A Asociación Forestal de Galicia celebra este sábado a súa Asemblea Xeral

O colectivo debatirá sobre as medidas de prevención contra o lume. O evento, que se desenvolverá en Forcarei, incluirá un coloquio sobre as perspectivas da industria da madeira

A Asociación Forestal de Galicia celebra este sábado a súa Asemblea Xeral

Madeira de castiñeiro en aserradoiro. / Arquivo.

O Mosteiro de Aciveiro (Forcarei, Pontevedra) acollerá este sábado 1 de xuño a XXXIII Asemblea Xeral da Asociación Forestal de Galicia (AFG), un evento no que se darán cita comunidades de montes veciñais e propietarios forestais particulares de toda Galicia. A Asemblea, que se celebrará a partir das 10.30 horas do sábado, ten entre os seus puntos de debate a análise das distancias mínimas que deben respectar as repoboacións forestais.

As comunidades de montes e propietarios socios da AFG debatirán sobre as medidas de prevención contra os incendios forestais, estando prevista a adopción de resolucións sobre esta materia. A celebración da Asemblea, que se desenvolverá na mañá do sábado, está circunscrita ós socios da Asociación Forestal, se ben á tarde, tralo xantar, celebrarase un coloquio aberto entre propietarios forestais e empresarios da industria da madeira.

O coloquio da tarde, que comezará ás 16 horas, leva por título ‘O monte galego e a industria da madeira’. O obxectivo do acto é afondar no horizonte da industria galega da madeira e sobre as repercusións das súas perspectivas de futuro no monte galego.

Participarán no coloquio o conselleiro delegado de FINSA, José Carballo, que abordará a situación da madeira de piñeiro; o presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias, que falará sobre o papel estratéxico da cadea forestal; e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, que tratará a importancia da innovación e a formación ó servizo dos forestais.

O acto rematará con visitas guiadas diurnas e nocturnas ó Observatorio Astronómico de Forcarei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información