Así regulará a Xunta a xestión dos xurros gandeiros nos próximos anos

A Consellería de Medio Rural prevé controlar mediante unha aplicación informática a xestión dos xurros e do esterco en cada explotación gandeira. Para os casos nos que se sobrepase os límites autorizados de fertilización haberá que enviar os xurros a plantas de tratamento. Así se prevé que funcione o sistema

Así regulará a Xunta a xestión dos xurros gandeiros nos próximos anos

A Consellería de Medio Rural ten previsto regular de forma integral a aplicación dos xurros e estercos que se producen nas explotacións gandeiras de Galicia para previr problemas de contaminación medioambiental e para dar aos produtos agroalimentarios galegos un valor engadido de respetuosos co medioambiente, algo que os consumidores poderán verificar a través da tecnoloxía blockchain.

Así se recolle no “Anteproxecto de lei Reguladora do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas en explotacións de Galicia”, a nova norma para regular os xurros e os xurros gandeiros na comunidade e que o Goberno galego prevé que entre en vigor a partir de mediados de 2021, segundo confirman fontes da Consellería de Medio Rural a Campo Galego.

¿Por qué esta normativa e por qué agora?

A xustificación no anteproxecto da lei é clara: “Nos últimos anos obsérvase unha concentración de actividade gandeira intensiva en determinadas comarcas de Galicia. Esta realidade está xerando excedentes de esterco e xurro en determinadas zonas que a agricultura non é capaz de absorber, ocasionando un risco ambiental que é preciso atallar o antes posible, coa finalidade  de previr graves problemas medioambientais que poden derivarse dunha xestión inadecuada de xurros e de esterco tales como a contaminación difusa da auga (eutrofización, contaminación por nitratos e contaminación microbiolóxica), acumulación de fósforo e metais pesados no solo e emisións á atmosfera de amoníaco e gases de efecto invernadoiro, así como a xeración de olores”.

O que é un risco inminente xa en determinadas comarcas gandeiras -agravado pola falta de ordenación do territorio que facilite ás explotacións aumentar a súa base territorial- pode, segundo o goberno da Xunta, converterse mediante o envío destes xurros a plantas de tratamento nunha oportunidade, “creando unha fonte recorrente e segura de fertilizantes naturais para as explotacións agrícolas que permita poñer a disposición do consumidor produtos máis seguros e de mellor calidade”.

“Non existe posibilidade de non regulación debido ás demandas da Unión Europea relativas á finalidade de reducir a contaminación causada ou provocada por nitratos de orixe agraria e actuar preventivamente contra contaminacións deste tipo. Temos tamén que escoitar o que demanda o consumidor: cada vez pide produtos máis sustentables e con clara información nutricional e de procesos”, subliña José Balseiros. director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural

Como funcionará o novo sistema de xestión dos xurros gandeiros en Galicia?

Neste sentido, o novo sistema de xestión de xurros e estercos gandeiros que pretende implantar o goberno da Xunta funcionaría do seguinte xeito:

-Instalación dunha aplicación informática en todas as explotacións agrogandeiras de Galicia para controlar os xurros e os estercos que producen e onde os aplican: 

“Farémolo mediante unha aplicación informática na que estamos a traballar e que se lle facilitará aos titulares das explotacións agrogandeiras, que nos permitará á Xunta saber en todo momento o tipo de cultivo que fai cada explotación, a superficie que ten e o gando co que conta. E en base a iso ímoslle dicir canto xurro ou esterco pode aplicar e en que momento”, explica José Balseiros.

O obxectivo é evitar, por exemplo, unha aplicación excesiva de xurros na mesma parcela, o que pode levar a contaminación por nitratos das augas e emisións de amoníaco á atmósfera.

“Desta forma saberemos canto xurro pode botar cada explotación, en que momento e para que cultivos”, avanza o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

-Para as ganderías que producen máis xurro do que poden aplicar:

Para aquelas explotacións que teñan un exceso de xurro ou de esterco, en base á base territorial e aos cultivos dos que dispoñen, terán que entregalo á Xunta de Galicia para a súa xestión. Serán recollidos en camións cisterna e levados ás 4 plantas de tratamento iniciais situadas nas comarcas de O Deza, Vilalba-A Pastoriza, A Limia e Xallas-Mazaricos, as comarcas de maior carga gandeira de Galicia neste momento.

“Os camións cisterna que recollan ese excedente nas granxas levarano á planta máis cercana. Nun primeiro momento separarase a parte líquida da sólida, o que supón entre o 18 e o 20% do xurro. Posteriormente, esa parte será secada e compostada con galiñaza e con biomasa forestal triturada para producir un abono orgánico de alta calidade e óptimo para aplicar na agricultura, que se porá á venda para os agricultores a prezo de custo. En canto á fracción líquida, será sometida a varios tratamentos, incluída de ósmose, de forma que o 57% da mesma sairía como auga totalmente depurada para verter aos cauces e o arredor do 15% restante estase a estudar diversas fórmulas, dende sometela a un proceso de evaporación a vendela como fertilizante líquido”, avanza José Balseiros.

“En todo caso, -matiza- deixamos aberta na lei o tipo de tecnoloxía a empregar nas plantas, para adaptarse á tecnoloxía máis rendible no momento en que se constrúan as plantas”.

Nunha segunda fase, construiranse plantas de tratamento de xurros a nivel local e adaptadas ás necesidades de cada explotación. “Por exemplo, para granxas de porcino de nais sería interesante xerar con eses xurros calor para calefacción. A nosa intención é subvencionar esas plantas de tratamento de proximidade, priorizando a aquelas gandeirías que se agrupen”, explica o director xeral da Consellería de Medio Rural.

Quen pagará as plantas e o tratamento dos xurros?

Sobre o custo deste sistema de tratamento, Balseiros recoñece que “é elevado”: Entre 120 e 140 millóns de euros para a construción das 4 plantas iniciais e do sistema de recollida, que sería fianciado polas empresas adxudicatarias, ás que a Xunta lles pagaría un canon anual.

¿Por qué se elixiu este sistema orientado á xeración de compost e non á producción de enerxía eléctrica mediante biogás, o máis empregado ata agora en España?: “Estivemos vendo as distintas plantas e modelos de tratamento dos xurros gandeiros que hai en España e en Francia, Irlanda, Alemaña e Holanda e decantámonos polo sistema implantado neste último país por ser o máis viable económicante, pois non depende das axudas do goberno á electricidade e ademáis servirá para fornecer de fertilizante orgánica a toda a superficie abandonada que queremos poñer a producir coa Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia”.

Canto pagará o gandeiro porque lle traten os xurros? “En Holanda cobran ao gandeiro 27 euros por metro cúbico tratado, un prezo que en Galicia non sería viable para as explotacións gandeiras”, recoñece.

Neste sentido, a Consellería de Medio Rural pretende sufragar o tratamento través dun ecoesquema, unha axuda específica para mellorar a sustentabilidade mediombiental que prevé incorporar a nova PAC. “Xa llo planteamos tanto ao FEGA como ao Ministerio de Agricultura para incluílo, a maiores do que nos corresponde, no vindeiro Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia”, asegura José Balseiros.

“Desta forma -engade- o que se lle cobre á explotación por xestionar eses xurros será subvencionado en gran medida, senón na súa totalidade, por ese ecoesquema, dando unha prima ben por cabeza de gando ou por metro cúbico xestionado”. “Queremos que o coste sexa mínimo para o gandeiro”, subliña.

A Consellería de Medio Rural confía en contar con esta axuda para o ecoesquema: “Presentámoslle o proxecto ao FEGA e ao Ministerio de Agricultura e vírono con moi bos ollos, e mesmo queren exportalo a outras Comunidades Autónomas. Cremos que vai contar tamén co apoio da Unión Europea”, avanza o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Cando se prevé que entre en funcionamento?

O “Anteproxecto de lei Reguladora do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas en explotacións de Galicia” pasou xa a fase de exposición pública no Portal da Transparencia, onde recibiu 12 achegas. “Unha vez presentado no Consello Agrario, traballamos co horizonte de que en 6 ou 8 meses nos gustaría que a lei estivese aprobada, e a partir de aí empezar coa declaración de servizo público e tramitación da licitación”, informa José Balseiros. “Aquilatando moito as cousas -engade- estaríamos con entre 5 e 6 meses máis e a partir de aí deberíamos ter funcionando todo”. É dicir, sobre mediados do ano 2021 debería comezar a funcionar en Galicia o novo sistema de control e xestión dos xurros e estercos gandeiros.

Obxectivo: A Xunta quere implantar un sistema de blockchain para darlle máis valor aos produtos agroalimentarios galegos

Esta nova normativa enmárcase dentro dunha estratexia global do goberno da Xunta para que “todos os produtos agroalimentario galegos ofrezan ao consumidor información verificada e contrastable de sustentabilidade medioambiental, ademáis de benestar animal e de calidade nutricional, que é o que demanda o mercado”, subliña José Balseiros

Neste sentido, avanza que “estamos a traballar nunha especie de blockchain que ofreza ao cliente toda esa información”, escaneando co seu teléfono móbil no liñal do establecemento comercial a etiqueta de barras ou un código QR do produto en cuestión.

Ata o 2021 a Xunta confía en manter as excepcións á aplicación do xurro mediante tubos colgantes

En canto á prohibición do Ministerio de Agricultura de exparexer os xurros mediante sistema de prato, abano ou canón, para pasar a enterralos na terra mediante un sistema de inxección e tubos colgantes, o director xeral de Gandería afirma que “a nosa idea é manter en Galicia esa excepcionalidade nos anos 2020 e 2021, de forma que se poda seguir aplicando o xurro como ata o de agora”.

En todo caso, recoñece que “en datas recentes puden ler declaracións na prensa do actual ministro de Agricultura nas que informaba de que, habida conta de que os próximos fondos da PAC van xirar en torno á sustentabilidade, traballan co obxectivo de prohibir esas excepcións canto antes a través dunha nova lei de nutrición dos solos agrícolas”.

“Oficialmente a nós non se nos informou disto, o único que coñecemos son esas declaracións do ministro, pero ata que teñamos algo oficial e por escrito non nos podemos pronunciar. En todo caso, dende a Xunta reclamamos un período de transición e axudas cofinanciadas entre as Comunidades e o Ministerio para implantar eses novos sistemas de aplicación de xurro, pero sen poñer en risco a viabilidade económica das ganderías”, subliña.

“De momento, por parte da Xunta mantéñense as excepcións este ano e o que ven, agás norma de rango maior que veña do goberno central”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información