A Asociación Agraria de Galicia pide a apertura dos mercados gandeiros

As feiras semanais de Silleda, Amio e Castro atópanse clausuradas desde mediados de marzo. A Xunta confiou a saída do gando aos tratantes, pero Asaga considera que son "vellos métodos moito menos rendibles"

becerros Mercado de Castro

Becerros pintos no Mercado de Castro Riberas de Lea, que se celebraba os mércores

A Asociación Agraria de Galicia vén de trasladarlle ao Ministerio de Agricultura unha petición formal para que se reabran os mercados gandeiros, tanto na nosa comunidade como no resto do Estado. “Actualmente, ao non poder empregar esta canle comercial algúns gandeiros comezaron a distribuir os seus becerros a través de vellos medios de venda que son moito menos rendibles”, asegura Asaga, un colectivo herdeiro do antigo Xóvenes Agricultores.

Os tres mercados de referencia en Galicia, os de Silleda, Amio e Castro Riberas e Lea, atópanse pechados desde mediados de marzo, aínda que a súa clausura non se debeu á declaración do Estado de Alarma por parte do Goberno central, senón como consecuencia da Emerxencia Sanitaria declarada con anterioridade pola Xunta de Galicia e, de feito, o Mercado de Gando de Pola de Siero, en Asturias, seguiu operando a semana seguinte á declaración do Estado de Alarma (mentres os tres mercados galegos se atopaban xa pechados) até que o conselleiro do Medio Rural, José González, trasladou unha queixa formal ao ministro de Agricultura nunha videoconferencia celebrada o día 19 de marzo.

A Xunta argumentaba que deixar o mercado nas mans dos tratantes resolvería o problema, pero a realidade a día de hoxe é que os becerros pintos están saíndo das explotacións leiteiras en moitos casos mesmo sen prezo.

Ao non poder empregar esta canle comercial, algúns gandeiros comezaron a distribuir os seus becerros a través de vellos medios de venda que son moito menos rendibles

“Durante un tempo aceptouse esta situación ante a crise ocasionada polo coronavirus, pero agora que comezamos a coñecer o plan de desescalada, e que o número de novos contaxios está descendendo diariamente en Galicia e en España; entendemos que chegou o momento de tomar medidas que permitan ir recuperando a actividade normal dos profesionais do sector agropecuario”, asegura Asaga.

Un dos primeiros pasos que se debe dar nesa liña é a reapertura dos mercados gandeiros, considera a asociación. “Evidentemente, esa iniciativa debe desenvolverse esixindo todas as medidas de seguridade necesarias para que a saúde dos traballadores e os usuarios dos mesmos non se vexa afectada. Se todos respectan as indicacións sanitarias que se marquen, non debería haber máis riscos que os que se corren cando se vai realizar a compra de alimentos, combustible ou medicamentos”, argumentan.

O panorama que se aveciña é duro. Nas granxas de leite galegas estanse acumulando as vacas de desvelle e os xatos recén nacidos. Por outro lado os costes de produción están subindo. Por exemplo o leite maternizado costa un 20% máis e o penso 12€ máis por tonelada

“Sería importante que o Ministerio dese a orde de reapertura o antes posible, porque os becerros estanse acumulando nas explotacións e cada vez hai menos espazo libre nas mesmas. Nos cebadeiros tamén precisan ir incorporando novas cabezas de gando para comezar coas seguintes quendas de cebo”. engaden.

Reclama á Xunta un plan de axudas para os profesionais do sector agrogandeiro afectados pola caída de prezos e de vendas

Por outra parte, a Asociación Agraria de Galicia quere incidir na difícil situación á que se están enfrentando moitos gandeiros e agricultores. “A crise sanitaria vai dar paso a unha dura crise económica global, que está claro que rematará prexudicando tamén a este sector.

As consecuencias poderían comezar por unha máis que posible baixada do prezo dos alimentos e pola caída do consumo dalgúns produtos. Ante este problema, a Consellería do Medio Rural debería deseñar e desenvolver un plan de axudas para todos os profesionais do sector afectados”, aseguran. Asaga xa lle trasladou ao conselleiro hai unha semanas unha serie de peticións, entre as que destacan as seguintes:

– Que a Xunta de Galicia abone todas as cantidades pendentes de cobro de axudas públicas por parte dos profesionais e empresas do sector agrogandeiro para lograr unha inxección de liquidez inmediata. Por exemplo, as axudas de plans de mellora e incorporacións de mozos, as da PAC, as primas de sacrificio, ou as axudas para proxectos de desenvolvemento rural.

Asaga pide que se abonen de xeito inmediato as axudas de plans de mellora e incorporacións e se estableza unha liña de crédito a interese cero e axudas a fondo perdido

– Establecer unha liña de créditos a interese cero e axudas a fondo perdido e ir buscando saída para os canais de carne de vacún en todos os mercados posibles. “O consumo de carne xa empeza a baixar. Na restauración a caída é de máis do 80% e nos fogares xa empeza a notarse, aínda que a caída máis forte será nas vindeiras semanas e meses. Se a isto engadimos que as exportacións están parando e que nas explotacións de leite galegas estanse acumulando as vacas de desvelle e os xatos recén nacidos; o panorama que se aveciña para o sector cárnico principalmente, pero colateralmente tamén para o lácteo, vai ser moi duro. Poderíamos sufrir unha forte caída de prezos e, consecuentemente, unha gran perda de renda dos titulares das explotacións. Por outro lado os costes de produción están subindo. Por exemplo o leite maternizado costa un 20% máis e o penso 12€ máis por tonelada”, indica Asaga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información