Así é Novipro, o plan de recría de xovencas da cooperativa Clun

A cooperativa galega lanza un plan para mellorar a recría entre as súas gandarías socias. Trátase do segundo capítulo de gasto dunha granxa e no que existe maior marxe de mellora. Este mércores presentouse ante 200 gandeiros na planta de CLUN en Pontemaceira

Así é Novipro, o plan de recría de xovencas da cooperativa Clun

Presentación de NOVIPRO na sé de CLUN en Pontemaceira

Uns 200 gandeiros déronse cita este mércores na sede de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) en Pontemaceira (Ames-A Coruña) para asistir á presentación de NOVIPRO, o programa de recría de xovencas co que a cooperativa pretende mellorar a rendibilidade das súas gandarías socias.

E é que, tal e como expuxeron todos os relatores, a recría é a área na que a día de hoxe existe unha maior marxe de mellora nas gandarías de vacún de leite, un aspecto clave tendo en conta que é o segundo capítulo de gasto dunha granxa, oscilando entre o 15 e o 20% do total. Outro dato ilustrativo do que se pode mellorar é que a porcentaxe de eliminación dos animais que non superan a primeira lactación pode chegar ao 45% e de media rolda o 20%, penalizando de forma importante a rendibilidade da granxa.

Neste sentido, o programa NOVIPRO, desenvolvido polos técnicos de CLUN en colaboración con MSD Animal Helth, márcase como obxectivo incrementar a produción vitalicia e a lonxevidade das vacas, reducir a taxa de reposición, mellorar o estado de saúde do rabaño e, en definitiva, aumentar a rendibilidade das ganderías.

Na presentación de NOVIPRO, que o martes se realizou na sede de CLUN en Ribadeo e hoxe xoves en Melide, interviñeron o director xeral da cooperativa, José Luís Antuña; Carolina Tejero, técnica de vacún leiteiro de MSD Animal Health; Alfonso Goris, xefe de alimentación animal de CLUN e Juan Gómez-Vadillo, xefe de vendas agrogandeiras de CLUN .

10 claves para mellorar a recría en vacún de leite

A modo de resumo, as principais claves do programa NOVIPRO nas que incidiron os relatores son:

1) Recollida de datos:

Un dos problemas frecuentes que se atopan é que o gandeiro non ten datos de canto lle custa recriar unha xovenca-agás se a externaliza nun centro de recría-, así como a porcentaxe de mortalidade e de morbilidade; é dicir, de xatas que enferman. Levar un rexistro dos animais que enferman ou morren nos primeiros meses de vida, así como pesalos e medilos tanto ao nacer, como nas distintas fases da recría é unha medida que facilita moito a identificación de problemas e a toma de decisións adecuadas.

2) Marcarse obxectivos:

-Técnicos e gandeiros deben marcar de forma acordada obxectivos tanto a nivel de saúde como de crecemento das tenreiras, adaptados á realidade de cada explotación.

-A nivel de saúde o obxectivo debería ser que a taxa de mortalidade das tenreiras sexa de menos do 3% e do menos do 25% de morbilidade, correspondendo o 15% a tenreiras que enferman por diarreas e o 10% a animais que padecen enfermidades respiratorias.

-A nivel de desenvolvemento, e dentro dun programa de alimentación intensiva con leite, os obxectivos deben ser:

-Que aos 2 meses de vida as tenreiras dobren o seu peso ao nacemento.
-Que alcancen o 55% do seu peso maduro no momento de inseminalas, marcándose como obxectivo inseminar aos 13 meses.
-Que despois do primeiro parto, aos 22 meses como obxectivo, os animais alcancen o 85% do peso maduro.

O peso maduro defínese como específico de cada granxa e mídese como o peso medio das vacas de máis de 2 partos, cunha condición corporal ao redor de 3 e ao redor dos 150 días en leite. Como media, se o peso maduro dunha granxa é de 675 quilos por animal as tenreiras deberían pesar 86 quilos aos 2 meses, 370 kg no momento de inseminalas e 610 quilos tras o primeiro parto.

3) Conformación dos lotes de recría:

-Os animais que entren nos lotes deben estar sans, para evitar que propaguen enfermidades, e ter vigor e capacidade suficiente de succión, pois do contrario verán comprometido o seu desenvolvemento polos animais dominantes.

-Xuntar aos animais máis débiles nun lote a parte, pois está demostrado que ao non sufrir a competencia dos máis fortes recuperan o seu desenvolvemento.

4) Inseminar antes:

-Aconséllase un programa de alimentación intensiva en leite para que as becerras alcancen antes a súa madurez e desenvolvemento e poidan ser inseminadas e parir antes. “As razóns son exclusivamente económicas: os animais van dar leite antes, redúcense os custos de alimentación e fai falta menos recría no rabaño. Pero para inseminar antes, aos 13 meses, a tenreira debe estar desenvolvida e estar nese 55% do seu peso adulto”, destaca Alfonso Goris.

“Se a recría fíxose ben as primeirizas no seu pico de lactación deben producir en torno ao 75% do leite da media das vacas adultas. Se produce menos é que tivemos un problema na recría e se producen máis, poida que teñamos un problema nas vacas adultas”, engade.

No caso de que inseminemos ás tenreiras sen que chegasen a estes obxectivos de madurez, tras o parto dedicarán máis reservas de enerxía a completar o seu atraso de desenvolvemento, en detrimento da produción de leite.

5) Mellora da hixiene:

-Durante o parto, as vacas e as tenreiras deben pasar o menor tempo posible nas parideiras comúns e pasar a un espazo seco e desinfectado canto antes. As primeiras horas de vida é cando se rexistran a maior parte das enfermidades infecciosas. “Debemos ter protocolos específicos para as tenreiras máis débiles, porque moitos animais pódense salvar simplemente aplicándolles calor media lámpadas ou outro sistema de calefacción?”, destaca Carolina Tejero.

-Se se utilizan cubos -máis fáciles de limpar- para alimentar aos tenreiros débese seguir un protocolo semanal de limpeza, que aínda deberá ser máis esixente se empregamos biberóns ou cubos con tetos, pois estes acumulan máis patóxenos e son máis difíciles de desinfectar. “Cos cubos, tetos ou biberóns debemos seguir o mesmo protocolo de limpeza que na sala de muxido, pois tamén estamos a traballar con leite e podemos transmitir moitos patóxenos e diseminar enfermidades entre as tenreiras”, advertiu Carolina Tejero.

6) Auga:

-Débese colocar un recipiente desinfectado con auga limpa e fresca desde os primeiros días de vida. Na fase de transición o consumo de auga está directamente relacionado co consumo de penso, polo que debemos garantir que estea dispoñible en cantidade e en calidade, especialmente no verán.

-A temperatura da auga pode ser limitante do crecemento durante o inverno. Neste sentido, comprobouse que as tenreiras ás que se lles administra auga tépeda no inverno medran máis.

7) Alimentación intensiva en leite:

-A tendencia nos últimos anos é ir a programas intensivos de alimentación das becerras en base a leite, pasando dos 4 litros diarios nas primeiras semanas e en dúas tomas a entre 6 e 10 litros diarios. E é que se demostrou que as tenreiras durante as primeiras semanas de vida son máis eficientes convertendo o leite en ganancia de peso, e ademais alimentándoas con máis leite serán animais que producirán máis leite na primeira lactación e terán un mellor sistema inmunitario, e por tanto padecerán menos enfermidades.

Coa alimentación intensiva en leite o destete adóitase atrasar desde as 6 ás 8 semanas, para favorecer a transición ao penso.

-Os leites en po maternizados ampliaron a súa oferta no mercado, con gamas con maior contido en sólidos (graxa, proteínas..) e, por tanto, maior densidade enerxética. Por iso, e para evitar problemas na saúde das tenreiras, é crucial respectar e cumprir coas indicacións do fabricante en canto ás doses de leite en po por auga e tamén en canto á súa preparación, mesturando correctamente, de forma que haxa emulsión do leite -removela non é suficiente- e non queden pousos no fondo.

-A temperatura á que se lle debe administrar o leite ás becerras debe estar entre 39 e 42 graos, unha temperatura que se debe medir no momento de administrala á última tenreira, non cando se elabora (que loxicamente terá que ser maior, sobre todo no inverno).

-En caso de contar cunha amamantadora, é necesario revisar periodicamente que funciona correctamente o lavado automático, así como comprobar que elabora ben o leite e medir o desenvolvemento das tenreiras. Así mesmo, é imprescindible cambiar os tubos da amamantadora, pois acumulan co tempo sólidos do leite que son un foco de patóxenos.

-O leite de vaca é un alimento excepcional para os tenreiros, pero aconséllase tomar unhas medidas de prevención para garantir a súa óptimo estado sanitario. Neste sentido, se se utiliza leite de descarte de vacas en transición (con maior contido en sólidos) ou de animais con recontos altos de células en tanque (con menor contido en graxa e en proteína), aconséllase pasteurizalo antes para eliminar patóxenos e corrixir as variacións de concentracións de sólidos con suplementos proteicos. É totalmente desaconsellable darlle ás tenreiras leite de vacas que están a ser tratadas con antibióticos.

8) Composición corporal:

-A clave da recría é lograr ganancias altas de peso do animais pero sen engraxamento, pois un exceso de graxa penalizará a produción de leite e favorecerá a aparición de problemas de saúde (cetose, resistencia á insulina…..).

9) Programas sanitarios de prevención e de biocontención.

As enfermidades máis comúns en tenreiras e principais causas de baixas son as diarreas e as pneumonías. Contra as primeiras recoméndase un plan vacinal das vacas en preparto e unha boa administración do costro aos tenreiros, tanto en cantidade, temperatura como en calidade sanitaria do mesmo.

No caso das enfermidades respiratorias é necesario un programa de prevención específico parar cada granxa, pois unha lesión pulmonar nesta etapa compromete claramente o rendemento da vaca adulta. De novo, o manexo resulta clave, sendo moi necesario manter unha cama seca e quente, libre de correntes de aire pero cunha boa ventilación.

10) ¿Cando e como se decide que unha becerra non se recría?

“Non debemos recriar todo, só as tenreiras sas e máis desenvolvidas”, subliña Carolina Tejero. Un criterio que se pode utilizar para descartar as que non imos recriar é realizar unha revisión aos 3 meses a aquelas que estean entre un 10 e un 15% por baixo dos obxectivos de peso vivo a esa idade non recrialas, así como aquelas que presenten problemas de saúde, especialmente a nivel pulmonar.

En Estados Unidos hai granxas que utilizan como criterio descartar a aquelas becerras que non acadan os 80 kg de peso ao destete.

“Canto máis esperemos en descartar máis diñeiro perderemos e non o recuperaremos na venda para carne”, subliña Carolina Tejero.

Un programa adaptado a cada granxa para mellorar a súa rendibilidade

NOVIPRO_CLUN_FICHA

Segundo Juan Gómez-Vadillo, xefe de vendas agrogandeiras de CLUN, o programa de recría NOVIPRO “é un programa dinámico, que se axusta a cada granxa, de forma que os técnicos de CLUN xunto cos gandeiros van tomar en conxunto as decisións adecuadas para lograr o obxectivo dunha recría máis rendible”.

Unha alimentación específica para cada unha das fases de recría

A nivel de alimentación, o programa NOVIPRO ofrece uns produtos específicos para mellorar o desenvolvemento das tenreiras en cada unha das fases.

1) Lactación:

Ofrece leites maternizados de alta calidade (Tató Premium, Tató Elite e Tató Basic) de alta dixestibilidade xunto ao penso NOVIPRO STARTER 200, un produto texturizado e con copos de millo, guisante e avea, entre outros, xunto a lévedos vivos e probióticos para garantir o crecemento e a saúde do animal.

2) Destete:

Tamén se ofrece un penso específico, o NOVIPRO STARTER 50, que se debe combinar na alimentación con forraxes de alta calidade.

3) Crecemento:
Os obxectivos desta fase son que a tenreira creza pero non engorde de forma que aos 13 meses alcance o 55% do seu peso maduro. Para iso CLUN desenvolveu fórmulas específicas de pensos, como o NOVIPRO 23, para racións a base de feno ou silo de herba, ou o NOVIPRO CRECEMENTO 50, para xovencas que son alimentadas con forraxes de silo de millo e palla.

Ademais, para aquelas gandarías con falta de forraxe ou con problemas de manexo (dificultade de elaborar unha ración específica para novelas) CLUN ofrece pacas completas con forraxes e pensos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información