A Asociación Agraria de Galicia organiza a I Xornada de Promoción e Comercialización de Produtos Agrarios

A Asociación Agraria de Galicia organiza a I Xornada de Promoción e Comercialización de Produtos Agrarios

Este xoves celebrouse na Estrada a I Xornada de Promoción e Comercialización de Produtos Agrarios, organizada pola Asociación Agraria de Galicia e que congregou a máis de 60 asistentes.

O presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, abriu as ponencias analizando a nova regulación sobre artesanía alimentaria. “Na nosa organización queremos estar preto dos pequenos produtores. Intentaremos ser o aliado de tódolos agricultores e gandeiros que aposten por elaborar os seus propios produtos, axudándolles en todo o que esté ao noso alcance para que poidan mellorar a súa promoción”, destacou.

Presentación de proxectos agroalimentarios

A xornada continuou coa presentación de cinco proxectos agroalimentarios desenvoltos por emprendedores galegos. Os asistentes puideron coñecer a evolución da empresa lalinense de produtos lácteos artesanais Kalekói, da man do seu xerente, Alex Moure, e a creación da marca estradense de mel Apícola Cañedo, a través do seu propietario, Martín Cañedo.

Tamén explicaron tódolos pasos que tiveron que dar para emprender os seus proxectos Daniel Arza, o xerente de Caurelor, unha empresa de Folgoso do Caurel que elabora produtos artesáns como marmeladas ou crema de castañas; e Carlos Brea, o creador da Cervexa Ecoloxíca Toupiña, que se produce na aldea lalinense de Lagazós.

O anfitrión da xornada, Nicolás Andión, o fundador e dono da Sidrería Camino, ubicada en Moreira (A Estrada), foi o último emprendedor que contou aos asistentes a súa experiencia como elaborador de produtos agrarios artesanais.

Exemplo de éxito

A xornada continuou coa intervención do secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro, que falou de “Promoción, apertura de mercados e internacionalización”.

Animou aos novos emprendedores asegurando que “non hai un tamaño mínimo para que unha empresa exporte. Na D.O. Rías Baixas hai adegas que só elaboran 4.000 ou 5.000 botellas, pero que venden máis da metade da súa produción no estranxeiro con gran éxito”.

Novo PDR

Na clausura do evento, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, destacou que “a Xunta de Galicia está deseñando un novo Plan de Desenvolvemento Rural”. “Para que sexa realmente eficaz, pídovos a tódolos produtores rurais que aportedes a vosa experiencia para que nos axudedes a tomar as medidas necesarias para axudar ao crecemento do medio rural galego”, subliñou.

Ao finalizar a xornada, os asistentes puideron disfrutar dunha degustación de produtos agroalimentarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información