Así se crían os famosos cabalos salvaxes de Sabucedo

A pesar de que os equinos viven en liberdade no monte, requiren un control. Henrique Bazal, presidente da asociación á que pertencen boa parte das bestas cóntanos como é esta xestión que tamén recorre á tecnoloxía

Así se crían os famosos cabalos salvaxes de Sabucedo

Manda de bestas de Sabucedo nos montes. Imaxe: José María Barroso.

Cada ano a comezos de xullo é tempo da Rapa das Bestas na parroquia estradense de Sabucedo. Os cabalos baixan dos montes, conducidos polos aloitadores ata o curro, onde se procede á súa desparasitación e se lle corta a crina. É un saneamento anual dos animais que segue a realizarse como antano. Trátase dun rápido procedemento no curro que realizan varios aloitadores nun corpo a corpo co cabalo, xa que, como asegura Henrique Bazal, presidente da asociación veciñal Rapa das Bestas, á que pertencen a meirande parte dos animais, é o xeito menos agresivo de proceder con estes equinos acostumados a vivir en liberdade nos montes o resto do ano. Para este saneamento empregan unha pasta oral, pola súa eficacia, que foi un dos poucos cambios que se introduciron.

Na rapa córtaselle a crina ás bestas e sanéanse, nun procedemento tradicional para evitar danos ó animal

A Rapa é unha das actividades principais e máis coñecidas na xestión destes cabalos ó ser o momento no que se da control de gran parte deles. Á par, a Rapa, que este ano se celebra entre os días 5 e 9 de xullo, converteuse en toda unha gran festa, catalogada de Interese Turístico Internacional, na que de sempre se implicou toda a parroquia e que gañou adeptos foráneos ano a ano para presenciar esa confrontación de forza entre os aloitadores e as bestas. Pero á marxe da rapa, a xestión destes cabalos salvaxes prosigue durante todo o ano.

As mandas de cabalos

Varios centos de bestas e cabalos viven en liberdade en montes da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Cuntis nunhas 3.000 hectáreas de terreo pertencentes a metade delas á Estrada e o resto repartidos en mans de varias comunidades de montes do resto dos concellos. A falta de que realicen un censo para concretar o número de animais, este ano contan con dez mandas de bestas con macho que viven moi dispersas nestes montes. Calculan que son arredor de 350 exemplares, preto dun cento menos co ano pasado, debido ás baixas sufridas pola falta de alimento e un longo inverno.

Unha das bestas rescatadas este inverno, que nin se tiña de pé.

Unha das bestas rescatadas este inverno, que nin se tiña de pé.

Boa parte da cabana equina de Sabucedo pertence á asociación, coñécese como a cabana de O Santo, doados moitos deles por propietarios ante os cambios de normativa, que obrigan a identificalos con microchip e ter un seguro. “Dende a asociación xa comezamos a colocarlle o microchip no 2000, antes de que fose obrigatorio, pero non resulta un sistema realmente efectivo para identificar a animais que están en liberdade, xa que hai que telos nunha manga para poder pasarlle o lector e saber se teñen dono, co que moitas veces implica que teñan tamén outra marca visual”, detalla o presidente da asociación.

A escaseza de alimento, pola falta de limpeza do monte e a dureza deste inverno, reduciu o número de equinos

Apenas comercializan con estes cabalos, posto que carecen de carta que os catalogue como pura raza galega, pese ós seus esforzos por manter a raza tradicional. Os prezos son realmente baixos. “Chegaron a venderse cabalos por 80 ou 50 euros”. Venden os machos enteiros, unha vez ó ano cando pasan dos doce meses. Só quedan os machos máis novos que naceran nese ano e un ou dous exemplares de máis idade, para garantir a renovación. “Facémolo por ter un control da poboación”, puntualiza.

O manexo das mandas tamén implica que en ocasións teñan que introducir un macho no grupo ó detectar que non hai. Adoitan facelo ó comezo da época de celo das bestas. Suben ó monte por dúas femias que deixarán cun macho durante preto dun mes nun dos dous peches de maior tamaño dos que dispoñen para que se vaian adaptando antes de que regresen ó monte. Un procedemento que adoita ser efectivo, aínda que este ano non funcionou como agardaban con dúas desas mandas.

Escaseza de alimento

Este ano a falta de alimento, derivado en gran medida pola falta de limpeza do monte e as condicións meteorolóxicas adversas deste inverno, fixeron que descendese o número de equinos nos montes. “Viñamos dun verán moi seco que arrasou con boa parte do alimento e o inverno foi moi longo, con moita chuvia, polo que non tiñan zonas onde procurar comida”, explica Bazal. Moitos cabalos non conseguiron sobrevivir pese ós esforzos dos membros da asociación que rescataron no monte varios moi débiles. “Co frío e a chuvia paralízanse e nin comen, quedan entumecidos, o que dificulta incluso localizalos”, detalla Bazal.

Ante a falta de alimento, este ano adquiriron herba seca. “Tamén probamos con palla, pero case non a comen e ante tanta escaseza acabamos mercando rolos de herba seca a 45 euros”, recorda Bazal. Por iso, este ano xa contemplan mercala con anterioridade aínda que ante a falta dunhas instalacións onde poder gardala deberán plastificala.

Bestas que entraron nunha finca particular.

Bestas que entraron nunha finca particular.

“A situación do monte é tan mala que este ano chegaron a baixar ós pobos mandas enteiras”, recoñece Bazal

As condicións adversas tamén motivaron que este ano se multiplicase a retirada de reses de moitos dos pobos próximos, onde chegaban na procura de acubillo e comida e remataban causando danos en hortos e fincas. Nestes casos, ante os avisos dos veciños, achéganse a recollelos animais que deixan algúns días nun dos dous peches de 45 hectáreas dos que dispoñen, antes de levalos de novo ó monte. “A situación do monte é tan mala que este ano chegaron a baixar mandas enteiras ós pobos”, recoñece Bazal.

Esta labor é outra das que máis esforzo implica para o colectivo xa que, en ocasións, as alertas son case continuas. “Tentamos ir a sacar os animais o máis rápido posible”, reafirma Bazal. Porén, nalgunha ocasión as incursións en fincas saldáronse coa morte do animal por disparos, segundo rebelan dende a asociación, como aconteceu varias veces en Campo Lameiro.

Cabalo-Sabucedo-morto-

Un dos animais abatidos.

Peche perimetral

Por iso, ante estas reiteradas incursións dos cabalos ós pobos próximos, dende a asociación contemplan un ambicioso proxecto para realizar un peche perimetral das 3.000 hectáreas e reducir así os danos. Unha iniciativa para a que buscan o apoio da Xunta. Polo de agora o proxecto foilles traslado xa a algúns propietarios e comunidades de montes que o respaldaron namentres outras comunidades de montes inicialmente non se mostraron partidarios da proposta.

Desbroces para procurar alimento ás bestas

Nos últimos tempos, dende a asociación están a desbrozalo monte para garantir zonas onde os cabalos poidan contar con alimento, escapar do lobo e acubillarse da chuvia. Cos fondos propios asumiron a limpeza dunhas 40 hectáreas pero buscan aló menos limpar un 10% do monte onde se atopan os equinos. “Hai zonas nas que os toxos alcanzan preto de 4 metros de altura, e que tamén supoñen un alto risco de incendio”. Por iso trasladaron esta petición xa hai meses á Consellería de Medio Rural e ó Concello. “Propuxémoslle que no canto de pagar os desbroces desas 300 hectáreas houbese un tractor e unha persoa dedicada a estes traballos, ó que permitiría tamén que alguén a diario estivese no monte e contribuíse a ter máis localizadas as mandas”, detalla Bazal que describe o despoboamento do que tampouco escapa esta parroquia do rural galego.

Novas tecnoloxías para o manexo

Á marxe destas iniciativas, dende comezos de ano púxose en marcha un proxecto de seguimento dos cabalos con GPS e drons. Una iniciativa de colaboración coa Universidade da Coruña, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a empresa 3EDATA. Esta proposta ten como principal obxectivo facilitar o manexo das mandas e reducir os danos en cultivos e na rede viaria -estes últimos cada vez menos frecuentes-. É unha proposta que conta con financiación europea e que comezou a fraguarse xa a principios do verán pasado cun grupo operativo integrado por diferentes colectivos a prol da continuidade destas poboacións de cabalos salvaxes no monte.

Ó longo destes primeiros meses xa puideron comprobarse os resultados do emprego destas tecnoloxías. A utilización de gps permitiu coñecer as zonas de incursión das mandas e facilita a súa localización. Aínda que agora o primeiro gps que foi colocado xa non está a funcionar posto que estivo emitindo a súa posición con moita frecuencia e esgotou as baterías antes do ano, cando estaba previsto substituílas. Un problema que xa atallaron para os novos gps que colocarán na rapa a outros 19 animais, para contar con dous por manda.

Un dos animais co gps.

Un dos animais co gps.

Tamén probaron xa o emprego do dron pensado tanto para a localización das mandas como para facilitar o manexo. Polo de agora, a falta de máis sesións nas que ir perfeccionando a utilización deste aparello, nas primeiras experiencias resultou difícil tanto localizar as mandas, que se camuflan entre a vexetación como realizar o manexo, polo que incluso valoran incorporar sistema de visión térmica para mellorar estes aspectos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información