao longo da cadea. Mentres se manteñan as asimetrías actuais vai resultar moi difícil a aplicación de índices nos contratos entre gandeiros e industria.

Reclámase unha maior flexibilidade na constitución das OPL para que sexan realmente eficientes na negociación dos contratos.
Para anticipar posibles crises de prezos, os actores do sector deben establecer mecanismos de seguimento dos mercados elaborados a partir de diferentes fontes de datos (Contratos de futuros de Chicago, datos de Global Dairy Trade, evolución mensual das producións dos países exportadores, evolución do censo de vacas de recría), así como de informes varios (Rabobank, CLAL Italia, ZMP Alemaña, Observatorio do mercado de leite en perspectivas a curto prazo da U.E., entre outros.

Deben aplicarse accións para o fomento do consumo de leite e derivados lácteos no mercado español, aspecto no que, ademais das campañas realizadas polas Administracións, debe sobar un papel central a INLAC.

Como proposta xeral, pode destacarse a necesidade de elaborar un plan estratéxico para o sector lácteo galego, liderado pola Xunta de Galicia contando coa implicación e o compromiso de todos os axentes do sector. Ese plan, concibido non como un “papel” senón como unha estratexia compartida por todos os actores da cadea, debe comprender ao menos os seguintes puntos:

-Medidas coherentes para o fortalecemento dos tres niveis da cadea de valor do sector: produción, industria e distribución.
-Medidas orientadas a unha verdadeira e efectiva organización da cadea láctea baseadas nun enfoque win to win.
-Medidas para a revalorización do leite envasado, para a diversificación da produción industrial cara á elaboración doutros produtos frescos, queixos e outros produtos industriais.

-Medidas orientadas a aumentar a capacidade de regulación en produtos industriais e a capacidade exportadora do sector.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información